A Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, fai unha serie de recomendacións á cidadanía, nomeadamente ás persoas con enfermidades cardiocirculatorias ou pulmonares, anciáns, crianzas e embarazadas
Galicia amenceu este xoves con ceos despexados de nubes pero cubertos dunha capa de partículas en suspensión procedentes do fume dos incendios que estes días están a asolar Portugal, un filtro de po que escureceu o horizonte e tinxiu o sol de vermello. Pero máis aló da curiosidade do fenómeno, a elevada presenza deste po en suspensión pode ter efectos adversos para a saúde, o que levou a Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, a facer unha serie de recomendacións á cidadanía, dirixidas especialmente a persoas con enfermidades cardiocirculatorias ou pulmonares, anciáns, crianzas e embarazadas.
A Xunta recomenda "evitar a práctica de actividades ao aire libre, sobre todo exercicio intenso" e, ademais, "pechar as portas e fiestras para evitar a entrada de po nos domicilios". Ademais, suxire "manterse en ambientes húmidos e hidratarse, sobre todo, no caso daquela poboación que pode ser máis sensible". A Dirección Xeral de Saúde Pública subliña que "en caso de empeorar os síntomas respiratorios" é recomendable "consultar cos profesionais sanitarios ou chamar ao 061".
A Xunta recomenda "evitar a práctica de actividades ao aire libre, sobre todo exercicio intenso" e, ademais, "pechar as portas e fiestras para evitar a entrada de po nos domicilios"
A situación actual e a localización do nivel das partículas, así como a predición da súa posible chegada nos próximos días pódese consultar na páxina web de MeteoGalicia. Segundo os prognósticos do Copernicus Atmosphere o fume podería estenderse mañá a máis puntos.
Ao mediodía deste xoves, MeteoGalicia advirte da mala calidade do aire especialmente na área de Vigo e tamén na Costa da Morte. As estacións de medición de Balaídos e Coia rexistran valores moi elevados de partículas PM10 e PM2,5.
Segundo os prognósticos do Copernicus Atmosphere o fume podería estenderse mañá a máis puntos
Saúde Pública explica que o tamaño das partículas (PM) determina a perigosidade de po para a saúde. As partículas PM10 (de 10 micras) poden causar efectos nocivos na poboación, pois producen síntomas como irritación nos ollos, nariz, boca e gorxa. As menores, de 2,5 micras (PM2,5) teñen ademais "a capacidade de introducirse nos pulmóns e no torrente sanguíneo, producindo sobre todo, unha diminución da capacidade
respiratoria así como molestias torácicas, tose, palpitacións, fatiga ou incremento á susceptibilidade a infeccións respiratorias, polo menos durante os cinco días posteriores ao comezo do episodio".