Os casos positivos confirmados de infección por coronavirus volveron incrementarse este sábado, aínda que a un ritmo inferior que na xornada anterior. Os datos actualizados pola Xunta no serán deste sábado, 14 de marzo, indican que xa foron rexistrados 153 casos. As altas por recuperación ascenden a catro e produciuse un primeiro falecemento, dunha muller nonaxenaria con outras patoloxías e que chegara dende fóra de Galicia.
A maior parte das persoas que deron positivo por coronavirus en Galicia ata o momento están a ser atendidas na súa casa, un total de 115 un caso. Unicamente 7 precisan de atención en unidades de coidados intensivos (UCI) e outras 31 persoas son atendidas en unidades ordinarias de hospitalización.
Falecida unha muller de 92 anos
Sempre segundo a información fornecida polo Sergas, a muller cuxo falecemento foi confirmado este sábado dera positivo por coronavirus, pero tamén padecía "múltiples" patoloxías previas e estaba ingresada no hospital privado-concertado vigués Povisa. "Tratábase dun caso importado", confirma a Xunta.
"Illamento social" para frear a curva ata o pico previsto en abril
Sanidade insiste en "evitar as grandes concentracións" e, cando saian, maiores e infancia estean en espazos abertos
Estas son as cifras da expansión dunha doenza na que a clave é frear o ritmo dos contaxios. Precisamente por iso, vén reiterando Sanidade, "é importante o illamento social", contribuíndo así a cidadanía a frear o incremento de casos na medida do posible ata acadar o pico de contaxios que, segundo calcula o Sergas, chegaría "na primeira ou segunda semana de abril", sinala Jesús Vázquez Almuíña.
Nete sentido, o conselleiro subliña que ese illamento non implica un peche "total", pero "si é moi importante tratar de evitar as grandes concentracións". Así, exemplifica, "non significa que as persoas maiores estean sen saír, pero si que saian a espazos abertos e con poucas persoas". No que atinxe á infancia, "os espazos abertos son prioritarios: mellor un parque que un centro comercial e mellor un parque con poucos nenos que con moitos".
Estas accións individuais, subliña, axudan a "conseguir un bo illamento" co que "poderemos facer que a curva da epidemia sexa máis progresiva" para garantir a asistencia sanitaria ás persoas que si a precisan . Entre apelacións á "tranquilidade" da poboación, Sanidade lembra que "en caso de que haxa síntomas", a instrución é "quedar na casa e procurar ter tratamentos habituais, con antitérmicos e medidas hixiénicas", así como "airear moito os cuartos". A actual fase, advirte Sanidade, é "fundamental" para "determinar" o desenvolvemento da epidemia.
Fontes oficiais de información
O Servizo Galego de saúde ten abertas tres canles oficiais de información sobre o coronavirus. Dende este venres, está aberto o sitio web coronavirus.sergas.gal, ao que se pode acudir para obter información xeral ou sobre sintomatoloxía leve. Por teléfono, o número de información é o 900 400 116, se ben estanse a producir problemas pola alta afluencia de chamadas e Sanidade pide usalo con "responsabilidade". Ao 061 cómpre recorrer unicamente en caso de emerxencia.