Agrocuir, abrindo portas e armarios no rural

O festival está organizado polo Colectivo Agrocuir da Ulloa © Festival Agrocuir

Este venres e sábado Monterroso acolle a sexta edición do Agrocuir, festival pola visibilización e a reivindicación da diversidade sexual e de xénero no ámbito rural. Nesta ocasión a desta estará dedicada á comunidade, impulsando unha maior participación da xente da comarca da Ulloa e visibilizando a" importancia da construción de comunidades basadas no apoio, o respecto e a solidariedade". 

O Colectivo Agrocuir da Ulloa, organizador do festival, ten como principal obxectivo visibilizar un rural "afectivo e sexualmente diverso"

O Colectivo Agrocuir da Ulloa, organizador do festival, ten como principal obxectivo visibilizar un rural "afectivo e sexualmente diverso". En paralelo, aposta por "amosar, defender e dar valor a outros principios como a sostibilidade, o respecto ao patrimonio material e inmaterial e o ecoloxismp", defendendo deste xeito "a diversidade, tanto social como natural".

Ao igual que outros anos, o festival combina as mesas redondas con obradoiros, proxeccións, contacontos, concertos e outras actividades lúdicas e informativas. O sábado 31 pola tarde lerase o manifesto desta edición e entregaranse os premios 'á visibilidade agrocuir'. 

 O sábado pola tarde lerase o manifesto desta edición e entregaranse os premios 'á visibilidade agrocuir'

As actividades comezarán o venres pola tarde coa palestra "Ruralidades Queer Em Tempos De Globalizaçao". Xa pola noite, destacan os concertos de Mounqup e Boyanka Kostova e a performance de Nelu Vermouth. O sábado, trala apertura "de portas e armario", a música chegará da man de Pasenfron, Laura LaMontagne & Pico Amperio e Omiri. Xa pola noite, froito da colaboración entre o Agrocuir e Entropía Folk, a vila de Monterroso encherase de baile e música cos Cantos de Taberna que levarán os e as participantes por todos os locais de hostelería da vila. Finalmente, aínda que as actividades do festival rematan o sábado pola noite, os e as asistentes poderán achegarse o domingo 1 pola mañá á Feria de Monterroso, que se celebra o primeiro domingo de cada mes. O programa completo pódese consultar nesta ligazón.

"Respectemos o que cada unha queira ser, abramos o abano de cores e compartamos un encontro tan máxico como sempre!", destacan dende a organización

Nesta ocasión, o colectivo organizador -unha entidade sen ánimo de lucro- optou por non cobrar entrada para o acceso aos distintos eventos. En cambio, dende hai uns meses puxo en marcha unha campaña de crowdfunding para facer fronte aos distintos gastos da organización, unha iniciativa apoiada publicamente por un gran número de artistas e activistas e que foi quen de recadar case vinte mil euros.

"Respectemos o que cada unha queira ser –tanto en relación ás demais persoas como á natureza–, abramos o abano de cores e compartamos un encontro tan máxico como sempre!", destacan dende a organización.

Festival Agrocuir © Festival Agrocuir
Festival Agrocuir © Festival Agrocuir
Programa da sexta edición do festival Agrocuir © Festival Agrocuir

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.