As illas de San Pedro xa teñen a súa protección once anos despois

Illas de San Pedro, na costa da cidade da Coruña © Google

As illas de San Pedro, na Coruña, logo de once anos de espera, contan xa co visto e prace da Xunta para seren declaradas Espazo Natural de Interese Local (ENIL). Pasarán a ser, xa que logo, unha zona protexida e reservada para o estudo científico e, con permiso, para o marisqueo e a pesca. 

Medio Ambiente da Coruña recoñece "certa sensación de desagrado" pola "falta de comunicación" da Xunta á hora de informar da aprobación

Este visto e prace do Executivo autonómico, coa aprobación do plan de conservación, chega logo de que desde abril de 2018 o Concello, coa Marea Atlántica no goberno local, presentase o proxecto. Desde aquela, como aclara María Pita, o seu persoal técnico "tivo que responder a todo tipo de requirimentos da Consellería de Medio Ambiente". Por iso, a nova foi acollida "con sorpresa por parte do departamento, máis aínda tendo en conta nas datas e nas circunstancias en que se produce". 

O departamento de Medio Ambiente do Concello amosa tamén "unha certa sensación de desagrado pola falta de comunicación do Goberno autonómico da devandita aprobación, cando a autoría do Plan corresponde en exclusiva ao equipo técnico da Concellerí", di. 

Un solpor nas illas de San Pedro, na Coruña CC-BY-SA D.L.

Con todo, o Concello destaca que este trámite rematado "permitirá contar cun instrumento que define os usos que se poderán facer destas illas e que consolidará o rico hábitat da zona". Ademais, evitará a instrospección nela de persoas que non teñan fins científicos sobre a contorna ou permiso legal para a súa explotación pesqueira e marisqueira. Neste último aspecto, ao finalizar este período de confinamento a concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, ten previsto celebrar unha reunión coa Confraría de Pescadores e Mariscadores da Coruña para lles informar dos detalles do Plan e para estudar posibles vías de colaboración.

Desde Riazor, seguindo o paseo marítimo, fronte ao peirao do Portiño, aparecen  estes catro illotes que suman unhas sete hectáreas de superficie e un importante valor xeolóxico e medioambiental que buscaron durante anos unha protección definitiva entre atrancos e dilacións. 

A Illa Vendaval, Illa do Pé (ou Illa de San Coral), as Tres Illas e O Aguillón, xunto a pequenos illotes como O Merlón, Os Fernandiños ou O Rompedoiro, conforman un conxunto que foi declarado provisionalmente Espazo Natural de Interese Local (ENIL) hai once anos e logo en novembro de 2017, despois de que o proceso iniciado polo goberno local bipartito decaera co PP á fronte da alcaldía.

Para lograr esa protección definitiva, o Concello da Coruña presentou en abril de 2018 o Plan de Conservación á Xunta. O proceso de participación pública, no que se podían presentar alegacións, rematara xa hai máis dun ano e o goberno local da Marea Atlántica queixárase da dilación ante os tempos da Consellaría de Medio Ambiente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.