"Coa enfermaría escolar nenos e nenas estarían máis coidados e cunha mellor educación en saúde"

Unha enfermeira escolar © ACISE

Hai uns meses rexistrouse no Parlamento unha Proposición non de lei (PNL) para regular a figura da Enfermería Escolar e dotar os centros de ensino galegos dos recursos suficiente para contar de forma permanente con estes e estas profesionais. Na actualidade esta figura é habitual no Reino Unido, Francia, Suecia ou os Estados Unidos e os seus defensores subliñan que a súa presenza nos centros ofrece unha mellor atención a todos os nenos e nenas, pero especialmente a aqueles e aquelas que sofren algunha enfermidade crónica. Ademais, lémbrase que estes profesionais poderían ter tamén unha función formativa, mellorando a educación en saúde e en determinadas boas prácticas.

A iniciativa supera xa as 10.000 sinaturas e chegará en abril ao Parlamento

A proposición foi impulsada por un gran número de entidades: Federación Galega de Diabetes, Unión Galega de Epilepsia, Federación Autismo Galicia, Asociación de Déficit de Atención Hiperactividade e Necesidades específicas de apoio educativo, Asociacións de Nais e Pais (CONFAPA e CONGAPA), Colexio de Enfermería de A Coruña e Consello Galego de Médicos. E nos últimos meses uníronse outras moitas.

Estas asociacións necesitaban recoller 2.500 sinaturas antes do 4 de abril para que a PNL fose tomada en consideración. Este obxectivo foi xa superado con claridade, roldando xa os 10.000 apoios, aínda que as entidades promotoras van seguir procurando firmas para incrementar a solidez da súa proposta.

"A atención sanitaria non está cuberta na escola, porque evidentemente esa non é unha función dos mestres e mestras"

Lembran, por exemplo, que en Galicia o 13% dos nenos e nenas sofren asma, que o Déficit de Atención e Hiperactividade afecta ao 5-7% dos escolares, e que outras afeccións como o autismo requiren de actuacións "individualizadas, multidisciplinares e ben coordinadas". De igual xeito, alértase de que en moitas ocasións nos colexios e institutos non se detectan correctamente os casos de hipoglucemias leves en rapaces con diabetes. 

"Entre a xornada habitual e as actividades extraescolares, os nenos e nenas pasan moitísimas horas nos centros de ensino. A atención sanitaria non está cuberta na escola, porque evidentemente esa non é unha función dos mestres", explica a doutora Maite Peña, portavoz da iniciativa. Sinala que a figura da Enfermaría Escolar "é especialmente importante para os nenos e nenas con enfermidades crónicas" pois "a presenza de enfermeiros e enfermeiras nas escolas permitiría unha mellor integración destes alumnos e alumnas, facilitando tamén a conciliación para as familias, con máis tranquilidade". "A realidade é que ao carecer de persoal especializado os pais e nais deben estar moi pendentes todo o tempo de calquera cousa que lles pase aos seus fillos e fillas", engade.

Unha enfermeira nun centro de ensino ©

"A presenza de enfermeiros e enfermeiras nas escolas permitiría unha mellor integración dos alumnos e alumnas con enfermidades crónicas, facilitando tamén a conciliación para as familias"

Incide así mesmo na función formativa que poderían emprestar estes e estas profesionais, "permitindo que os nenos e nenas recibisen educación sanitaria". "Hoxe consideramos moi importante que o alumnado reciba unha formación en novas tecnoloxías, por exemplo, pero non o é menos a formación sobre saúde, educación sexual, primeiros auxilios e reanimación ou nutrición e hábitos saudables, que estes profesionais poderían proporcionar", di. "Isto non só melloraría o autocoidado dos nenos e nenas, senón a medio e longo prazo contribuiría a que no futuro tivesen uns hábitos de vida máis saudables", engade.

Peña subliña que "as primeiras experiencias déronse no Reino Unido xa a finais do século XIX e estudos posteriores veñen demostrando as vantaxes de que os centos conten con esta figura". "No Reino Unido está implantada, pero tamén noutros países europeos como Suecia. E igualmente nos Estados Unidos, onde máis do 75% dos colexios contan con enfermeiros e enfermeiras a tempo completo. E en todos estes países está comprobándose que isto mellora moitísimo a situación sanitaria posterior dos enfermos crónicos", di. "En España, comunidades como Madrid ou Valencia e máis recentemente Canarias, Murcia e Andalucía, xa regularon esta figura", remata.

"Contribuiría a que no futuro estes nenos e nenas tivesen uns hábitos de vida máis saudables"

"Xa superamos as 2.500 sinaturas que se necesitan para a toma en consideración da proposición e nestes momentos roldamos xa as 10.000", destaca. "O noso obxectivo é seguir sumando sinaturas, para amosar o importante apoio con que conta a proposta. En marzo comezaremos a falar cos diferentes partidos políticos para presentarlles a iniciativa e pedirlles o seu voto positivo", conclúe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.