Galicia en Común reclama á Xunta a reapertura dos centros de día

Actividades nun centro de día de Galicia CC-BY-SA Xunta

Galicia en Común pide á Xunta a reapertura dos centros de día cun protocolo que "garanta a saúde das pesoas usuarias". O candidato á presidencia da Xunta pola coalición, Antón Gómez Reino, e a deputada Eva Solla mantiveron unha xuntanza telemática coa Plataforma de Centros de Día de Galicia (PCDG) que denunciou a decisión do Goberno galego de manter o peche dos centros ata setembro e logo de que a propia Administración negociase durante semanas unha reapertura que foi freada a última hora.

Galicia en Común pide á Xunta a reapertura dos centros de día cun protocolo que "garanta a saúde das pesoas usuarias"

Galicia en Común pídelle á Xunta de Galicia e á Consellería de Política Social que "reconsidere esta decisión" que, segundo a PCDG, "repercute moi negativamente nos nosos maiores afectando máis de 14.000 usuarios". "Eles mesmos propuxeron un protocolo moi estrito para a reapertura destes espazos para garantir que non haxa contaxios por coronavirus", recorda a formación. 

Gómez Reino e Eva Solla, en xuntanza telemática coa Plataforma de Centros de Día de Galicia CC-BY-SA Galicia en Común

Gómez Reino cre que "o que ten que facer o Goberno galego é asumir as súas competencias en materia de política social e reabrir estes espazos aplicando un protocolo para garantir a saúde das persoas usuarias".

Dende a Plataforma, di Galicia en Común, entenden que este servizo é "fundamental para a calidade de vida dos nosos maiores, que crea ademais miles de empregos en Galicia e que ofrece actividades como atención psicosocial ou determinadas terapias que non se poden substituír pola atención domiciliaria". Ademais, nos últimos días, En Marea tamén reclamou a reapertura destes espazos que levan desde mediados de marzo pechados. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.