A xustiza europea obriga o Estado a indemnizar un sindicalista da CIG condenado por "aldraxe" á bandeira española

Pablo Fragoso, durante unha concentración contra a condena CC-BY-NC-SA CIG

Pablo Fragoso fora condenado a pagar unha multa de 1.260 euros por "aldraxe" á bandeira española durante unhas protestas

En outubro do ano 2014, no marco dunha protestas das traballadoras do servizo de limpeza do Arsenal Militar de Ferrol (que reclamaban a Cleanet o pagamento dos seus salarios), o sindicalista da CIG Pablo Fragoso foi acusado de ter "insultado" á bandeira española e de ameazar con queimala durante o seu izado nun acto na porta do dique. O afectado foi acusado de "aldraxe" á bandeira e finalmente multado con 1.260 euros polo Xulgado do Penal número 1 da cidade naval, despois de que a Fiscalía solicitase unha sanción de 1.850.

A sentenza foi recorrida ante a Audiencia Provincial da Coruña e, finalmente, chegou ao Tribunal Constitucional, pois Fragoso alegaba que as palabras supostamente pronunciadas por el (o acusado sempre negou dicilas) se enmarcarían en calquera caso dentro da liberdade de expresión

Pablo Fragoso, no centro © CIG

Pero o Tribunal Constitucional acabou denegando o amparo a Fragoso, sinalando que "as aldraxes á bandeira española non están amparadas pola liberdade de expresión" e confirmando unha sentenza que agora vén de ser revogada pola xustiza europea. 

O Constitucional confirmara a condena ao considerar que "as aldraxes á bandeira non están amparadas pola liberdade de expresión"

O Constitucional consideraba que as expresións polas que Fragoso fora acusado "foron innecesarias para as reivindicacións salariais que o recorrente estaba a defender", engadindo que "non gardaban relación coas devanditas reivindicacións". Por isto, o Constitucional entendeu que esas expresións "foron realizadas á marxe e sen o amparo dos dereitos fundamentais invocados".

Agora, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) obriga o Estado español a indemnizar o sindicalista. Na sentenza, á que tivo acceso Praza.gal, o devandito tribunal condena a España a pagar 7.260 euros a Fragoso por considerar que se vulnerou o seu dereito á liberdade de expresión cando foi multado como autor dun delito de aldraxe.

Concentración en apoio de Pablo Fragoso CC-BY-NC-SA CIG

O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos condena a España a pagar 7.260 euros a Fragoso por considerar que se vulnerou o seu dereito á liberdade de expresión

O afectado acudiu ao TEDH mantendo que España incorrera nunha violación do artigo 10 do Convenio Europeo de Dereitos Humanos, aquel que aclara que "toda persoa ten dereito á liberdade de expresión e á liberdade de recibir ou de comunicar informacións ou ideas, sen que poida haber inxerencia de autoridades públicas e sen consideración de fronteiras". 

Así, o TEDH dá a razón a Fragoso e asegura que a Administración do Estado non logrou un xusto equilibrio entre os intereses en xogo ao "condenar o demandante e ao impoñerlle unha sanción tan excesiva". 

No seu recurso ao TEDH, o recorrente, como explica a CIG, alegou que aínda que a linguaxe usada fose dura, os tribunais internos deberían ter en conta o contexto no que se emitiron as expresións. Salientou que as súas declaracións se dirixían a un símbolo, non unha persoa, e non incitaron á violencia nin provocaron desordes públicas. O recorrente argumentou que a inxerencia non perseguía un "fin lexítimo" no sentido do artigo 10.2 da Convención. Por último, afirmou que as declaracións debían considerarse a expresión simbólica dun sentimento de decepción polo postura do estamento militar no conflito coa empresa contratista.

O TEDH acepta substancialmente estes razoamentos e rexeita os argumentos do Goberno español e do Tribunal Constitucional de que as expresións do sindicalista non tiñan ningunha relación coas protestas. Salienta que as autoridades militares pediron expresamente que "suavizase" a súa protesta durante a cerimonia solemne, de maneira que as frases contra a bandeira deben interpretarse en relación con esta actitude. Polo tanto, "é razoábel pensar que as frases contra a bandeira non eran un mero insulto, senón unha crítica e unha expresión de protesta e descontentamento cara ao persoal militar e a empresa de limpeza", explica a central sindical. 

Bandeira española pendurada na entrada do Arsenal Militar de Ferrol CC-BY-NC-SA CIG

A sentenza ten en conta que o recorrente era un representante sindical que fixo as declaracións durante unha protesta pola falta de pagamento de salarios, o que demostra un interese xeral para as persoas traballadoras que xustifica “un certo grao de esaxeración ou mesmo a provocación” nas expresións empregadas.

A CIG cre que a sentenza "cuestiona novamente a existencia de garantías para o exercicio do dereito á protesta democrática no Estado"

Finalmente, o TEDH observa que o demandante foi condenado a unha multa de 1.260 euros, que podería ser substituída pola privación de liberdade en caso de non ser paga, o que é manifestamente desproporcionado para o obxectivo perseguido, concluíndo que foi vulnerado o artigo 10 do CEDH.

A CIG fai unha "valoración moi positiva" da sentenza, que "cuestiona novamente a existencia de garantías para o exercicio do dereito á protesta democrática no Estado español", onde "continúan a ser castigadas penalmente as persoas e organizacións que cuestionan a narrativa oficial sobre a unidade española e os seus símbolos herdados da ditadura franquista". "Fronte a esta actitude represiva, o TEDH fai valer unha concepción vigorosa dos dereitos fundamentais e as liberdades públicas, primando o dereito á acción sindical sobre a sacralización anacrónica da simboloxía españolista", concúe. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.