O pasado 2 de setembro o Centro Nacional de Furacáns dos Estados Unidos rexistrou como furacán un sistema de baixas presións situado na metade do Atlantico Norte, que se converteu no primeiro fenómeno deste tipo na rexión na actual tempada, co nome de "Danielle". Danielle era, en primeiro lugar, un furacán singular por formarse en latitudes moi elevadas, moi ao norte. E, ademais, adquiría un interese especial pola posibilidade de que a súa traxectoria de desprazamento afectase a Galicia na vindeira fin de semana, ben en forma de furacán ben como tormenta tropical, con fortes ventos e chuvias.
Danielle converteuse no primeiro furacán da tempada e foi cualificado de "anómalo" polos expertos, ao formarse moi ao norte
De feito, nese momento o furacán estaba a provocar ventos de ata 120 quilómetros por hora, aínda que situado lonxe de calquera litoral (a zona máis próxima eran as Illas Azores, a máis de 1.500 quilómetros que distancia) a súa incidencia era mínima.
Porén, días despois, a evolución de Danielle foi facendo cada vez menos probable que traia a Galicia estas chuvias e ventos de importancia. O furacán vaise desprazando cara ao nordés e perdendo forza. Como explica a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), neste desprazamento "atopará augas máis frías e condicións atmosféricas desfavorables, que o debilitarán. Cando estea preto de Europa converterase en borrasca. Os seus efectos, con alta probabilidade, non se notarán en España".
O fenómeno foi perdendo forza no seu lento desprazamento cara ao nordés e a partir do xoves terá a condición de tormenta
No mapa de previsión do Centro Nacional de Furacáns estadounidense estímase que xa o xoves pola mañá Danielle deixará de ter condición de furacán, para converterse en treboada tropical. O sábado pola mañá acadará unha latitude semellante á do sur de Irlanda, situándose polo tanto a moita distancia das costas galegas, ás que achegará ventos e chuvias semellantes ás de moitas outras borrascas típicas destes meses.
En calquera caso, a previsión do tempo para os vindeiros días en Galicia fala de varias xornadas de inestabilidade, con ventos no litoral e chuvias intermitentes
O meteorólogo J. J. González Alemán, que nos últimos días viñera advertindo nos posibles riscos asociados a unha aproximación de Danielle ás costas da Península Ibérica, sinala agora, á vista dos novos datos, que "a non ser que haxa variacións de última hora, por fin xa podemos comezar a pensar na idea de que o anómalo furacán non representará ameaza ningunha -nin en forma de ciclón tropical nin en forma de borrasca- á península ibérica".
En calquera caso, a previsión do tempo para os vindeiros días en Galicia fala de varias xornadas de inestabilidade, con ventos no litoral (especialmente este luns e martes e tamén na fin de semana) e coas agardadas chuvias, que serán intermitentes, pero que afectarán á meirande parte do país.