Aparece morta na Coruña unha muller que ía ser desafiuzada

A falecida residía na rúa Perú, no barrio coruñés de Labañou © Google

Unha muller de 71 anos de idade apareceu morta este luns na súa vivenda do barrio de Labañou, na Coruña. A falecida estaba a piques de ser desafiuzada por non pagar o alugueiro do inmoble e, de feito, foi a comitiva xudicial que ía executar o seu desaloxo quen atopou o seu cadáver. 

O persoal xudicial que ía executar o seu desaloxo foi quen atopou o seu cadáver

A Policía atopou no domicilio unha nota, supostamente escrita pola filla da falecida, na que se explica a difícil situación económica pola que pasaban e que dá pé a pensar que axudou a morrer á súa nai. O persoal do xulgado chegou á vivenda a primeira hora da mañá deste luns. Despois de chamar á porta en varias ocasións, sen resposta, accedeu ao domicilio, atopando o corpo sen vida da muller.

A Policía está a investigar o sucedido e asegura que non descarta "ningunha hipótese". Búscase, en primeiro lugar á filla da falecida, de 41 anos de idade, que nestes momentos se atopa desaparecida. 

Segundo a nota, a falecida levara a cabo no pasado algunha tentativa de suicidio por mor da súa mala situación económica. Tiña problemas de mobilidade, aínda que os veciños e veciñas do barrio adoitaban vela paseando na próxima Praza da Tolerancia, en compañía da súa filla e de dous cans.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.