
Unha rede de pequenas residencias de proximidade que permita as persoas maiores que viven nelas seguiren facendo vida na súa contorna. Foi o principio inspirador co que naceu en 2019 a rede de Centros de Atención a Maiores (CAM) da Deputación de Lugo, que actualmente acolle xa case 300 persoas usuarias en nove centros, todos eles en pequenos concellos.
Os CAM da institución provincial lucense botaron a andar en Trabada, Pol e Ribadeo. No cuatrienio seguinte expandíronse pola Fonsagrada, Castroverde, Meira, Pedrafita, Navia de Suarna e Ribas de Sil coa vocación, resaltan, de "consolidar un modelo único, pioneiro e público".
O proxecto contempla chegar a duplicar a infraestrutura actual ata chegar aos 18 centros de atención a maiores contando cos que actualmente están en construción ou en fases previas á apertura. Trátase dos da Pontenova, Becerreá, A Pobra do Brollón e Guitiriz.
A "singularidade" destes Centros de Atención a Maiores, salientan, vén dada pola "aposta de residencias de pequeno tamaño, nas que prima un sistema público e próximo" que "evita o desarraigo territorial e emocional"
A intención, indican dende a Deputación, e seguir a "afianzar un modelo que non só é punteiro para a provincia de Lugo, senón que tamén o é para toda Galicia". A "singularidade", resaltan, "vén dada pola aposta de residencias de pequeno tamaño, nas que prima un sistema público e próximo", que é tanto como priorizar a "calidade" e a "dignidade persoal" das persoas residentes, sosteñen. e de calidade que pon por diante o benestar social e a dignidade persoal.
Alén do servizo residencial en sentido estrito, as case 300 persoas que viven nos CAM participan en diversas actividades de envellecemento activo. É o caso dos obradoiros de estimulación cognitiva, as actividades físicas adaptadas ou os programas de lecer mentres a "permanencia na contorna máis próxima evita o desarraigo territorial e emocional". Esa proximidade vén de reforzarse na nova ordenanza que rexe os centros, recentemente aprobada pola Deputación, con máis puntos para o acceso de veciñanza que resida no municipio no que se atopa o CAM.
Entre as novidades desta rede de residencias "centrada nas persoas" que a Deputación, salienta, "puxo en marcha en solitario para dar resposta ao reto demográfico e garantir coidados de calidade", está tamén nos últimos meses o "alivio real e significativo para os concellos nos que se atopan" dende o punto de vista económico. De agora en diante, é a administración provincial a que asume a "diferenza completa entre o custo do servizo e o que pagan os residentes, sen trasladar parte da carga aos municipios".