A xustiza intervén o Colexio de Enfermería de Pontevedra e investiga a posible fraude duns 11 millóns

Asemblea xeral do Colexio de Enfermería de Pontevedra, en xullo de 2019 © COEPO

A detención e entrada en prisión do presidente do Colexio Oficial de Enfermería de Pontevedra (COEPO) e mais da súa muller e filla, decretada polo Xulgado de Instrución número 2 de Vigo, acabou por destapar os detalles dunha revirada presunta trama que levaría cocéndose desde hai anos e que a xustiza investiga polo presunto branqueo de capitais, administración desleal e falsidade documental cometidos por esta familia. 

Fontes colexiadas e da investigación advirten do funcionamento "escuro e opaco" do Colexio de Enfermería desde hai anos

Alén dos graves delitos que se lles imputan, fontes colexiadas e da investigación advirten a Praza.gal do funcionamento "escuro e opaco" desta institución profesional, así como da "imposibilidade" de control dunha entidade que desde hai moito tempo non fai públicos os orzamentos, non rende contas ás persoas asociadas, oculta documentación clave, agocha a situación laboral do seu persoal ou evita aclarar o destino duns ingresos que suman arredor de 1 millón de euros ao ano. 

Carlos Fernández, presidente do Colexio de Enfermería de Pontevedra CC-BY-SA Xunta

Os cálculos das pescudas elevan a posible fraude a uns 11 millóns de euros e o xuíz encargado do caso vén de decidir xa a intervención xudicial do Colexio, así como das compañías que funcionarían paralelas á presunta trama: Gestión Jurídica Gallega SL, Formación Sanitaria SL e GalaPrint SL, que as mesmas fontes sinalan como "empresas pantalla" ao servizo das irregularidades do presidente, Carlos Fernández, e da súa familia. 

O xulgado intervén xudicialmente o Colexio e as empresas que supostamente formarían parte da presunta trama familiar

O administrador xudicial que encargue o maxistrado xestionará agora o COEPO e elaborará unha auditoría sobre as contas da entidade para, logo, comparecer os denunciantes --o secretario Faustino Portela e un grupo do persoal-- na causa. 

Segundo explican as mesmas fontes, as empresas teñen como único cliente o Colexio de Enfermería e son controladas por familiares do presidente que, no entanto, mantén como administradores outras persoas. Unha das firmas é tamén propietaria da maioría de sedes do COEPO. No fondo, as sospeitas dunha trama para o enriquecemento do presidente --que leva 35 anos no cargo-- e da súa familia a costa da entidade profesional. 

As denuncias e os rumores internos advertían de que o Colexio pagaba servizos contratados á trama empresarial que dirixía, na sombra, a familia do presidente Fernández. 

O escándalo estoupa de vez hai só uns días, coa detención, pero empeza a agromar hai aproximadamente un ano, no momento no que o secretario do COEPO, Faustino Portela, interpón unha denuncia tras ir descubrindo desde o seu cargo presuntas irregularidades e ver como Fernández, durante dous anos, "non fai máis que poñer trabas aos intentos de aclarar as cousas". 

O escándalo estoupa tras a denuncia do secretario do Colexio por mútiples irregularidades que levaban anos en boca de numerosas persoas colexiadas

"Unha cousa é o que podes pensar ou sospeitar, pero outra é ver as cousas cando che pasan pola man; empecei a decatarme de que nada me cadraba e decidín investigar a fondo", conta a Praza.gal. No pasado mes de xaneiro, Portela decidiu facer público a existencia de dúas condenas ao COEPO polo impago das cotas ao Consejo General de Enfermería de España. 

Segundo as sentenzas, o Colexio debía asumir xa unha débeda de 1,5 millóns co Consejo polos impagos das cotas correspondentes ao período entre 2011 e 2015 e outros 4,5 por etapas anteriores. 6 millóns de euros en total. 

