
Texto publicado no número 250 de Grial
As condicións de vida para os presos foron extremas: fame, enfermidades, aglomeración e violencia. Mais arredor dese espazo represivo articulouse tamén unha rede de apoio protagonizada por mulleres das localidades próximas, especialmente Redondela e Cesantes. Estas mulleres, coñecidas como “as madriñas”, desenvolveron tarefas de coidado cara aos presos, sendo recoñecidas recentemente en Redondela como un símbolo de solidariedade e resistencia antifranquista.
A memoria histórica —ou democrática— converteuse nas últimas décadas nun dos principais campos de debate político, social e académico no Estado español. A este interese non se chegou de xeito fortuíto. As demandas das asociacións memorialistas foron, e seguen a ser, fundamentais para a recuperación da memoria das vítimas da Guerra Civil e da ditadura franquista, o que permitiu cuestionar os silencios impostos durante a Transición e abrir novas perspectivas de análise sobre a violencia política, a represión, a resistencia e os procesos de memorialización do franquismo.
A memoria do franquismo en Galicia avanzou nas últimas décadas cara a unha comprensión máis ampla, complexa e diversa da represión. Durante moito tempo, o relato histórico hexemónico centrouse fundamentalmente nos homes represaliados: presos, fusilados, guerrilleiros ou exiliados. Porén, as investigacións recentes puxeron de manifesto a necesidade de incorporar unha perspectiva de xénero que permita comprender a guerra, a represión e os procesos de resistencia desde unha perspectiva de xénero. Neste contexto, o caso das Madriñas da illa de San Simón constitúe un exemplo paradigmático dunha memoria silenciada que hoxe é recoñecida como un símbolo de resistencia fronte ao franquismo.
Un dos principais retos que afrontan as asociacións memorialistas, as institucións e a sociedade en conxunto reside na xestión e resignificación dos lugares de memoria vinculados á ditadura franquista. Espazos como o Valle de Cuelgamuros, o Pazo de Meirás ou a illa de San Simón constitúen exemplos paradigmáticos dun patrimonio incómodo e conflitivo, xa que concentran fortes cargas simbólicas, políticas e emocionais asociadas ao franquismo. A cuestión fundamental non se limita unicamente a conservar estes espazos, senón a decidir como deben ser resignificados, utilizados e transmitidos socialmente no presente.
A illa de San Simón como campo de concentración franquista
As Madriñas foron rescatadas do esquecemento para conformar unha memoria ao redor da Illa baseada na solidariedade, no coidado e na resistencia civil. O seu recoñecemento non implica unicamente reparar unha inxustiza histórica, senón tamén reformular os modos de construír a memoria colectiva
Despois do golpe militar de 1936, o novo réxime franquista articulou unha ampla estrutura represiva destinada á eliminación física, política e simbólica do inimigo republicano. En Galicia, a represión foi especialmente intensa debido á rápida caída do territorio nas mans sublevadas. No Estado español existiron entre 200 e 300 campos de concentración desde 1936 ata 1947, dos cales 11 estiveron en Galicia.
A illa de San Simón, situada na ría de Vigo, converteuse tras a Guerra Civil nun dos principais espazos de represión franquista de Galicia. Aínda que foi considerada un cárcere polas autoridades franquistas, a efectos prácticos actuou como un campo de concentración. O penal estivo aberto entre 1936 e 1943 e estímase que pasaron máis de 5.600 presos republicanos procedentes de diferentes partes do Estado —principalmente Asturias, Cantabria, León e País Vasco—. Téñense contabilizados máis de 517 mortes alén das que se produciron por “paseos” e fusilamentos (Hernández, 2019).
As condicións de vida para estes presos foron extremas: fame, enfermidades, aglomeración e violencia (Caeiro, 1995). Mais arredor dese espazo represivo articulouse tamén unha rede de apoio protagonizada por mulleres das localidades próximas, especialmente Redondela e Cesantes. Estas mulleres, coñecidas como “as madriñas”, desenvolveron tarefas de coidado cara aos presos, sendo recoñecidas recentemente en Redondela como un símbolo de solidariedade e resistencia antifranquista.
