Galicia chegou ao Nadal coa incidencia da COVID estabilizada e récord de probas

Cribado da COVID-19 entre persoal de diversos servizos básicos do Concello de Vilalba © Cruz Vermella

Galicia chegou ao Nadal coa incidencia do coronavirus estabilizada. Á espera do efecto das dúas semanas de celebracións que encetaron o pasado xoves coa Noiteboa e do risco que na propagación da Covid-19 ten o aumento da mobilidade nestas datas, as cifras destacan que o país empezou as festas coas cifras de impacto da pandemia relativamente asentadas nos últimos días logo do importante incremento de contaxios da pasada semana.  

Este sábado o Sergas informa de 373 novos casos de coronavirus detectados nas últimas 24 horas mediante proba PCR. O número é elevado, superior ao rexistrado hai sete días (365 positivos) e de 64 máis que na xornada do día anterior. 

A media de casos novos por PCR en sete días, con todo, rolda os 310 malia o elevado número de probas das últimas xornadas, mentres que a incidencia acumulada a 14 días sitúase en arredor dos 190 casos por 100.000 habitantes, semellante á da xornada anterior e á rexistrada nos primeiros días do mes de decembro. 

Galicia alcanzou o 23 de decembro as case 10.700 PCR nunha soa xornada, unha cifra récord

Porque Galicia alcanzou o récord de probas nestes últimos días. Na xornada do 23, foron preto das 10.700 as PCR realizadas, unha cifra que supuxo unha marca e que descendeu unh chisco, a unhas 9.300, na xornada do 24, aínda un número moi elevado. 

O descenso brusco ás 6.197 PCR do día de Nadal explicaría que a taxa de positividade da COVID se disparase cos datos do sábado ao 7% e que superase o limiar do 5% que marca a OMS para dar controlada a pandemia, uns datos conxunturais xa que a positividade media a sete días mantense en Galicia por baixo do 4%. 

A presión hospitalaria increméntase aínda que na UCI só hai unha persoa ingresada máis que na xornada anterior

Nas cidades, a incidencia acumulada a 14 días estabilízase tamén en todas elas, inclúida Santiago, que acumula varios días cunhas cifras semellantes tras o incremento dos casos dos últimos días. 

En canto á presión hospitalaria, aumentou ata os 382 ingresados, nove máis que na xornada anterior, principalmente debido ao incremento dos pacientes en unidades convencionais, oito máis, xa que o número de persoas ingresadas na UCI subiu só nunha nas últimas 24 horas, ata as 55. 

Nesta altura, a área sanitaria de Santiago-Barbanza xa é a que ten maior número de persoas hospitalizadas en Galicia, 75, a superar os 73 da área da Coruña-Cee. 

Xa que logo, Galicia conta na actualidade cun total de 5.716 casos activos de coronavirus, 38 menos que o pasado venres ao superar as altas aos novos contaxios. Do total de persoas diagnosticadas coa COVID, 901 son da área da Coruña, 381 da de Lugo, 558 da de Ourense, 907 da de Pontevedra, 1.232 da área de Vigo, 1.355 da de Santiago, e 382 da de Ferrol.

Galicia alcanza as 1.363 persoas falecidas por coronavirus

Á espera dos efectos que as reunións e o aumento da mobilidade nestes primeiros días das festas de Nadal provoquen, e que serán comprobables dentro dunhas xornadas, o número de falecidos segue aumentando, ao ascender xa aos 1.363 --671 en residencias-- logo de comunicarse o pasamento doutras catro persoas nas últimas horas.

Por concellos, a área da Costa da Morte e do Barbanza segue a ser a máis afectada polo coronavirus nestas datas, destacando a incidencia acumulada a 14 días en Mazaricos ou Fisterra, con máis de 1.250, unhas cifras que tamén se superan na Illa de Arousa e que andan perto no municipio ourensán de Sarreaus. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.