Case 20.000 persoas agardaron máis de 3 meses por probas diagnósticas no Sergas o pasado ano

Sala de espera nun hospital galego © Xunta

As listas de espera cirúrxica adoitan formar parte do debate político, tanto do discurso do Goberno galego como das críticas da oposición. Os últimos datos, correspondentes ao 31 de decembro de 2019, deixaron a espera media por unha operación nos 54,5 días, unha redución nos datos globais debida á mellora nas cifras da área de Vigo (a que habitualmente presenta os indicadores máis negativos) pero que ocultaba un empeoramento no resto de Galicia, xa que a espera media aumentou case 10 días nos hospitais públicos da provincia de Ourense, 5,3 nos centros de Lugo, 4,4 na área sanitaria de Ferrol, 3,6 na de Santiago, 3 na da Coruña e 1,2 na de Pontevedra.

Para 13.563 persoas a espera situábase entre os 3 e os 6 meses, outras 5.801 tiñan que agardar entre 6 e 12 meses e para 510 a espera superaba os 12 meses

Con todo, tamén hai que agardar habitualmente por probas diagnósticas de todo tipo, dende as de radioloxía (ecografícas, TACs, resonancias...), ás endoscopias ou a estudos de todo tipo (alergolóxicos, cardiolóxicos, respiratorios, do sono...). Esta espera varía moito dunhas probas a outras e tamén é moi distinta nunhas e noutras zonas de Galicia.

En total, a finais do 2019 a cifra de persoas que agardaban por unha proba diagnóstica no SERGAS era 84.879. Na maior parte dos casos (65.005), a espera era inferior aos 90 días, pero outras 19.874 persoas tiñan que agardar máis de tres meses. Para 13.563 persoas a espera situábase entre os 3 e os 6 meses, outras 5.801 tiñan que agardar entre 6 e 12 meses e para 510 a espera superaba os 12 meses.

As probas máis habituais con lista de espera son as radiolóxicas, que representan oito de cada dez. Nelas, a espera media mantense estable nos últimos anos, movéndose entre os 56,6 días do ano 2014 e os 66,5 días de 2016. No 2019 espera media en radioloxía foi de 59,9 días. Con todo, as esperas para as ecografías abdominais son superiores (75,4 días), o mesmo que para as resonancias magnéticas (64,8 días).

O resto de probas suma un menor número de casos e a espera media varía moito máis de ano en ano. En calquera caso, son as endoscopias as que acumulan un maior atraso, que foi descendendo nos últimos anos, ata os 119,8 días de 2019. A espera media para os estudos é de 59,3 días nos últimos datos, descendendo notablemente dende os máis de 162 días do ano 2014. Finalmente, a espera media nas probas de electrofisioloxía foi de 48,9 días o pasado ano, aumentando lixeiramente.

A pesar da mellora no número medio de días espera, a cantidade total de persoas que agardan por probas diagnósticas (84.879) medrou no 2019 con respecto a 2018 (82.047) e acadou a súa cifra máis alta dende o 2016 (88.371).

A cantidade total de persoas que agardan por probas diagnósticas (84.879) medrou no 2019 con respecto a 2018 (82.047)

En cambio, reduciuse lixeiramente a cantidade de persoas que espera máis de 90 días. As 19.874 de 2019 son case mil menos que as 20.895 de 2018 e catro mil menos que as 23.952 de 2017.

No último lustro o 2016 foi o ano con máis persoas agardando por unha proba diagnóstica e tamén con máis pacientes con esperas superiores aos tres meses, máis de 27 mil. Pola contra, no ano 2014 as cifras eran máis baixas que na actualidade, con 68 mil persoas agardando probas e só 19 mil con esperas superiores aos 90 días.

Vigo é a área sanitaria con maiores listas de espera para a realización de probas diagnósticas

Vigo é a área sanitaria con maiores listas de espera para a realización de probas diagnósticas, debido aos atrasos na realización de probas de radioloxía, as máis numerosas. A espera media sitúase nos 88 días en Vigo, por riba dos 65 días de Ferrol ou os 53 días de Santiago e Lugo.

Na área sanitaria de Vigo a espera media por unha ecografía abdominal sitúase nos 114 días, por unha ecografía musculoesquelética nos 113 días e nas resonancias magnéticas por riba dos 89 días. Por exemplo, na Coruña as ecografías abdominais teñen esperas de 53 días (dous meses menos) e por unha resonancia magnética hai que agardar 72 días (17 menos). Os indicadores vigueses empeoraron notablemente no ano 2019, pasando as resonancias de 71 a 89 días e as ecografías abdominais de 91 a 114 días.

A espera media en Vigo por unha ecografía abdominal sitúase nos 114 días, por unha ecografía musculoesquelética nos 113 días e nas resonancias magnéticas por riba dos 89 días

Nas endoscopias as cifras máis elevadas (con gran diferenza) corresponderon no 2019 ás áreas sanitarias da Coruña e Cee (153,9 días), que máis de suplican os datos de Lugo, a seguinte área con máis espera e multiplican por cinco os número da maior parte do resto do país.

Ferrol e Lugo presentan as maiores esperas para a realización de probas de electrofisioloxía. E de novo Ferrol ten os peores datos para a realización de estudos, cunha media de 111 días, por riba dos 66 días de Vigo, a segunda área con máis espera.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.