A situación do coronavirus volve empeorar en Galicia, con 8 mortes e 151 novos positivos notificados no último día

CC-BY-NC-SA Praza Pública

Galicia convértese na segunda comunidade autónoma onde máis crecen os positivos, só por detrás de Cataluña (391) e por diante mesmo de Madrid (52)

Os indicadores epidemiolóxicos do coronavirus empeoran este venres, segundo os datos difundidos polo Ministerio de Sanidade e a Xunta e que corresponden á situación existente ata a noite deste xoves. A diferenza do que sucedeu onte, cando por primeira vez dende o inicio do confinamento non se notificaran falecementos en Galicia, este venres o número de mortes volve medrar en 8, sumando un total de 555, dos que case a metade (251) corresponden a residencias de maiores.

Tamén aumenta notablemente o número de novos positivos detectados por PCR, un total de 151 (onte foran 22) e Galicia convértese, de feito, na segunda comunidade autónoma onde máis crecen os positivos, só por detrás de Cataluña (391) e por diante mesmo de Madrid (52).

A incidencia acumulada nos últimos 14 días (número de casos positivos detectados por PCR por cada 100.000 habitantes) sitúase en Galicia nos 60,23 casos, practicamente igualando a media española (63,78). Sete comuidades están por debaixo de 30 casos en 14 días (ao redor de 2 positivos diarios por cada 100.000 habitantes), un indicador que pode ser unha das referencias para que un territorio avance á seguinte fase da desescalada.

Como tamén sucedía este xoves, o dato da evolución dos novos positivos detectados (difundida polo Ministerio a partir dos datos fornecidos polo Goberno galego) non coincide coa evolución que segundo a Xunta segue o total de casos de coronavirus, pois a suma de casos activos, mortes e altas aumenta só en 122. Este xoves, mentres o Ministerio publicaba un incremento de 22 positivos en Galicia, os datos da Consellería de Sanidade -descontadas curacións e falecementos- falaban de 140.

O número de enfermos e enfermas de Covid-19 internados nos hospitais galegos segue en descenso: son 45 en UCI e 278 en planta, fronte aos 47 e 344 deste xoves

Os datos positivos chegan pola banda das curacións, que aumentan en 243 e suman xa 5.816 en Galicia dende o inicio da crise. Iso fai que descenda a cifra total do que a Xunta denomina 'casos activos', que abrangue os e as pacientes que se atopan hospitalizados/as ou nos seus domicilios. O total de casos activos pasa de 3.486 a 3.357 e tamén descendo a cifra de casos positivos que se atopan en illamento nas súas vivendas: pasa de 3.105 a 3.034.

Hai tamén boas novas na ocupación hospitalaria: a pesar de que no último día houbo 3 pacientes de coronavirus que necesitaron de ingreso en UCI e que 12 foron ingresaron en unidades hospitalarias convencionais, o número de enfermos e enfermas de Covid-19 internados/as nos hospitais galegos segue en descenso: son 45 en UCI e 278 en planta, fronte aos 47 e 344 deste xoves. A taxa de hospitalización (porcentaxe de novos casos de coronavirus que necesitan de ingreso hospitalario móvese en Galicia ao redor do 10%).

O número de usuarios/as e traballadores/as de residencias infectados/as polo coronavirus baixa dos mil por primeira vez dende o 6 de abril

Tamén mellora a situación das residencias de maiores e outros centros asistenciais. Seguen a acumular unha parte moi importante dos falecementos, un total de 251 sobre as 555 que se produciron en toda Galicia (delas, 128 nas propias residencias e 123 en hospitais e residencias integradas). Descende o número de persoas usuarias e de traballadoras/es que seguen infectados e infectadas pola Covid-19. Este venres son 980, baixando esta cifra das mil por primeira vez dende o pasado 6 de abril

Este xoves notificouse a realización de 2.735 novas probas PCR, elevando a cifra total ata case as 100.000 (98.830), un límite simbólico que probablemente se superará nos datos que se coñecerán este sábado. A porcentaxe de probas PCR que dan positivo en Galicia roldou este xoves o 5,5%, unha porcentaxe lixeiramente superior á que se viña dando nas dúas semanas anteriores.

A área sanitaria da Coruña convértese no territorio cun maior número de casos activos, pero a de Ourense segue a ser, con gran diferenza, a que presenta unha maior incidencia da enfermidade

Por áreas sanitarias, o descenso no número de casos activos déixase notar en case todas elas. 800 son da área da Coruña, 238 da de Lugo, 673 da de Ourense, 208 da de Pontevedra, 791 da área de Vigo, 489 da de Santiago, e 158 da de Ferrol. Este venres prodúcese un importante descenso nas áreas de Vigo e Ourense, e caídas máis moderadas no resto. 

A área sanitaria da Coruña convértese no territorio cun maior número de casos activos, pero a de Ourense segue a ser, con gran diferenza, a que presenta unha maior incidencia da enfermidade, con máis de 220 casos por cada 100.000 habitantes, por diante da Coruña, Vigo e Compostela.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.