Galicia rexistrou máis de 100 terremotos no que levamos de verán

O tremor de maior intensidade tivo o seu epicentro nos arredores de Celanova © IGN

Galicia non é un país moi habituado aos tremores de terra, cando menos en comparación con outros territorios. A excepción é o triángulo sísmico da montaña lucense entre Sarria, Becerreá e Triacastela, onde o 21 de maio de 1997 houbo un tremor de 5,1 graos, o maior dos rexistrados en Galicia dende que hai medicións precisas. En xaneiro do ano 2000 Triacastela volveu sufrir un tremor por riba dos 4 graos, o derradeiro rexistrado en Galicia con esta intensidade.

O pasado verán rexistráranse apenas 32 tremores nas mesmas datas

Porén, este verán si está sendo habitual a sucesión de tremores de terra de baixa intensidade en Galicia. Dende finais de xuño sentíronse 102 terremotos, aínda que só dous deles, o 30 de xullo (3,2) e o 10 de agosto (3,4), superaron unha magnitude 3. A maior parte dos tremores non chegaron nin sequera a unha magnitude 2, polo que en moitos casos non foron percibidos.

A maioría dos terremotos rexistrados polo Instituto Geográfico Nacional (IGN) tiveron o seu epicentro entre os concellos de Cartelle e A Merca (Ourense) e tamén no Covelo (Pontevedra). Entre os tres concellos sumaron máis da metade de todos.

Máis da metade dos tremores tiveron o seu epicentro entre os concellos de Cartelle, O Covelo e A Merca

A xeito de comparación, no mesmo período do pasado ano, entre o 22 de xuño e o 20 de agosto, rexistráronse en toda Galicia apenas 32 terremotos, menos dun terzo dos que tiveron lugar no que levamos de verán. No conxunto do ano 2018 o número de tremores elevouse a 188, cun número moi destacado nos arredores de Ponte Caldelas.

No seguinte mapa pódense consultar todos os tremores rexistrados en Galicia no que vai de verán, a súa magnitude e data.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.