A illa de San Simón como lugar de memoria
As asociacións memorialistas levan tempo denunciando que a progresiva turistificación do espazo e a súa utilización para actividades culturais, eventos institucionais ou iniciativas de promoción territorial, como retiros de ioga, festivais de música ou campamentos, contribúen á súa desvinculación do seu pasado represivo
A illa de San Simón pode considerarse un patrimonio incómodo ou conflitivo porque a súa significación histórica está directamente vencellada a episodios de violencia política e represión franquista (Sánchez-Carretero, 2013). Foi un espazo de reclusión e castigo para presos políticos durante a Guerra Civil e a ditadura, e tamén un símbolo da represión franquista en Galicia. A diferenza doutros bens patrimoniais construídos arredor de narrativas mais consensuadas ou celebratorias, San Simón remite a un lugar de memoria traumática que continúa xerando tensións sociais e institucionais no presente.
A súa patrimonialización implica decidir como representar ese pasado, que memorias se priorizan e que responsabilidades políticas se recoñecen. Implica ir máis aló da dicotomía ficticia entre a súa dimensión material e inmaterial e analizar non só o seu valor arquitectónico ou seu valor paisaxístico, senón tamén os axentes, usos e significados asociados ao espazo. O proceso de patrimonialización da Illa pon de manifesto un xogo de tensións entre diferentes axentes sociais —asociacións memorialistas, institucións públicas, investigadores/as ou veciñanza— arredor das formas de participación e dos usos lexítimos do espazo.
Porén, a importancia de San Simón non reside unicamente nos feitos históricos acontecidos nela, senón tamén no proceso actual de construción da súa memoria. Que axentes interveñen, que usos se fan do espazo e que narrativas se articulan ao redor dela na actualidade? A súa xestión está a cargo da Xunta de Galicia cunha delegación da parte cultural na Fundación Museo do Mar de Galicia en Vigo. A principal problemática patrimonial radica na tensión de compatibilizar os procesos de conservación e difusión da Illa como lugar da memoria vinculado ao franquismo que demandan as asociacións memorialistas e o concello de Redondela por unha banda e a utilización do espazo desvinculándoo a este pasado que fai a Xunta por outro. Neste contexto, emerxen debates arredor da representación institucional da memoria, da invisibilización das vítimas e do risco de banalización derivado de usos turísticos ou culturais alleos á significación histórica do enclave.
As asociacións memorialistas levan tempo denunciando que a progresiva turistificación do espazo e a súa utilización para actividades culturais, eventos institucionais ou iniciativas de promoción territorial, como retiros de ioga, festivais de música ou campamentos, contribúen á súa desvinculación do seu pasado represivo. A promoción da Illa como recurso turístico dilúe a carga histórica e simbólica asociada ás experiencias de violencia política vividas polas vítimas do franquismo. Isto xera debates sobre como interpretar o espazo, que relatos priorizar e como garantir un uso respectuoso coa dignidade das vítimas.
En 2024 a Iniciativa Galega pola Memoria solicitou ao Goberno que a illa de San Simón fose declarada lugar de memoria democrática, que, finalmente, en setembro de 2025, foi declarada lugar de memoria democrática. Esta declaración implica unha transformación significativa tanto no plano simbólico como no xurídico. En primeiro lugar, supón o recoñecemento institucional oficial da Illa como lugar asociado á represión franquista e á vulneración dos dereitos humanos durante a Guerra Civil e a ditadura.
