A Confederación do Miño-Sil e o Concello de Meira impulsan un punto de interpretación con miradoiro “que permitan achegarse ao pedregal de forma segura para escoitar o son da auga baixo as pedras”
O Sil leva a auga e o Miño a fama, e este nin sequera ten definido un único lugar de nacemento, disputado entre a lagoa de Fonmiñá, na Pastoriza, e o pedregal de Irimia, no concello de Meira. Agora ese Concello e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil veñen de asinar un acordo para poñer en valor o segundo enclave, no que queren facer un “punto de interpretación e observación do Alto Miño” cun miradoiro que permita “achegarse ao pedregal de forma segura para escoitar o son da auga baixo as pedras”.
Porén, hai tempo que o pedregal de Irimia ten que compartir eses sons con outros que non son os orixinais dese lugar senón que foron importados pola man do home: os do bruar do vento no parque eólico e nas plantacións de eucaliptos que o rodean.
En 2017 o premio Dioxina de Adega censurou a eucaliptización do pedregal e noutro parque eólico próximo unha empresa tentou argumentar que os muiños resultan "atractivos para os turistas"
As plantacións de eucaliptos arredor do pedregal de Irimia levaron á organización ecoloxista Adega a facelo protagonista dos seus premios Osíxeno e Dioxina de 2017, nos que outorgaron o seu galardón en negativo á Consellería de Medio Rural “polo seu desleixo” e “connivencia co lobby pasteiro-enerxético” que “provocou a eucaliptización de lugares tan emblemáticos” como o nacemento do Miño.
Canto aos eólicos, xa houbo unha empresa que tentou argumentar sen éxito noutro parque non moi afastado do pedregal, en Mondoñedo, que este tipo de muíños resultan “atractivos para os turistas”. A xustiza tivo que salientarlle a “grave afectación polo seu impacto visual e acústico” que supoñen.
Agora, segundo salienta a Confederación Hidrográfica, o seu acordo co Concello de Meira, asinado entre os máximos responsables das dúas administracións, José Antonio Quiroga e Antonio de Dios, contempla que a primeira achegará 220.000 euros e a segunda facilitará os terreos para construír un Punto de Interpretación e Observación do Alto Miño no pedregal, “un lugar emblemático a valorizar para o desfrute de veciños e visitantes”. A actuación será unha edificación de planta baixa de 150 metros cadrados “sobreelevada sobre a rasante do terreo, con materiais da zona, para dedicar a miradoiro e punto de información, situada a uns cen metros do pedregal, así como as actuacións complementarias que permitan achegarse ao pedregal de forma segura para escoitar o son da auga baixo as pedras sen alterar o medio natural”.
A confederación salienta que con esta iniciativa pretende “complementar o centro de interpretación do Alto Miño, proxectado en Fonmiñá, que uniremos a través dun sendeiro fluvial entre Meira e o pedregal para facilitar o acceso”.