Dende que ingresou no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, a familia reclamou poder estar na súa compañía, xa que eran conscientes de que "a súa nai/esposa estaba nos últimos momentos da súa vida"
O Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Vigo condenou á Consellería de Sanidade a indemnizar con 16.000 euros aos tres fillos e ao marido dunha muller que faleceu o 1 de febreiro de 2022 no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo polos danos e prexuízos sufridos por impedirlles acompañala durante os seus últimos días de vida, xa que a doente dera positivo na proba da COVID-19. A sentenza é firme, pois contra ela non cabe interpoñer recurso de apelación.
Dende que ingresou, a familia reclamou poder estar na súa compañía, xa que eran conscientes de que "a súa nai/esposa estaba nos últimos momentos da súa vida”, pois padecía un cancro terminal en estadio IV dende xullo do ano anterior. A sentenza considera acreditado que se lles produciu un claro prexuízo moral, xa que non puideron compartir con ela eses momentos derradeiros "para darlle calma, acompañamento e poder despedirse debidamente”.
A Consellería de Sanidade alegou que a negativa se debeu “ao disposto nos protocolos de actuación vixentes". Porén, o protocolo autorizaba a recepción de visitas de doentes coa COVID-19 “ao final da vida”.
A Consellería de Sanidade alegou que a negativa ao acompañamento da falecida se debeu “ao disposto nos protocolos de actuación vixentes, os cales foron cumpridos correctamente, de maneira que cando se tivo coñecemento de que se ía a producir o falecemento da doente, se permitiu o acompañamento da mesma”.
Porén, a xuíza conclúe que debeu permitirse aos familiares acudir a visitar á paciente con anterioridade ao momento en que efectivamente se lles deixou. Así, salienta que o protocolo autorizaba a recepción de visitas de doentes coa COVID-19 “ao final da vida”.
A maxistrada conclúe que se lles privou da posibilidade de estar con ela durante catro días (desde o 25 de xaneiro ao 29, que xa puideron visitala)
A sentenza recolle a existencia de informes médicos emitidos a partir do día 24 de xaneiro de 2022 nos que consta a "constancia" de que a paciente "se atopaba desconectada do mundo, con moi pouca consciencia e moi adormecida”, o que debeu de “facer sospeitar aos facultativos que a atendían de que se encontraba, efectivamente, ao final da súa vida”.
Con todo, a sentenza sinala que “é certo que o acompañamento non podía producirse desde o momento mesmo do ingreso en urxencias, como reclaman os recorrentes, senón que tiña que haber uns mínimos indicios de que, efectivamente, a paciente se atopaba ao final da súa vida”. A xuíza entende que eses indicios concorreron a partir do 25 de xaneiro de 2022, polo que conclúe que se lles privou da posibilidade de estar con ela durante catro días (desde o 25 de xaneiro ao 29, que xa puideron visitala).
Cando finalmente puideron vela -dous días antes do seu falecemento- xa se atopaba "nun estado moi limitado de consciencia"
A xuíza conclúe que “o feito de que non se permitise aos recorrentes acompañar á doente a partir do día 24 de xaneiro impediulles despedirse realmente dela, pois cando puideron vela -dous días antes do seu falecemento, cando xa se iniciou o tratamento con morfina para evitar o sufrimento previo ao falecemento- xa se atopaba nun estado moi limitado de consciencia”.
"A situación sanitaria no momento dos feitos xa non era dunha extrema gravidade que fixese necesarias grandes restricións dos dereitos dos pacientes para evitar a propagación do virus, tendo así que prevalecer o dereito á saúde pública”, di a sentenza
Así mesmo, a maxistrada sinala que debe terse en conta “que a situación sanitaria existente no momento dos feitos (xaneiro de 2022) xa non era dunha extrema gravidade que fixese necesarias grandes restricións dos dereitos dos pacientes para evitar a propagación do virus, tendo así que prevalecer o dereito á saúde pública”. Así, indica que “a situación existente no devandito momento xustificaba unha certa flexibilización das medidas de prevención sanitarias que se adoptaban, como así se recoñeceu no protocolo que se aprobou pouco despois, o 14 de febreiro de 2022”.