Ser gai no rural galego: O camiño pendente

CC-BY M. Carballada

Vivir no armario segue a ser opción elixida por moitos e moitas homosexuais tanto nas capitais da costa coma no interior galego, mais este fenómeno rexistra moita máis intensidade nos núcleos rurais e nas vilas medias. No tempo no que a homosexualidade se normaliza na elites culturais, políticas e mediáticas, o pasar desapercibido e non sinalado por ter unha determinada opción sexual segue a preocupar a moitos homes e mulleres que non queren ser recoñecidos ou incluídos en certos grupos sociais. 

Hai dous anos promoveuse un encontro en Castrelo de Miño para visibilizar a homosexualidade no rural. Porén os avances son escasos e aínda queda camiño por percorrer

Dende a aprobación da lei que permite o matrimonio homosexual e que establece equiparación de dereitos entre todas as persas téñense dado algunhas iniciativas para que o que a lei permite se normalice e forme parte da cotidianidade. De feito, hai dous anos promoveuse un encontro en Castrelo de Miño para visibilizar a homosexualidade no rural. Porén os avances son escasos e aínda queda camiño por percorrer.

O activista homosexual e militante de Xuventudes Socialistas, José Manuel Montero, mantén unha particular loita neste sentido e traballa por abrir espazos de identidade e expresión na propia capital ourensá: “Aínda hai moita xente no armario, cómpre facer un esforzo para garantir os dereitos de todos e sobre todo para producir un cambio na mentalidade da xente e traballar na pedagoxía social”. Montero, que reside en Ourense cidade, asegura que “este proceso é aínda moito máis lento nas vilas ourensás”. En ocasións non dubida en asegurar que “a propia actitude dos gais favorece que teñamos que permanecer agochados. Son partidario dun activismo que non necesariamente ten que ir parello ás estridencias pero si facer participes ao resto da cidadanía da nosa maneira de vivir”.

Montero, que reside en Ourense cidade, asegura que “este proceso é aínda moito máis lento nas vilas ourensás”

Pola contra, hai quen ve neste tempo un cambio profundo da xente e da mentalidade. Alfredo Domínguez, xerente do Trampitán, un bar de ambiente gai no corazón de Ourense, establece unha diferenza entre “os gais de vila e os capitalinos”. Matiza que non se pode xeneralizar pero “normalmente nas contornas urbanas todo se asume de distinta maneira porque nos pobos segue a ser todo máis escondido”. Tamén distingue entre os mozos maiores ou menores de 30 anos, xa que segundo explica “os menores de 30 anos son máis abertos e van en parella pola rúa e dando mostras de afecto, aos maiores de 30 cústalles máis”.

“Os menores de 30 anos son máis abertos e van en parella pola rúa e dando mostras de afecto, aos maiores de 30 cústalles máis”

O xerente do Trampitán rexeita pola contra a dicotomía costa ou interior e non cre que exista unha resistencia da maioría social das cidades de Lugo ou Ourense a aceptar a homosexualidade. Domínguez, natural de Vigo e vivindo na cidade das Burgas, explica: “Ser homosexual en Ourense encántame, podería ser perfectamente un paraíso gai”.

Esta naturalidade e normalidade presenta claroescuros cando se entra nos casos concretos. Un mozo de 34 anos, natural de Verín e residente en Vigo, deixa claro a Praza que “a pesar de que dei o paso de dicirllelo aos meus pais, a propia resistencia familiar impide que cando vou á miña vila visitar a miña familia actúe con naturalidade”. A confesión provocou no caso deste verinense unha reacción de alerta na súa familia que “implica que vixíen todos os meus movementos cando vou á casa por temor á repercusión que poida ter na vila ou os comentarios que se poidan facer sobre unha ou outra actitude”.

Domínguez, natural de Vigo e vivindo na cidade das Burgas, explica: “Ser homosexual en Ourense encántame, podería ser perfectamente un paraíso gai”

En parecidos termos falan Jorge e Manuel, residentes en Monforte de Lemos. Manuel di que “aprendeu a vivir na clandestinidade e a relacionarse ás agachadas”. Recoñece abertamente que utiliza “a mentira” e lexitima esta opción fraudulenta “a falta de valor ou a comodidade”. Pola contra Jorge mantén unha actitude máis aberta e di: “Eu nunca digo que son gai e non vou coa miña parella pola rúa pero non me escondo”. Jorge asegura que “enfrontarse a normalización supón unha progresivo empoderamento que ten que conducir a liberación”.

A pesar destas dificultades, tanto Manuel como Jorge aseguran que “un sempre se habitúa a circunstancias difíciles e hostis”. “Agora coas novas tecnoloxías hai maneira de establecer contactos con outros gais anónimos e concertar citas. E se non, como a fame agudiza o maxín temos maneiras de atoparnos, coma no cruissing ou en escapadas de fin de semana á cidade galega máis próxima”, apuntan.

A pesar de que as organizacións políticas ou sociais dean pasos cara adiante “deben acompañarse da intención dos interesados e interesadas de facerse visibles”

Moi lonxe destas posturas están os británicos John e Michael, un matrimonio de 60 anos cada un que casaron en Ferreira de Pantón (Lugo) e que aseguran “vivir a súa sexualidade con toda naturalidade e sen percibir ningún tipo de discriminación”. Incluso na súa propia casa teñen unha litografía cunha serie de monarcas ingleses “presuntamente homosexuais”. Recorren tamén a ironía para dicir que “o marido da raíña Isabel II ten un punto gai”.

O activista homosexual José Manuel Montero recoñece que “queda moito camiño por facer" pero a pesar de que as organizacións políticas ou sociais dean pasos cara adiante “deben acompañarse da intención dos interesados e interesadas de facerse visibles”.

John e Michael, en primeiro plano, nas portas da súa casa cun irmán e un amigo de visita © M. Carballada

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.