A declaración inscríbese no marco da Lei 20/2022 de Memoria Democrática, que define estes lugares como espazos destinados á conmemoración, á reparación simbólica das vítimas e á transmisión da memoria. Esta figura xurídica introduce un marco específico de protección e de regulación de usos compatibles, o que condiciona a maneira na que o espazo pode ser empregado institucional, cultural ou turisticamente. Isto implica que as actividades desenvolvidas na Illa deben adecuarse á súa significación memorial, evitando aquelas que poidan resultar desvinculadas ou ferintes coa dignificación das vítimas do franquismo.
Quen eran As Madriñas?
Arredor daquela Illa-prisión desenvolveuse tamén unha rede de apoio protagonizada principalmente por mulleres das vilas mariñeiras próximas, que desenvolveron un papel fundamental no sustento material e emocional dos presos. Procedían maioritariamente de Cesantes, Cedeira, Redondela, Reboreda, Ventosela ou outras localidades da ría
Arredor daquela Illa-prisión desenvolveuse tamén unha rede de apoio protagonizada principalmente por mulleres das vilas mariñeiras próximas, que desenvolveron un papel fundamental no sustento material e emocional dos presos. Procedían maioritariamente de Cesantes, Cedeira, Redondela, Reboreda, Ventosela ou outras localidades da ría. Estas mulleres, coñecidas posteriormente como Madriñas, construíron uns vínculos con algúns presos que transcenderon a simple asistencia caritativa e que hoxe constitúen un exemplo de resistencia fronte ao franquismo.
O termo Madriñas empregouse para designar as mulleres que axudaban aos presos de San Simón, moitas veces sen coñecelos previamente. A palabra Madriña provén do latín mater e significa “muller que fai o papel de nai”. A RAE tamén define á Madriña de guerra como “Mujer que, sin parentesco ni relaciones amorosas con un soldado en campaña, sostiene correspondencia con él y lo atiende de algún modo”. Remite simbolicamente á idea de protección e coidado, é dicir, ao exercicio dunha función maternal máis aló dos vínculos biolóxicos.
Esta carga semántica resulta especialmente significativa no caso de San Simón, onde ademais da violencia física, existía unha dimensión psicolóxica destinada á deshumanización dos presos e á ruptura dos vínculos familiares e sociais. Neste contexto de illamento, fame e violencia, a figura das Madriñas transcende o marco estritamente asistencial e adquire unha dimensión política máis complexa, onde o contacto con elas convertíase nun elemento fundamental para manter vínculos afectivos e redes de apoio entre o interior e o exterior da prisión.
Desde unha perspectiva de xénero, a figura das Madriñas permite dar conta de formas de resistencia cotiá frecuentemente invisibilizadas nos relatos históricos hexemónicos sobre a Guerra Civil e a ditadura franquista. Estes estudos centráronse fundamentalmente nas experiencias masculinas da represión
En ocasións, tamén establecían vínculos afectivos cos presos, converténdose en correspondentes habituais e apoio emocional continuado. Convén precisar que estas accións implicaban un risco considerable. O franquismo exerceu unha vixilancia permanente sobre as mulleres vinculadas ao mundo republicano, considerando especialmente perigosa calquera forma de solidariedade con eles. Utilizou un tipo de violencia e control social específicos sobre os corpos e os roles femininos. As mulleres republicanas ou vinculadas aos homes republicanos sufriron humillacións públicas con carácter exemplificativo (Muñoz-Encinar, 2021) como os rapados de pelo, os paseos espidas ou a exclusión social. As madriñas podían ser denunciadas, interrogadas ou sometidas a represalias sociais. O seu labor, polo tanto, non debe interpretarse como unha simple extensión do rol tradicional feminino, senón como unha práctica de resistencia cotiá fronte á lóxica represiva e á política do medo da ditadura.
