Abanqueiro volve ao Caribe

A tartaruga Abanqueiro antes de ser devolta ao mar CC-BY-SA Xunta de Galicia

Unha tartaruga mariña recuperada en maio na praia dese nome en Boiro volve ao mar tras recuperarse de inxerir plástico

Abanqueiro, unha tartaruga mariña común (Caretta caretta) recuperada en maio na praia de Boiro da que tomou o nome, volveu este mércores ao mar nunha época na que as correntes facilitarán o seu regreso ao Caribe. Faino despois de recuperarse durante este tempo do plástico que inxerira nas instalacións da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) a través do convenio que ten coa Xunta para a recuperación e devolución ao mar dos animais que aparecen varados nas costas galegas.

Segundo indica a Xunta, “a detección diagnóstica de plásticos é moi dificultosa porque nos métodos clínicos non invasivos, como as radiografías que se realizan rutineiramente na exploración dos exemplares ingresados, non son detectados”, polo que se lembra “a importancia de evitar a presenza de plásticos no mar, porque ademais de ser un foco de contaminación do ecosistema importante, poden chegar a provocar a morte e feridas importantes ás aves e aos mamíferos mariños que habitan a costa galega”.

Tartaruga de coiro (Dermochelys coriacea) atopada morta en Carnota con plástico no seu interior na mesma época en que apareceu Abanqueiro © Cemma

"As condicións oceanográficas nestes meses garanten o seu camiño cara ao suroeste, que permite o retorno ás augas do Caribe”

No momento en que foi localizada o exemplar medía 31 centímetros, pesaba dous quilos e presentaba varias feridas de pouca consideración nas aletas e na cuncha. Durante a súa recuperación acadou os 2,3 quilos. “Unha vez que se ten constatado a súa recuperación total, procédese a súa liberación en augas da costa galega entre os meses de xuño e setembro, pois as condicións oceanográficas nestes meses garanten o seu camiño cara ao suroeste, que lles permita o retorno ás augas do Caribe”.

En 20 anos foron rexistradas 123 tartarugas mariñas vivas, o 74% recuperadas con éxito e devoltas ao mar

“Para evitar situacións de risco, os exemplares son liberados fóra das rías”, sinala a Xunta, que lembra que nos últimos 20 anos foron rexistradas 123 tartarugas mariñas vivas: 10 foron tartarugas de coiro, Dermochelys coriacea, exemplares de ata dous metros de lonxitude e 400 quilos atrapadas en cabos e aparellos no mar, que foron liberadas, e o resto das 113 foron tartarugas comúns xuvenís de 20 a 70 cm, varadas maioritariamente, conseguindo o seu reingreso ao mar no 74% dos casos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.