Galicia chega ás 260 persoas hospitalizadas polo coronavirus, 33 delas na UCI

CC-BY-NC-SA Praza Pública

O número total de casos confirmados chega aos 885, fronte aos 721 do día anterior. Nas últimas horas producíronse dous novos falecementos, sumando xa 14

A Consellería de Sanidade actualizou esta mañá os indicadores sobre a incidencia do Coronavirus en Galicia, onde o número total de casos confirmados chega aos 885, fronte aos 721 do día anterior, un incremento do 22,7%, algo inferior ao dos días precedentes. 

Producíronse dous novos falecementos, sumando xa 14. Trátase dun varón de 81 anos que estaba ingresado no CHUAC da Coruña e dunha muller de 77 anos ingresada no Hospital Juan Cardona  de Ferrol, que rexistra así a súa primeira morte. Os dous tiñan patoloxías previas. No lado positivo, o Sergas informa de que tamén aumentaron as altas, un total de 16, con dez novos pacientes recuperados. 

No conxunto do Estado hai 28.572 casos de coronavirus, con 2.575 altas e 1.720 falecementos. O número total de pacientes en UCI chega a 1.785. Madrid é a comunidades que presenta unha situación máis negativa, con 9.702 positivos, 1.021 falecementos e 834 casos en UCI.

Nas últimas 24 horas medrou o número de persoas que necesitaron de ingreso hospitalario, pasando de 194 a 260

Un dos aspectos que máis preocupa é a capacidade do sistema sanitario para soster o incremento de pacientes hospitalizados. De momento, a situación en Galicia é moito máis favorable que noutras comunidades autónomas. Nas últimas 24 horas medrou o número de persoas enfermas de coronavirus que necesitaron de ingreso hospitalario, pasando de 194 a 260. 

Porén, delas tan só 33 están na UCI, fronte ás 28 do día anterior. Galicia dispón de 274 camas de UCI. O que aumentou no último día foi o número de pacientes ingresados en unidades hospitalarias convencionais, que pasou de 166 a 227. En total, o número de infectados en UCI son o 3,7% do total e o número total de persoas hospitalizadas chega ao 29,3%. 

Galicia dispón de 274 camas de UCI, das que 33 están ocupadas por casos de coronavirus

A maior parte dos casos positivos de coronavirus atópanse en illamento nos seus domicilios, con síntomas leves. Son, en total, 625 de 885, máis do 70%. 

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus. Ademais, o Sergas ten a disposición da cidadanía unha páxina web na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

A Coruña segue sendo a área que rexistra máis casos, seguida moi de preto por Vigo, que é a que aumentou máis nas últimas 24 horas

Do total de 885 casos positivos de coronavirus confirmados en Galicia 226 son da área da Coruña (eran 195 un día antes), 58 da de Lugo (eran 54), 95 da de Ourense (eran 74), 136 da de Pontevedra (eran 112), 212 da área de Vigo (eran 152), 130 da de Santiago (eran 108), e 28 da de Ferrol (eran 26).

A Coruña segue sendo a área que rexistra máis casos, seguida moi de preto por Vigo, que é a que aumentou máis nas últimas 24 horas. Tamén Pontevedra, Santiago e Ourense incrementaron os seus indicadores máis que as outras áreas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.