O pasado 13 de marzo, horas antes da declaración do estado de alarma e do confinamento en todo o Estado, na outra beira do Atlántico, Donald Trump asinaba a lei pola que concedía de maneira colectiva a Medalla de Ouro do Congreso dos Estados Unidos (EUA) aos mariños mercantes que navegaron baixo pavillón estadounidense durante a Segunda Guerra Mundial. Entre os condecorados, centos de mariñeiros galegos.
Trump asinou a lei que concede a Medalla de Ouro do Congreso aos mariños mercantes que serviron aos EUA na II Guerra Mundial, entre eles centos de galegos
O galardón certificado polo presidente dos EUA, o distintivo civil máis importantes dese país, chega agora logo de que o Senado estadounidense aprobase o pasado 21 de decembro o anteproxecto de lei, impulsado por John Garamendi, congresista demócrata neto de vascos, e a senadora republicana Lisa Murkowski.
"É unha distinción moi importante, tamén polo descoñecemento que hai do labor que fixo a mariña mercante para os aliados; e nela moitísima xente que proviña de diversas partes do Estado, pero sobre todo vascos e galegos", lembraba a Praza.gal nesta reportaxe Pedro J. Oiarzabal, doutor en Ciencias Políticas-Estudos Vascos pola Universidade de Nevada, en Reno (EUA), que centra os seus varios anos de investigación sobre o tema nos mariñeiros de orixe vasca, pero que polo camiño atopou moitísimas referencias a persoas nadas en Galicia ou de familia galega.
Centos de buques mercantes e mariñeiros galegos "contribuíron de maneira excepcional á causa aliada" nun conflito no que milleiros de tripulantes faleceron
"Son moitos os galegos, centos ou milleiros, en maior número que os vascos", explica Oiarzabal sobre a súa presenza na mariña mercante dos EUA, que "contribúe de maneira excepcional á causa aliada", transportando tropas, armas ou subministros nunha época, lembra o historiador, na que "o 99% do transporte realizábase por mar".
Os buques comerciais militarízanse e póñense ás ordes do Estado Maior coa entrada dos Estados Unidos na Segunda Guerra Mundial. Alí, centos de galegos "arriscan a súa vida, consciente ou inconscientemente, sendo participantes moi activos no conflito".
"Había moito mariño galego con longa experiencia, non era xente nova, senón curtida. Xente que levaba décadas xa emigrada nos EUA ou que o fixo despois da guerra civil española e que satisfacía a enorme necesidade de man de obra nos mercantes estadounidenses", explicaba o investigador vasco, que insiste en que o número de mariñeiros de Galicia aos que se lle acaba de conceder a Medalla de Ouro é "imposible de calcular". Centos, milleiros... "Moitísimos". Todos, lembra, con gran experiencia na mar e procedentes, na súa maioría, de pequenas localidades da costa galega.
"Os galegos non eran xente nova, senón curtida; satisfacían a enorme necesidade de man de obra nos mercantes estadounidenses", di o investigador Oiarzabal
Nas súas investigacións, Oiarzabal logrou identificar 29 mariños mercantes galegos falecidos a bordo dun barco baixo bandeira estadounidense. Son máis da metade do total de mariñeiros achados e con orixes en España nestes traballos. Pero había moitos máis.
Naquela listaxe, aparecen José Cambeiro ou Manuel Luaces, ambos de Muros; Joaquín Cupeiro, de Ferrol; Ricardo Marino e José Segado, da Pobra do Caramiñal; Antonio Tizón e Andrés Núñez, de Sada, este último falecido a bordo do SS Muskoge; Antonio Castro, da Estrada... E Víctor Otero Luaces, de 37 anos, embarcado no SS Otho, afundido por un torpedo dun submariño alemán 200 millas ao leste de Cabo Henry, en Virxinia. Foi declarado "desaparecido en acción" e condecorado, como moitos outros galegos.
Tamén Enrique Ojen, natural de Sada, que emigrara cara aos Estados Unidos (EUA), vía Liverpool, con 20 anos en 1914. Establecido en Nova York, e xa nacionalizado estadounidense, acumulaba tres décadas de experiencia como mariñeiro e estaba embarcado no cargueiro de vapor SS Heredia, onde traballaba como engraxador. Con 48 anos, foi un dos falecidos nun buque torpedeado e afundido polo submarino alemán U-507 do exército nazi.
Atacados por submariños alemáns
O seu compañeiro, o coruñés Marcelino Mosquera, de 53 anos e encargado do mantemento das máquinas, morreu tamén naquel ataque, ao igual que outro sadense, Antonio Blanco, home de mar experimentado que chegara a NY desde Cuba en 1919 para acabar perecendo aos 57 anos rumbo a New Orleans xunto con outros 40 tripulantes que nunca foron achados.
Castor Cibeira, outro galego que emigrara en 1916 a Nova York, traballou en varios buques norteamericanos ata que se enrolou no SS Meriwether Lewis, barco que en 1943 saíu de Nova York cara ao Reino Unido co obxectivo final de chegar a Rusia cun cargamento de munición e pneumáticos. No Atlántico Norte, preto xa de Groenlandia, foi atacado por dous submariños alemáns que provocaron a explosión e o afundimento da embarcación e a desaparición no mar da tripulación, máis de 70 persoas.
O galardón que veñen de recibir, e que redunda en beneficios para os seus descendentes, é, xunto a Medalla Presidencial da Liberdade, o meirande premio civil nos EUA. Entre os galardoados, Rosa Parks, Neil Armstrong, Martin Luther King, Thomas A. Edison, a Cruz Vermella Americana ou George Washington.