Desde unha perspectiva de xénero, a figura das Madriñas permite dar conta de formas de resistencia cotiá frecuentemente invisibilizadas nos relatos históricos hexemónicos sobre a Guerra Civil e a ditadura franquista. Estes estudos centráronse fundamentalmente nas experiencias masculinas da represión: os fusilamentos, os cárceres, o exilio político ou a resistencia da guerrilla. As mulleres apareceron frecuentemente relegadas a un papel secundario, como figuras complementarias do sufrimento masculino ou como gardiás e transmisoras da memoria familiar. Porén, fronte ás narrativas centradas nos espazos masculinos de combate ou militancia política, estas mulleres ocuparon un papel esencial nas prácticas de coidado e supervivencia da represión.
A súa actuación revela como determinadas tarefas de coidados tradicionalmente asociadas á feminidade adquiren un profundo significado político en contextos de violencia e represión. Así mesmo, a recuperación das súas historias contribúe a ampliar a resignificación do lugar máis aló da experiencia estritamente penal dos presos, incorporando as redes de apoio e solidariedade que fixeron posible a mellora das condicións de vida de moitos presos.
Da invisibilidade ao recoñecemento
En 2020 o concello de Redondela declarou o Ano das Mulleres de San Simón. Esta homenaxe estivo acompañada por unha serie de actos: unha exposición fotográfica itinerante, As mulleres da illa de San Simón. A solidariedade é feminina, que percorreu varias parroquias de Redondela, a inauguración dunha escultura na zona do Alto da Concheira cerca de Rande e a presentación do libro A lavandeira de San Simón de Eva Mejuto
En 2020 o concello de Redondela declarou o Ano das Mulleres de San Simón que se estendeu ata o ano 2021. Esta homenaxe estivo acompañada por unha serie de actos: unha exposición fotográfica itinerante, As mulleres da illa de San Simón. A solidariedade é feminina, que percorreu varias parroquias de Redondela, a inauguración dunha escultura na zona do Alto da Concheira cerca de Rande e a presentación do libro A lavandeira de San Simón de Eva Mejuto.
Pero, que tivo que pasar para que este recoñecemento institucional fose posible? A posta en valor das Madriñas de San Simón non pode entenderse como un proceso illado, senón como o resultado de profundas transformacións sociais, políticas e académicas producidas nas últimas décadas, especialmente en relación coas accións das asociacións memorialistas e a articulación cos dereitos humanos (Ferrándiz, 2014), as políticas de memoria e o desenvolvemento de perspectivas de xénero á investigación sobre memoria (Jelin, 2002).
A historiografía centrou a súa atención maioritariamente en figuras masculinas asociadas ao combate, a militancia política ou a resistencia, mentres que as prácticas desenvolvidas polas mulleres —especialmente as que teñen que ver cos coidados— foron consideradas secundarias relegándoas ao ámbito doméstico. Isto provocou unha invisibilización de formas de resistencia cotiá por ocorrer nunha cociña ou un lavadoiro, os cales non eran considerados espazos lexítimos de poder pola historiografía.
O desenvolvemento da historiografía feminista e dos estudos de xénero permitiu reinterpretar o papel das mulleres durante a Guerra Civil e a ditadura desde perspectivas máis amplas e complexas. Os coidados deixaron de pensarse como prácticas domésticas para entenderse tamén como formas de resistencia e acción política en contextos represivos (Hernández, 2022). Neste marco, as Madriñas non deben ser recoñecidas desde unha dimensión asistencial, senón como suxeitos axentes dentro das redes de solidariedade e loita antifranquista.
En definitiva, a posta en valor das Madriñas foi posible grazas á converxencia de varios procesos: as demandas e accións das asociacións memorialistas, a revisión crítica dos silencios da Transición, a posta en marcha dalgunhas políticas de memoria, o desenvolvemento de perspectivas feministas na investigación histórica e o crecente interese social e académico polas memorias subalternas e as experiencias cotiás da represión.
