A Xunta deixa só nove concellos con restricións de mobilidade pola COVID e centra na Coruña a procura de asintomáticos

Preparación de materiais para o cribado que comeza na Coruña este 13 de marzo e mapas de incidencia da COVID e de restricións da Xunta CC-BY-NC-SA Foto: Concello da Coruña | Montaxe: Praza Pública

A incidencia da COVID-19 transita en Galicia polo seu nivel máis baixo dende o pasado agosto. Estes indicadores seguen descendendo, especialmente a incidencia acumulada (casos novos por cada cen mil habitantes) a 14 días, mentres que a 7 días tende ao estancamento. Este venres, a propia Consellería de Sanidade a través da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, advertía que "seguimos diminuíndo", se ben "é obvio que a velocidade non é a mesma".

A Mezquita, Boborás, Vilardevós, Pontecesures e Paradela continuarán no nivel máximo, con peches perimetrais individuais e veto aos encontros entre non conviventes

Alén dese freo, o certo é que os primeiros reflexos da terceira desescalada na situación epidemiolóxica non se están a traducir en incrementos significativos. Froito desta conxuntura, dende as 00:00 do vindeiro luns, 15 de marzo, os niveis máximo e alto de restricións atinxirán só a 9 concellos. No máximo, que implica peche perimetral individual, veto aos encontros entre non conviventes e clausura da hostalería -entre outras medidas- mantéñense A Mezquita, Boborás, Vilardevós, Pontecesures e Paradela. No alto quedan Sobrado, Soutomaior, Arteixo e Chantada, con mobilidade só entre si e o interior da hostalería pechado, entre outras medidas.

Deste xeito, dende o vindeiro luns recuperan a mobilidade co resto de Galicia concellos como Ponte Caldelas, Vilanova de Arousa, Cariño, A Pobra do Brollón, Miño, Mugardos, Guitiriz ou Lourenzá. Ata as 23:59 do domingo, en calquera caso, segue vixente o mapa de restricións que entrou en vigor na medianoite do xoves ao venres.

167 casos novos, 127 diarios na última semana

Mentres Sanidade segue introducindo axustes menores no mapa de restricións -á espera das novidades para San Xosé e Semana Santa, cuxo marco xeral foi publicado este venres no Boletín Oficial do Estado-, o Sergas sumaba este 12 de marzo ao seu cómputo un total de 167 casos novos, os rexistrados entre as seis da tarde do mércores e a mesma hora do xoves, 11 de marzo. Deles, 133 son diagnósticos mediante probas PCR.

A media diaria de diagnósticos mediante PCR a sete días tende ao estancamento en niveis semellantes aos de mediados do pasado agosto

Atendendo aos datos por días naturais, ata o último completo dispoñible (o mércores, día 10) Galicia rexistra unha media diaria de 127 diagnósticos mediante PCR na última semana. É unha cifra idéntica á que se rexistraba a mediados de agosto do pasado ano -cando o Sergas dispuña dunha capacidade diagnóstica moito menor- e a súa tendencia segue sendo levemente descendente, aínda que tamén tende ao estancamento.

Malia ese freo, as cifras de altas epidemiolóxicas -as que o Sergas computa como "curacións"- seguen sendo superiores ás de casos novos e xa chegan ás 109.165. Isto permite que a cifra de casos positivos considerados "activos" siga descendendo, aínda que tamén cun ritmo lixeiramente menor, e quede en 2.931. Galicia non rexistraba menos de 3.000 positivos activos dende o pasado 27 de agosto.

Os focos do Sergas, na contorna da Coruña

O estancamento das cifras de casos novos en niveis semellantes aos do pasado agosto non impide que, cando menos de momento, siga aumentando o número de concellos sen novos casos rexistrados nos últimos 14 días (xa son 136, dous máis que un día antes). Os municipios sen positivos nos últimos sete días xa descenden, pero moi levemente, e quedan en 174 (-2).

Un bo número dos concellos coas incidencias acumuladas máis elevadas sitúanse na contorna da Coruña, onde este sábado comeza un cribado masivo para poboación de entre 18 e 60 anos

Como amosa o mapa baixo estas liñas, un bo número dos concellos con incidencias acumuladas máis elevadas concéntranse na Coruña e a súa contorna. Sanidade admite "preocupación" ao respecto e esa é a razón, resaltan dende a área sanitaria, pola que dende este sábado se desenvolverá na capital coruñesa -no aparcadoiro do Pavillón de Riazor- un cribado mediante test de saliva ao que estará citada a veciñanza de entre 18 e 60 anos, unhas 153.000 persoas. Trátase, resaltan, de dar atopado casos asintomáticos que poidan estar a contribuír a frear o descenso da incidencia na zona.

O Sergas comezará a ofrecer a realización de test de antíxeno a persoas que viaxen á Coruña a través do aeroporto e, proximamente, tamén na estación ferroviaria

Tamén na Coruña, avanzou Comesaña, o Sergas disponse a ofrecer a realización de test de antíxenos a persoas que cheguen á cidade a través do aeroporto en colaboración con AENA. Posteriormente, sinala, esa posibilidade existirá tamén na estación ferroviaria.

Esa diferenza entre A Coruña e o resto do país é tamén clara nos datos de incidencia acumulada das sete principais cidades. Así, A Coruña é a única que segue por riba dos 200 casos novos por cada cen mil habitantes a catorce días, aínda que descende un chisco e mellora tamén levemente no indicador a sete días, pasando de 269 a 255 casos novos detectados na última semana. Mentres o estancamento no descenso da incidencia vai afectando, en maior ou menor medida, a toda a Galicia urbana, dúas cidades semellan escapar polo momento a esa tendencia. É o caso de Pontevedra e especialmente de Lugo, a cidade con menor incidencia a 14 días, con 41 casos novos por cada cen mil habitantes nas últimas dúas semanas.

Lento descenso na ocupación das UCI

A hospitalización ordinaria experimenta outro lixeiro descenso e queda en 330 persoas, pero nas UCI hai aínda 73 pacientes coa COVID, dous máis que o día previo

Xunto aos datos de incidencia na área da Coruña, máis altos e con peor evolución xeral que no resto de Galicia, Sanidade admite tamén "preocupación" polos indicadores de hospitalización e, máis concretamente, pola "baixada lenta" na ocupación das unidades de coidados intensivos con pacientes con test positivo do coronavirus. Os datos deste venres (pechados ás seis da tarde do día previo) reflicten 73 pacientes infectados que precisan coidados na UCI (dous máis) mentres a hospitalización ordinaria segue descendendo e o total de ingresos se sitúa en 330, 70 menos que unha semana antes.

Como amosa o gráfico sobre estas liñas, o alivio nos indicadores de hospitalización é moito máis lento que a baixada da incidencia e, sobre todo, a presión hospitalaria é agora moito máis alta que noutras etapas da pandemia con niveis de incidencia semellantes. Así, por exemplo, contra finais de agosto o total de persoas hospitalizadas con test positivo da COVID-19 nos hospitais galegos non chegaba a 150 e os ingresos na UCI non chegaban á vintena.

Tres mortes ao día

Neste contexto, tamén as cifras de mortalidade seguen descendendo, pero aínda sen chegar a un só día sen mortes de persoas contaxiadas, como chegara a suceder o pasado verán. Na última semana, Galicia rexistra unha media dunhas 3 mortes diarias de persoas que contraeran a COVID-19. Este venres, Sanidade engade cinco falecementos ao seu cómputo oficial (tres deles, das últimas vinte e catro horas) e o total chega xa a 2.289.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.