O pasado 15 de maio o Tribunal de Violencia sobre a Muller de Santiago rexeitou a adopción dunha orde de protección nun caso de suposta violencia de xénero ao non advertir "un risco inminente para a integridade física ou moral da denunciante" e tampouco das súas fillas
O pasado 15 de maio o Tribunal de Violencia sobre a Muller de Santiago de Compostela publicou o seu ditame nun caso no que unha muller solicitaba a adopción dunha orde de protección fronte á súa ex-parella, ao que acusaba de violencia de xénero e de supostos "malos tratos" cara ás súas fillas menores por parte do pai. A xuíza determinou que non había lugar á adopción desas medidas cautelares porque "non resultara acreditado un risco inminente para a integridade física ou moral da denunciante" e tampouco para as nenas, algo no que concordaba a Fiscalía.
O auto explicaba que "da declaración das partes infírese a existencia dunha situación de conflito no que respecta á educación das menores e desavinzas no que respecta ao réxime de custodia, tendo manifestado o denunciado que é a súa intención solicitar a custodia compartida". Engadía que "o investigado deu unha explicación coherente ao seu paso polas proximidades do domicilio, dado que estaría construíndo unha casa preto, coa intención de facilitar así un futuro réxime de custodia compartida.
A sentenza foi criticada por Maternidades feministas, que criticou que o auto reducise os feitos a unha "situación de crise de parella e desavinzas no que respecta ao réxime de garda e custodia das menores"
Así mesmo, apuntaba que "o acusado nega terlles falado ás menores mal da súa nai ou telas maltratado dalgún modo". O auto concluía que "nos atopamos ante unha situación de crise de parella e desavinzas no que respecta ao réxime de garda e custodia das menores", engadindo que "o investigado carece de antecendentes penais".
A sentenza foi criticada de inmediato por colectivos como Maternidades Feministas Galegas ou a Plataforma Feminista Galega. Maternidades Feministas denunciou a través das redes sociais que o Xulgado de Violencia sobre a Muller de Santiago estaba a ditar "resolucións sen unha valoración completa e efectiva das probas achegadas polas denunciantes", en referencia a "declaracións testificais relevantes, audios achegados pola denunciante nin o contido íntegro das manifestacións realizadas por esta parte".
Este martes ás 12 horas o colectivo convoca unha concentración ante os xulgados composteláns de Fontiñas co obxectivo "de denunciar publicamente a falta de actuacións por parte do xulgado de violencia de xénero"
O colectivo acusaba á xuíza responsable do tribunal dunha "absoluta falta de interese en investigar de maneira completa os feitos denunciados e xerando unha fonda sensación de indefensión" e criticaba que o auto reducía "a unha crise de parella" ou a un "conflito familiar" os "indicios de acoso e maltrato psicolóxico denunciados". Maternidades Feministas denunciaba "unha situación de desprotección institucional que xera unha profunda indefensión en quen acode á xustiza buscando amparo e protección".
Este pasado martes o colectivo desenvolveu unha concentración ante os xulgados composteláns de Fontiñas co obxectivo "de denunciar publicamente a falta de actuacións por parte do xulgado de violencia de xénero" e "reivindicar a fin da lacra da violencia de xénero e exixir personal formado e sensibilizado en materia de igualdade".