Prisión provisional para o presidente do Colexio de Enfermería de Pontevedra, investigado por branqueo

Carlos Fernández, presidente do Colexio de Enfermería de Pontevedra CC-BY-SA Xunta

O presidente do Colexio  a súa muller e a súa filla están a ser investigados por presuntos delitos de branqueo, falsidade documental e administración desleal

O Xulgado de Instrución número 2 de Vigo decretou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza do presidente do Colexio Oficial de Enfermería de Pontevedra e mais da súa muller e da súa filla. 

Carlos Fernández, a súa dona e a súa filla foran detidos este pasado xoves en Vigo nunha operación dirixida pola Unidade de Delincuentcia Económica e Fiscal (UDEF) da Policía da comisaría da Coruña nunha causa aberta que investiga a todos eles polos presuntos delitos de branqueo de capitais, falsidade documental e administración desleal. 

Acto do Colexio de Enfermería de Pontevedra, nunha foto de arquivo © COEPO

Nese mesmo xoves, axentes da UDEF levaron a cabo rexistros no domicilio da familia, así como na sede que o Colexio de Enfermería provincial ten en Vigo. As tres persoas detidas, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acolléronse ao seu dereito a non declarar tras as actuacións do xulgado da cidade olívica, que decretou o levantamento do segredo das actuacións. 

O Colexio de Enfermería de Pontevedra foi condenado a abonar 6 millóns de euros ao Consello Xeral de España tras os impagos das cotas durante décadas

Tal e como informou PontevedraViva o pasado mes de xaneiro, o secretario do Colexio de Enfermería pontevedrés, José Faustino Portela, acusara a Carlos Fernández --na presidencia desde hai 35 anos--, de "afundir" a institución coa súa xestión, e sacara á luz a existencia de dúas condenas á entidade para o pagamento de cotas ao Consello Xeral de Enfermería de España.

Segundo aquela información, o Colexio de Enfermería de Pontevedra debía asumir xa unha débeda de 1,5 millóns co Consello Xeral de Enfermería de España polos impagos das cotas correspondentes ao período entre 2011 e 2015. A sentenza dun xulgado de Pontevedra uníase a outra de 2014 na que se condenaba xa á entidade ao abono doutros 4,5 millóns de euros.

En total, 6 millóns de euros que o Colexio pontevedrés debía abonar tras a decisón do seu presidente, Carlos Fernández, de decidir de realizar os pagamentos obrigados desde 1998 aluindo á suposta decisión dunha asmeblea xeral que, segundo denunciaban algúns membros da institución, nunca tivo lugar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.