O TC confirma a condena a un sindicalista da CIG por "aldraxe" á bandeira española, "non amparada pola liberdade de expresión"

Pablo Fragoso, no centro © CIG

En outubro do ano 2014, no marco dunha protestas das traballadoras do servizo de limpeza do Arsenal Militar de Ferrol (que reclamaban a Cleanet o pagamento dos seus salarios), o sindicalista da CIG Pablo Fragoso foi acusado de ter "insultado" á bandeira española e de ameazar con queimala. Fragoso foi acusado de "aldraxe" á bandeira e finalmente multado con 1.260 euros polo Xulgado do Penal número 1 da cidade naval, despois de que a Fiscalía solicitase unha sanción de 1.850.

No marco das protestas das traballadoras da limpeza do Arsenal de Ferrol, Fragoso foi acusado de "aldraxe" á bandeira e finalmente multado con 1.260 euros

En concreto, na acusación recollíase que o sindicalista dixera “aquí tenéis el silencio de la puta bandera” e “hay que prenderle fuego a la puta bandera” . A CIG cualificou de "surrealista" o xuízo e destacou que "para a institución militar parece que é máis importante un anaco de tea, que o dereito das traballadoras que fan a limpeza das instalacións a recibir o seu salario e poder comer". O sindicato consideraba, ademais, que a sentenza era "un acto de represalia pola folga e as mobilizacións que durante cinco meses mantiveron as traballadoras da limpeza do Arsenal".

Concentración de apoio a Pablo Fragoso en Ferrol © CIG

O sindicalista solicitaba o amparo do TC, ao entender que as súas palabras se enmarcarían dentro da liberdade de expresión, algo que o tribunal rexeita: "as aldraxes á bandeira española non están amparadas pola liberdade de expresión"

A sentenza foi recorrida ante a Audiencia Provincial da Coruña e, finalmente, chegou ao Tribunal Constitucional, pois Fragoso alegaba que as palabras supostamente pronunciadas por el (o acusado sempre negou dicilas) se enmarcarían en calquera caso dentro da liberdade de expresión. Fragoso solicitaba o amparo do Constitucional, lembrando que o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TDEH) ditou de forma unánime contra España ao entender que queimar unha foto dos reis entraba dentro da liberdade de expresión.

Porén, o Tribunal Constitucional vén de facer pública a súa resolución, na que lle denega o amparo a Fragoso, sinalando que "as aldraxes á bandeira española non están amparadas pola liberdade de expresión". Ademais, o tribunal considera que as expresións polas que Fragoso é acusado "foron innecesarias para as reivindicacións salariais que o recorrente estaba a defender", engadindo que "non gardaban relación coas devanditas reivindicacións". Por isto, o Constitucional entende que esas expresións "foron realizadas á marxe e sen o amparo dos dereitos fundamentais invocados".

"Para a institución militar parece que é máis importante un anaco de tea que o dereito das traballadoras a recibir o seu salario e poder comer", destacaba a CIG

A sentenza contou con numerosos votos particulares (Encarnación Roca Trías, Andrés Ollero Tasara, Juan Antonio Xiol Ríos, Cándido Conde-Pumpido Tourón e María Luisa Balaguer Callejón). O pasado 19 de novembro o maxistrado Andrés Ollero solicitara conceder o amparo a Pablo Fragoso e anular a multa imposta. Porén, unha maioría de xuíces rexeitou a súa ponencia por un voto de diferenza.

Fragoso, na protesta das traballadoras da limpeza do Arsenal © CIG

O conflito das limpadoras

As traballadoras de Cleanet desenvolveron entre 2014 e 2015 un duro conflito en todo o Estado para esixir cobrar os seus salarios, mentres a empresa permanecía desaparecida. A loita tivo especial forza e intensidade en Ferrol, onde as traballadoras (que xa sufriran impagos coa anterior concesionaria do servizo) levaron a cabo unha folga que durou cinco meses e mobilizacións diarias diante do Arsenal Militar.

As traballadoras de Cleanet desenvolveron entre 2014 e 2015 un duro conflito en todo o Estado para esixir cobrar os seus salarios. A loita tivo especial forza en Ferrol

Durante o conflito, o daquela Almirante do Arsenal de Ferrol chegou a queixarse ante a CIG polo ruído das protestas, esixindo que as folguistas gardaran silencio durante o momento do izado da bandeira na instalación militar. "As traballadoras chegaron a pasar catro meses sen cobrar os soldos, pero ao responsábel do Arsenal só lle importaba que estiveramos en silencio durante o izado, desentendéndose da situación destas compañeiras, que chegou a ser verdadeiramente dramática", criticou nese momento Rocío Doce, secretaria comarcal de Organización da CIG-Servizos.

CIG-Servizos tivo que presentar denuncia contra o Ministerio de Defensa por vulneración do dereito á folga, xa que o propio persoal militar estaba a realizar as tarefas de limpeza. O feito de tratarse dun recinto militar tamén impedía coñecer que ocorría dentro dos muros e mesmo a Inspección de Traballo escudouse na falta de competencias para non realizar visitas ao Arsenal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.