A Xunta autoriza a caza da rula malia ser unha especie ameazada e arríscase a unha sanción da UE

Un exemplar de rula CC-BY-SA Andrej Chudy

O pasado mes de maio a Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta autorizou a caza da rula (Streptopelia turtur) en 9 concellos da comarca da Limia no período da media veda, que comeza este 17 de agosto e remata o 8 de setembro. Fíxoo a pesar de que esta especie se atopa "nun franco declive", denuncia a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e de que a caza se levará a cabo nunha zona de especial protección para as aves (ZEPA), nun espazo natural protexido que forma parte da Rede Natura.

Seis entidades conservacionistas reclamáronlle esta semana á Dirección Xeral de Patrimonio Natural a suspensión inmediata da caza da rula

España ten perdido un 40 % das rulas reprodutoras no período 1996-2016, en base aos datos proporcionados polo Instituto de Investigación en Recursos Cinexéticos do CSIC, e as diminucións máis destacadas son as de Galicia e País Vasco. 

A grave situación da rula levou a que a Comisión Europea iniciara o pasado 25 de xullo un proceso de infracción contra o Estado español por non tomar medidas de conservación que freen o seu declive. España acubilla máis da metade da poboación reprodutora da UE, polo que é o país clave na conservación desta ave que está a sufrir en toda Europa un forte retroceso. A Comisión Europea comunicou a vulneración de tres artigos da Directiva 2009/147/CE, relativa á conservación das aves silvestres, coñecida habitualmente como Directiva Aves. E agora o Estado español ten dous meses para demostrar que reforzou as medidas de conservación da rula.

Seis entidades conservacionistas reclamáronlle esta semana á Dirección Xeral de Patrimonio Natural a suspensión inmediata da caza da rula "diante das evidencias científicas da súa grave situación". E tamén solicitaron que se apliquen "medidas suplementarias que permitan recuperar con prontitude as súas poboacións galegas". Dende o ano 2018 existe un Plan de Acción Europeo para a Conservación da Rula no que se inclúen medidas para preservar e restaurar os hábitats favorables para a rula e no que se recollen accións de urxencia, como a de establecer unha moratoria da súa caza. E, de feito, a caza da rula está prohibida en Asturias, Cantabria, Canarias e Comunidade Valenciana, mais non en Galicia.

A Xunta "prefire correr o risco de sancións económicas e penais, dobregándose aos intereses dunha presa de cazadores ourensáns", denuncia a SGHN

A autorización para a súa caza na Limia é unha medida que vai no sentido contrario das recomendacións das entidades conservacionistas e da propia normativa e recomendacións da UE. Polo tanto, o Goberno galego arríscase a ser sancionado polas autoridades europeas. A SGHN denuncia que a Xunta se nega a suspender cautelarmente a caza desta especie ameazada e que "prefire correr o risco de sancións económicas e penais, dobregándose aos intereses dunha presa de cazadores ourensáns".

Un exemplar de rula CC-BY-SA Yuvalr

O principal núcleo reprodutor da rula común en Galicia é A Limia, que nos últimos anos perdeu un 37% dos seus efectivos

Cun 18% das rulas reprodutoras españolas, Galicia é a segunda comunidade autónoma en importancia para a rula común. O principal núcleo reprodutor da rula común en Galicia é A Limia, que nos últimos anos perdeu un 37% dos seus efectivos, segundo os censos de membros de SGHN. Por este motivo, ADEGA, Ecoloxistas en Acción, Grupo Naturalista Hábitat, SGHN, Verdegaia e Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) demandaron a inclusión da rula común no Catálogo Galego de Especies Ameazadas na categoría de vulnerable.

Así mesmo, Ecoloxistas en Acción informou o pasado venres ao fiscal delegado de Medio Ambiente en Galicia da posible comisión dun delito de vulneración do artigo 404 do Código Penal, por ter autorizado a Dirección Xeral a caza da rula común. 

 

As causas da diminución da poboación

"A prohibición da súa caza é a medida máis eficaz entre as que se poden tomar no curto prazo para que non diminúan as súas poboacións"

A SGO explica que se trata dunha ave ligada aos sistemas agrarios, onde se alimenta principalmente de sementes de malas herbas nas terras de labor. E que, polo tanto, "está a padecer a transformación do mundo rural". "O abandono das fincas que se pechan con mato e o uso sistemático de herbicidas están a afectarlle gravemente, pois diminúen as súas posibilidades de alimentación". A outra grande ameaza é caza, pois como especie migratoria, "a rula está exposta nos seus desprazamentos a numerosas baixas por causas naturais" e por ese motivo "a prohibición da súa caza é a medida máis eficaz entre as que se poden tomar no curto prazo para que non diminúan as súas poboacións".

 

Risco tamén para o paspallás

Nesa mesma resolución, o Goberno galego autorizaba a caza do paspallás (Coturnix coturnix), especie migradora igualmente protexida pola Directiva Aves da Unión Europea. A SGHN sinala que a súa caza na media veda "supón dar morte a exemplares nunha época do ano na que aínda están criando os polos das súas últimas postas", feito que tamén vulnera a Directiva Aves.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.