Condenados dous directivos dos hostaleiros de Santiago de hai unha década por estafa e falsidade documental

Sede dos hostaleiros de Santiago en 2011, no momento dos feitos agora xulgados © Google

Tamén son condenados dous empresarios por facilitar a falsificación de facturas para que a asociación de hostalaría obtivese subvencións públicas

A Audiencia Provincial da Coruña vén de condenar a quen hai unha década era director xerente da Asociación Provincial de Empresarios de Restauración e Hospedaxe de Santiago de Compostela e ao tesoureiro da xunta como autores dun delito de estafa continuada, en concurso cun delito continuado de falsidade documental. Coa concorrencia das circunstancias atenuantes de dilacións indebidas e de confesión, dítalles unha pena de 21 meses de prisión e multa de cinco meses cunha cota diaria de 8 euros. 

Sede dos xulgados de Santiago onde se celebrou o xuízo CC-BY-SA Praza Pública

O tribunal tamén condena a outras dúas persoas -responsables de empresas que falsificaron facturas- como autoras dun delito de falsificación documental, concorrendo as circunstancias atenuantes de dilacións indebidas e confesión, ás penas de dous meses de prisión. A Audiencia tamén impón á asociación de hostaleiros, en concepto de responsable civil, o pagamento dunha indemnización á Deputación da Coruña de 54.408 euros e á Xunta de 19.416 euros.

Asociación Provincial de Empresarios de Restauración e Hospedaxe de Santiago de Compostela deberá pagar 54.400 euros á Deputación da Coruña e 19.400 á Xunta

Na sentenza, o tribunal considera probado que o director xerente da asociación no momento dos feitos e o presidente da Xunta Directiva de Restauración "postos de común acordo e actuando en nome da asociación, con ánimo de obter fondos para esta, falsearon os requisitos esixidos para a percepción das subvencións e obtivéronas, para o que achegaron facturas que non obedecían a unha prestación real de servizos".

Vista xeral de Santiago CC-BY-SA Gritz

 Ademais, segundo explica o fallo, falsearon as contas da asociación, ao anotar cargos coa data e polo importe que figuraba nas facturas creadas para obter a subvención e anotar outros créditos ficticios posteriores polos mesmos importes a favor da asociación, fronte ás distintas empresas que emitían as facturas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.