Centos de galegos poden estar afectados pola estafa dos préstamos rápidos concedidos co coche como aval

Dominio Público Pxhere

Decenas de ofertas prometen a concesión practicamente inmediata dun préstamo empregando un coche como aval e sen perder os dereitos sobre o vehículo

"Pagámoscho e quedas con el", "Préstamo co teu coche en 30 minutos", "Solicítao e segues conducindo", "Préstamo con aval de coche sen cambio de titularidade", "Diñeiro polo teu coche sen deixar de conducir". Cunha rápida procura na rede atopamos decenas de ofertas que prometen a concesión practicamente inmediata dun préstamo empregando un coche como aval e sen perder os dereitos sobre o vehículo.

O despacho de avogados coruñés Caruncho & Tomé alerta de que esta práctica é unha "estafa" e que está "cada vez máis estendida". O bufete lembra que Audiencias Provinciais de toda España están a declarar nulos estes contratos por ser contrarios ás leis e estima que máis de dous mil galegos poden estar afectados por este engano.

O cliente que solicita o diñeiro transfire a titularidade ao prestamista e, despois, asina un contrato de alugueiro © pexels

O despacho de avogados coruñés Caruncho & Tomé alerta de que esta práctica é unha "estafa" e que está "cada vez máis estendida"

As ofertas aparecen en páxinas como Flexicar, Cash4far, Ibancar, Gedescoche, Creditio ou Rankia, anuncios que, como sinala Caruncho & Tomé "esconden a realidade", pois os préstamos con aval de coche "consisten nun préstamo encuberto a través do cal o propietario do coche obtén un préstamo rápido e, sen decatarse, entrega ao prestamista a titularidade do seu coche". Trátase, polo tanto, dunha "venda simulada". 

Estes préstamos rápidos, de ata 35.000 euros, concédense a consumidores de forma inmediata, sen intervención de notario, sen importar se quen o solicita se atopa incluído nun ficheiro de morosos como ASNEF, RAY, Equifax ou Experian. O único requisito para a obtención do préstamo é "avalar o teu coche". 

Os préstamos con aval de coche "consisten nun préstamo encuberto a través do cal o propietario do coche obtén un préstamo rápido e, sen decatarse, entrega ao prestamista a titularidade do seu coche"

A operación é sinxela e moi cómoda para o cliente que solicita o diñeiro, pois este transfire a titularidade ao prestamista e, despois, asinan un contrato de alugueiro de coche con opción de compra, a través do cal, quen fora o dono do coche ata ese momento pode seguir usándoo a través do pagamento dunha cota mensual. Os avogados alertan de que o importe obtido polo préstamo encuberto "adoita ser moi inferior ao do prezo de mercado do vehículo ofrecido en garantía". 

Os contratos de alugueiro adoitan contemplar que, se o prestatario deixa de pagar unha soa cota, o contrato quedará resolto, de tal forma que o prestatario perderá, de forma definitiva, a propiedade do coche CC-BY-SA Michal Jarmoluk

Os avogados alertan de que o importe obtido polo préstamo encuberto "adoita ser moi inferior ao do prezo de mercado do vehículo ofrecido en garantía"

Os contratos de alugueiro adoitan contemplar que, se o prestatario deixa de pagar unha soa cota, o contrato quedará resolto, de tal forma que o prestatario perderá, de forma definitiva, a propiedade do coche. "A realidade é que estas empresas se valen das necesidades económicas dos consumidores para enganalos e que estes subscriban compravendas do seu propio vehículo a cambio dun préstamo no que o importe que devolverán será moi superior ao que lle foi prestado", engade Tomé.

Dende Caruncho & Tomé explican que nos últimos meses asistimon a unha sucesión "constante de demandas de clientes que se viron prexudicados por esta práctica que, en definitiva, é unha estafa", sinala Carlos Tomé, Socio Director do bufete.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.