Conclusións
Memorializar en clave de xénero implica ampliar o foco da análise para incluír outros suxeitos e experiencias históricas tradicionalmente consideradas secundarias ou invisibles
Nos últimos anos, a incorporación da perspectiva de xénero aos estudos memorialísticos e historiográficos permitiu ampliar o marco interpretativo da represión franquista. Grazas a este enfoque, comezouse a analizar non só a violencia específica exercida contra as mulleres, senón tamén as formas de resistencia e solidariedade que desenvolveron nun contexto de persecución política e control social. Dentro deste proceso de resignificación da memoria, o caso das Madriñas da illa de San Simón ocupa un lugar especialmente relevante.
A memoria das Madriñas permite, ademais, formular preguntas centrais sobre os procesos de memorialización: que feitos e suxeitos, e baixo que condicións sociopolíticas, son considerados dignas de ser lembradas, así como quen participa na construción da memoria colectiva. A memoria non constitúe un rexistro neutro nin espontáneo do pasado, senón unha construción social condicionada por contextos sociopolíticos, marcos culturais, especificidades de xénero e relacións de poder que determinan que relatos adquiren visibilidade pública e cales permanecen silenciados na actualidade.
Aínda que as súas prácticas se desenvolvían fundamentalmente en ámbitos domésticos ou comunitarios, estas accións adquirían unha dimensión política evidente nun contexto marcado pola represión franquista e pola persecución de toda forma de solidariedade coas persoas represaliadas
Doutra banda, tamén contribúe a desmitificar a concepción clásica da resistencia asociada exclusivamente a grandes acontecementos ou figuras heroicas. A súa experiencia contribúe a ampliar os límites do concepto de resistencia antifranquista, incorporando formas de resistencia frecuentemente non consideradas como tales pola historiografía. As accións de coidado adquiren neste contexto unha dimensión profundamente política, pois cuestionan a dicotomía entre esfera pública e privada sobre a que historicamente se construíron moitas interpretacións da acción política e da resistencia. Porque aínda que as súas prácticas se desenvolvían fundamentalmente en ámbitos domésticos ou comunitarios, estas accións adquirían unha dimensión política evidente nun contexto marcado pola represión franquista e pola persecución de toda forma de solidariedade coas persoas represaliadas.
En definitiva, memorializar en clave de xénero implica ampliar o foco da análise para incluír outros suxeitos e experiencias históricas tradicionalmente consideradas secundarias ou invisibles. Neste proceso, as Madriñas foron rescatadas do esquecemento para conformar unha memoria ao redor da Illa baseada na solidariedade, no coidado e na resistencia civil. O seu recoñecemento non implica unicamente reparar unha inxustiza histórica, senón tamén reformular os modos de construír a memoria colectiva.
Bibliografía
- Caeiro, A. (1995). Aillados: a memoria dos presos de 1936 na illa de San Simón. Vigo: Ir Indo Edicións.
- Ferrándiz, P. (2014). El pasado bajo tierra. Barcelona: Anthropos.
- Hernández, C. (2019). Los campos de concentración de Franco: sometimiento, torturas y muerte tras las alambradas. Barcelona: Ediciones B.
- Hernando, A. (2022). La corriente de la historia. Madrid: Traficante de sueños.
- Jelin, E. (2002). Los trabajos de la memoria. Madrid: Siglo XXI de España Editores.
- Mejuto, E. (2020). A lavandeira de San Simón. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.
- Muñoz-Encinar, L. (2021). “Desenterrando la represión de género: análisis de la violencia ejercida sobre las mujeres durante la Guerra Civil y la dictadura franquista en el suroeste de España”, Hispania Nova: Revista de Historia Contemporánea (19), pp. 241 266.
- Norà, P. (1997). Les lieux de mémoire. París: Éditions Gallimard.
- Sánchez-Carretero, C. (2013). “Patrimonialización de espacios represivos en torno a la gestión de patrimonios incómodos en España”, en C. Ortiz (ed.), Lugares de represión, paisajes de la memoria: aspectos materiales y simbólicos de la cárcel de Carabanchel. Madrid: Los Libros de la Catarata, pp. 2841