Os investigadores consideran que o incendio de Crecente, que obrigou a desaloxar vivendas e a activar a Unidade Militar de Emerxencias, foi intencionado
Unha meteoroloxía máis favorable está axudando nos traballos para controlar os incendios activos desde o pasado mércores en Crecente e Entrimo -este último chegado desde Portugal- que suman entre os dous máis de 500 hectáreas queimadas. Ata estes dous lumes a Xunta informara no que ía de ano dunhas 800 hectáreas ardidas en toda Galicia.
O incendio de Crecente, na parroquia de Filgueira, que os investigadores consideran intencionado e que se iniciou contra as dez e media da noite do mércores, obrigou a desaloxar vivendas nos núcleos de Ameixeira e Os Reinaldos. Tamén provocou a activación da Unidade Militar de Emerxencias.
A primeira hora da mañá deste venres a Consellería de Medio Rural informou de que neste incendio xa foi desactivada a Situación 2 por desaparecer o risco para os núcleos de poboación. Segundo a súa estimación o lume afecta a unhas 300 hectáreas "e conta cunha evolución positiva".
No caso do incendio de Entrimo, no parque natural do Xurés, o lume chegou desde Portugal. Alí Medio Rural fala dunhas 200 hectáreas afectadas e considera que o incendio xa está "estabilizado", pero aínda non controlado.
Además deste incendio, o parque do Xurés tamén rexistrou outro en Muíños nesta pasada noite do xoves ao venres que xa foi extinguido tras queimar 5,26 hectáreas.