Xuízo á directiva dos hostaleiros de Santiago de hai unha década por fraude de axudas públicas

Sede dos hostaleiros de Santiago en 2011, cando segundo a Fiscalía a asociación xustificou con facturas falsas dese ano unha reforma que se fixera en 2009 © Google

A Fiscalía pide varios anos de cadea e multa millonaria a cinco dirixentes da entidade e outros cinco empresarios que facilitaron facturas falsas coas que xustificar as subvencións

A sala compostelá da Audiencia Provincial da Coruña acolle este martes un xuízo contra a directiva de hai unha década da asociación de hostaleiros de Santiago. Os cinco máximos dirixentes daquela da entidade e outros cinco empresarios que supostamente os axudaron facilitándolles facturas falsas están acusados de actuar "de común acordo" para o cobro fraudulento de axudas públicas.

Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, os cinco acusados, "con ánimo de enriquecemento", falsearon os requisitos esixidos por varias subvencións públicas e "achegaron facturas que non obedecían a unha prestación real de servizos". Facturas que eran "meros artificios que non responden a ningún gasto efectivo". Tamén "falsearon as contas anuais da asociación".

Sede dos xulgados de Santiago, onde será o xuízo CC-BY-SA Praza Pública

A Fiscalía sinala como axudas cobradas fraudulentamente unha de 102.000 euros para a desestacionalización turística asociada á promoción do Camiño Inglés a Santiago, outra de 250.000 euros para a reforma da sede da asociación, na rúa Salvadas de Santiago, e unha terceira de 35.000 euros para a mellora enerxética desas instalacións. 

Segundo a Fiscalía os acusados recibiron 250.000 euros para reformar a sede da asociación cunha factura falseada en 2011 malia que a obra xa se fixera en 2009

No caso da reforma da sede, por exemplo, a Fiscalía di que as obras se realizaran en 2009 pero que "de común acordo" co responsable da empresa que realizou os traballos "modificaron a data dunhas das facturas presentadas para obter a subvención para que entrara dentro do período subvencionable", en 2011.

Estes feitos son para a Fiscalía constitutivos dun delito continuado de fraude de subvencións, cinco delitos de falsidade documental e un delito societario.

Vista xeral de Santiago CC-BY-SA Gritz

Para cada un dos cinco ex-directivos acusados o ministerio pide cinco anos de cadea pola fraude continuada, dous anos e medio por cada un dos delitos de falsidade documental e outros dous anos e medio polo delito societario. Ademais, a Fiscalía pide multas de distintas contías por cada un dos delitos que, só no caso da fraude, ascenden a máis de 1,5 millóns de euros. 

Pola súa banda, os cinco empresarios que facilitaron as facturas falsas afrontan unha petición de dous anos e medio de cadea para cada un por falsidade documental.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.