Faustino Portela, primeiro pola esquerda, e Carlos Fernández, nun acto do Colexio de Enfermería © COEPO

"É o secretario quen empeza a descubrir cousas das que moitas persoas sospeitabamos", din fontes colexiadas, que non aforran cualificativos. "O máis común era advertir sobre o sospeitoso destino dos cartos, así de claro, pero era moi difícil apañar datos e documentación que puideran dar pé á investigación", engaden. 

Foi desde dentro, con sixilo e intentando non erguer sospeitas, como algúns membros do Colexio conseguen recompilar durante anos os documentos e a información necesaria para presentar a denuncia sobre unhas sospeitosas prácticas que levaban moito tempo comentándose. A suposta relación entre o patrimonio persoal do presidente e da súa familia coa falta de datos sobre o patrimonio do Colexio e das empresas da familia parecían evidentes.  

O Colexio ingresa anualmente arredor de 1 millón de euros polas cotas das persoas asociadas

"Se sabes perfectamente o que se ingresa no Colexio e os gastos aproximados que hai, que non se documentan, as irregularidades parecen claras", explica Portela. Os ingresos do COEPO chegan a través das cotas das persoas asociadas e das novas colexiacións. Tendo en conta que cada colexiado paga uns 228 euros anuais e hai arredor de 4.000, a conta supera os 900.000 euros por exercicio. O destino que se lle daba a eses cartos é un misterio en moitos casos, máis aínda cando o Colexio levaba anos sen pagar as cotas ao Consejo General, razón pola que foi condenado. 

O presidente, Carlos Fernández, argumentaba non pagar esas cotas nunha decisión supostamente tomada nunha asemblea xeral realizada en 1998, pero ningún dos colexiados lembra que aquela xunta se celebrase nunca. En realidade, entre as persoas asociadas non se recorda ningunha, malia que segundo os estatuto se debe convocar cada ano e aprobar alí contas e orzamentos, agás a celebrada o 31 de xullo de 2019. 

Persoas colexiadas non recordan que se celebrase asemblea xeral ningunha agás a do verán de 2019

A intención, segundo contan as mesmas fontes, era presentar alí unha auditoría externa. "Non foi tal, senón un informe de contas feito por unha empresa que ninguén coñecía agás o propio presidente", insisten. Tampouco se convocaban as xuntas de goberno, en teoría trimestrais, segundo a denuncia presentada, que alude tamén á suposta existencia dun delito de falsidade documental ao presentarse actas de xuntanzas que nunca tiveron lugar. 

Mentres Portela, como secretario, advertía dos "atrancos" e da negativa a acceder a bases de datos, rexistros ou as propias contas do Colexio, era a muller do presidente quen exercía, de facto, como secretaria, pero sen dar resposta ás demandas de información. "O ocultismo era tremendo; nunca se facilitaban os orzamentos, nin peches contables... Ata que se empezou a tirar da manta", explican fontes colexiadas e da investigación. 

A muller do presidente, tamén detida, exercía de facto como secretaria do Colexio de Enfermería 

Entre outros achádegos, despedimentos sen motivación aparente, falsos autónomos que traballaban como supostos empregados do Colexio ou unha maraña empresarial na que se compartía persoal e que facturaba servizos ao COEPO sen taxa. "Asinábanse cheques en branco", indica unha fonte. 

"Opacidade de promesas baleiras"

Outras coinciden en sinalar a capacidade enganadora e enredante de Carlos Fernández, así como a existencia de "colaboradores necesarios" dentro da dirección para manter unha suposta trama da que aínda non se coñecen todos os capítulos. Nun Colexio de Enfermería de Pontevedra que, segundo fontes colexiadas, era todo "opacidade e promesas baleiras".

Coa intervención xudicial inminente a actual xunta directiva quedará disolta. Hai só uns diás, nunha carta aos colexiados, Faustino Portela exixía á actual dirección da entidade e aos seus asesores que dimitisen ao estar xa "absolutamente deslexitimados" e logo de que anunciasen que pretendía asumir as súas funcións do presidente detido. "É o enésimo intento del e da súa contorna de manter controlada a situación, mesmo desde o seu destino actual na prisión da Lama", dicía. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.