Dende o pasado sábado iniciáronse no centro e norte do país luso máis dun cento de incendios forestais que provocaron xa a morte de sete persoas e feriron a outras 40
Portugal está a arder. Dende o pasado sábado iniciáronse no centro e norte do país luso máis dun cento de incendios forestais que provocaron xa a morte de sete persoas e feriron a outras 40, a maior parte bombeiros. A situación está lonxe de estar controlada, con cortes da circulación en seis autoestradas (A1, A25, A13, A24, A43, A41) e moitas outras estradas principais, ademais de liñas ferroviarias.
O elevado número de incendios simultáneos desbordou por completo ás autoridades portuguesas e os seus dispositivos de combate contra o lume, que ficaron en moitos lugares sen medios para facer fronte á expansión das chamas. O Goberno portugués, que solicitou axuda á Unión Europea "ao abrigo do Mecanismo Europeu de Proteção Civil" para controlar os incendios, recibiu xa a colaboración de España, Francia, Italia e Grecia. Ademais, dende a fin de semana decretou o estado de alerta.
O Goberno portugués, que solicitou axuda á Unión Europea, alerta da "conjuntura meteorológica extremamente difícil" que está a sufrir o país, con fortes ventos do leste
O primeiro ministro, Luís Montenegro, suspendeu a súa axenda e nun comunicado feito público na tarde deste luns alertou da "conjuntura meteorológica extremamente difícil" que está a sufrir o país, con fortes ventos do leste que unidos ás altas temperaturas é a falta de chuvias dos últimos días levaron á situación de maior risco para a expansión dos incendios forestais.
Catro persoas foron xa detidas dende o sábado pola súa relación cuns incendios que semellan intencionados na súa meirande parte. Reprodúcense en varios lugares do país as críticas ante a falta de medios e tamén pola falta de información recibida pola cidadanía afectada.
A traxedia de Pedrógão Grande e o terrible ano 2017 resoan aínda con toda a súa dureza na cidadanía portuguesa. A vaga de lumes que asolou o país luso -e tamén Galicia- nese ano tivo neste concello o seu episodio máis terrible, coa morte de 64 persoas. Aquel 2017, entre xuño (cando tivo lugar a traxedia de Pedrógão) e outubro -na vaga que tamén afectou a Galicia-, queimáronse máis de 400 mil hectáreas de terreo en Portugal, con xornadas coma o 15 de outubro na que se produciron máis de 500 incendios, con medio cento de mortes.
En tan só dous días -o domingo e o luns- arderon máis hectáreas de terreo que no resto do ano e segue a haber incendios moi perigosos nos arredores do Porto e en Aveiro
Este 2024 estaba a ser un ano tranquilo en canto aos incendios forestais, con poucos lumes en relación aos producidos noutros anos. Porén, en tan só dous días -o domingo e o luns- arderon máis hectáreas de terreo que no resto do ano.
Malia á implicación de cada vez máis medios humanos e materiais (máis de 5.000 persoas estaban a loitar contra o lume esta madrugada) o risco mantense moi elevado no centro e no norte do país e nas primeiras horas deste martes había 107 focos activos en 23 grandes incendios, especialmente nas freguesías de Oliveira de Azeméis, Paredes, Castro Daire e Nelas, nas proximidades da cidade do Porto e no distrito de Aveiro.
Nos últimos días dous incendios, xa estabilizados, en Pentes (A Gudiña) e Trez (Laza) queimaron 150 e 60 hectáreas
Tamén o sur de Galicia se está a ver afectada polos incendios nos últimos días, aínda que nunha dimensión moito menor que Portugal. A Consellería de Medio Rural informaba nas primeiras horas deste martes de dous incendios xa estabilizados en Pentes (A Gudiña) e Trez (Laza) que queimaron 150 e 60 hectáreas, respectivamente.
Así mesmo, foi xa extinguido outro en Mourentán (Arbo) que afectou a 23 hectáreas dende o domingo. Ademais, en Venceáns (Entrimo), reproduciuse un incendio rexistrado o pasado 4 de setembro (iniciado en Portugal) e que afectara ao Parque Natural Baixa Limia - Serra do Xurés; porén, xa foi controlado.
2024 está a ser, ata agora, un ano con poucos incendios en Galicia, con pouco máis dun milleiro de hectáreas queimadas
Este incendio de Entrimo, ademais doutro que se produciu nos mesmos días en Crecente, foi un dos máis importantes que afectaron a Galicia no que vai de ano, sumando os dous ao redor de 500 hectáreas arrasadas, case tanto como todo o queimado nos oito primeiros meses do ano.
Os incendios rexistrados nos últimos días na Gudiña, Laza e Arbo elevan a superficie total ardida en Galicia no 2024 por riba das mil hectáreas. Con todo, este continúa a ser uno benigno en canto aos incendios forestais no noso país, á espera dos últimos días do verán e do comezo do outono.