Illas de San Pedro: o espazo "salvaxe e virxe que lle queda á Coruña” agarda pola protección definitiva

Un solpor nas Illas de San Pedro, na Coruña CC-BY-SA D.L.

A poucos metros do estadio e da praia de Riazor e a un paso do centro da Coruña, érguese, como abrollando do mar, un pequeno e curioso arquipélago. Seguindo o paseo marítimo, fronte ao peirao do Portiño, aparecen as illas de San Pedro, catro illotes que suman unhas sete hectáreas de superficie e un importante valor xeolóxico e medioambiental que buscan unha protección definitiva entre atrancos e dilacións. 

A Illa Vendaval, Illa do Pé (ou Illa de San Coral), as Tres Illas e O Aguillón, xunto a pequenos illotes como O Merlón, Os Fernandiños ou O Rompedoiro, conforman un conxunto que foi declarado provisionalmente Espazo Natural de Interese Local (ENIL) hai case dez anos e logo en novembro de 2017, despois de que o proceso iniciado polo goberno local bipartito decaera co PP á fronte da alcaldía.

As Illas de San Pedro gozan de protección provisional á espera de ser declaradas definitivamente Espazo Natural de Interese Local 

Para lograr esa protección definitiva, o Concello da Coruña presentou en abril de 2018 o Plan de Conservación á Xunta. O proceso de participación pública, no que se podían presentar alegacións, rematou xa a principios deste mes e o goberno local da Marea Atlántica agarda agora que o proxecto continúe un camiño que di atrancado. Quéixase da dilación ante os tempos da Consellaría de Medio Ambiente, que responde advertindo de que o plan presentado era “un documento moi básico” que, ademais, “carecía da versión en castelán, necesaria para remitir á Demarcación de Costas do Estado”. 

Illas de San Pedro, na Coruña © Google

É o que aclara a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, que avanzou, malia todo, coa tramitación inicial e as consultas previas e que a pasada semana remitiu un requirimento ao Concello para “contar coa versión en castelán” do Plan de Conservación. 

“O seguinte paso é proceder ás consultas sectoriais das administracións”, explica a Praza.gal a Dirección Xeral, que aclara que “un informe determinante é o de Costas, polo que o documento debe estar asinado e dilixenciado en castelán, tal e como demanda o Ministerio para a súa análise”. 

A Xunta esixe agora ao Concello que lle remita o Plan de Conservación en castelán para que poida ser analizado por Costas tras ser sometido xa a exposición pública

A Xunta, xa que logo, advirte da necesidade de que o documento sexa traducido polo emisor para continuar co proceso. María García, concelleira de Medio Ambiente na Coruña, aclara que o Plan de Conservación “xa foi sometido a exposición pública e ten os informes sectoriais do resto de administracións”. “Se non é polo galego, é por subsanación de cousas que xa estaban incluídas; agora pídennos que o traduzamos... Algo moi estraño cando a Administración que seica o require ten delegación aquí”, engade. 

“Non sei se é dilación ou non, pero desde que se fixo a declaración provisional fomos obedientes, cumprimos Imaxe    close   delete_forever swap_vert con todo pero aínda seguimos así, esperando pola finalización do proceso”, insiste quen advirte de que esa catalogación provisoria decae aos dous anos. Xa que logo, en xuño deste ano, só uns días despois das eleccións locais. O temor é que “volva decaer”.

O Concello da Coruña segue agardando pola ENIL definitiva; a provisional decae días despois das próximas eleccións locais 

Para o Concello, como aclara García, “é moi importante blindar hábitats de interese porque nunca se sabe o que pode pasar”. “Esta, como outras, é unha zona de grande importancia, con especies protexidas e incluída no Mapa de Biodiversidade da Coruña”, insiste a concelleira, que destaca unha área que inclúe o monte de San Pedro, as dunas, cantís, furnas...”. “É o que nos lembra que non estamos tan lonxe da Costa da Morte e que somos, plenamente e ecoloxicamente, costa atlántica”, destaca.

Illas de San Pedro, xunto ao Portiño, o monte de San Pedro e Bens © Google

“É ese anaquiño salvaxe e virxe que lle queda á cidade”, di García. Malia a súa situación e as súas dimensións, as Illas de San Pedro son descoñecidas para moitos coruñeses e inexploradas para case todos. A fauna e flora que alí habita é dunha grande importancia e, segundo o último estudo realizado polo Concello, máis de 30 tipos de aves habituais no arquipélago están protexidas, como o arao común ou a pardela furabuchos. Ao pé das Illas extráense percebes e ourizos e os barcos andan á pescada ou ao abadexo. Ante elas, o monte de San Pedro e a duna fósil máis antiga do Cuaternario da que hai constancia en toda a península ibérica. Ao leste, a Torre de Hércules. E entre as súas múltiples furnas, illotes e pedras, toda unha rica microtoponimia que deita luz sobre o seu pasado: Rego dos Defuntos, O Cornecho, Poza das Rubias, A Furna do Corvo, O Carreiro, Os Ranchos, Meixón Longo, O Faroleiro, O Embarcadeiro, As Percebeiras, Cagadoiro dos Corvos, Bergantín...

No plan presentado polo Concello prevense varias prohibicións, como a de levar animais de compañía ao lugar, sementes que poidan espallar outras plantas ou actividades que poidan afectar a paisaxe como o movemento de terras, as cacharelas ou calquera tipo de lixo. Tamén se veta o atraque de embarcacións agás a de profesionais do mar. No fondo, a intención é que as Illas de San Pedro só sexan visitadas por persoal autorizado e con fins científicos ou educativos, fomentando tamén campañas de concienciación e de investigación científica e de observación de aves sobre a zona, así como o coñecemento xeral da poboación dun tesouro inédito para a maioría. 

Pero fontes municipais manteñen o temor, tanto polos precedentes en procesos que dependen da Xunta e son constantemente adiados desde San Caetano como polo escaso interese que o Goberno galego mostra pola conservación da natureza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.