As traballadoras de Cleanet suman dous meses en folga sen solución á vista

Protesta das traballadoras de Cleanet en Ferrol CC-BY-NC-SA Susete

O pasado 27 de outubro as traballadoras na Coruña e Ferrol da empresa Cleanet, concesionaria do servizo de limpeza nas instalacións militares e nos edificios do Ministerio de Defensa, iniciaron unha folga indefinida, en protesta polo impago dos seus salarios dende o mes de agosto. Pasaron xa dous meses de paro, de concentracións e manifestacións e dunha prolongada acampañda, en Ferrol, ante a porta do Asrsenal. Neste tempo, nin dende a empresa nin dende o Ministerio de Defensa se ofreceron solucións ao problema, e dende a Xunta as traballadoras en folga só recibiron silencio.

Cleaneta asegura que carece de liquidez para facer fronte aos pagamentos adebedados, a pesar de que a compañía recibe 12 millóns de euros anuais polo seu contrato, a concesión de limpeza de instalacións militares en toda España. Ministerio e Xunta tamén ignoraron as protestas e as iniciativas políticas de BNG e Esquerda Unida, que levaron ao Parlamento Galego e ao Congreso as reivindicacións das folguistas. Hai unhas semanas a deputada nacionalista Rosana Pérez levou o tema ao Congresocriticando que as traballadoras "sofren unha situación laboral insostible" e denunciou que "a pesar de tratarse dunha concesión pública" Defensa "elude as súas responsabilidades e mira para outro lado".

Mais esquiva foi a resposta da Xunta, que a unha pregunta de AGE no Parlamento galego evitou posicionarse fronte ao Ministerio de Defensa para que este dea orde inmediata de pagamento ás asalariadas e rescinda o contrato con Cleanet. Tamén interveu no conflito Cayo Lara, coordinador xeral de IU, que despois de reunirse coas traballadoras en Ferrol o pasado luns, lle remitiu unha carta a Pedro Morenés, ministro de Defensa, e igualmente esixiulle publicamente ao rei Felipe VI que achegase algunha solución. Nesta misiva Lara dicíalle a Morenés que "a responsabilidade da situación destas mulleres recae directamente sobre o Ministerio, porque se a empresa non cumpre coas súas obrigas contractuais, vostede debería ter resolto o contrato para que as traballadoras non paguen as consecuencias dunha inmensa irresponsabilidade".

Segundo publica este domingo Diario de Ferrol, dende o Ministerio non hai intención de actuar antes de marzo, data na que expira o contrato da concesionaria. O departamento que dirixe Pedro Morenés asegura que se se iniciase agora un expediente para a rescisión do contrato por incumprimento, este non se resolvería antes de marzo. Mentres, as traballadoras de Cleanet en Ferrol e A Coruña aseguran que manterán de forma indefinida a folga, aínda que a súa capacidade de resistencia xa se atopa ao límite.

Ademais, este luns o persoal de Cleanet na comarca de Pontevedra fará folga para reclamar tamén o pagamento dos salarios pendentes, neste caso tres mensualidades. O paro afectará á Escola Naval de Marín, á Brilat e á residencia militar a ás instalacións deportivas de Campolongo.

Protesta das traballadoras de Cleanet en Ferrol CC-BY-NC-SA Susete
Protesta nas instalacións da Brilat, en Pontevedra © CIG
Protesta na Coruña Dominio Público UGT

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.