Ponte Caldelas suma 37 terremotos na última semana

Ponte Caldelas CC-BY-SA Anselm Pallás

Dende o pasado martes rexistráronse na contorna de Ponte Caldelas un total de 37 tremores de terra, o último na madrugada do sábado ao domingo, este cunha intensidade de 2 graos na escala Richter. O de maior magnitude, segundo os datos que recolle o Instituto Xeográfico Nacional (IXN) tivo unha intensidade de 3.2 graos e produciuse o pasado xoves. O fenómeno denomínase enxame sísmico e defínese como unha sucesión de tremores que se producen nun área concreta durante un período determinado de tempo sen que haxa un terremoto que poida ser considerado "principal". Algúns dos tremores sentíronse nos concellos e bisbarras próximas, de Vilaboa a Cotobade, pasando por Pontevedra.

Dende o pasado martes rexistráronse na contorna de Ponte Caldelas un total de 37 tremores de terra, o último na madrugada do sábado ao domingo

Trátase dun fenómeno completamente normal que moitas veces nin sequera é percibido pola poboación, se os tremores teñen unha magnitude máis reducida. No caso concreto de Ponte Caldelas e a súa contorna, a zona sitúase sobre unha pequena falla activa, que iría dende a localidade ata o sur da provincia de Pontevedra, preto de Salceda de Caselas.

O primeiro dos tremores produciuse o pasado día 15 ás catro e media da tarde e ese mesmo martes houbo no lugar outros 20 terremotos, a maior parte entre os 2 e o 3 graos de intensidade, cun máximo de 3.1 para un que tivo lugar pouco despois das seis da tarde. O fenómeno continuou o mércores 16 con outros 11 tremores e o xoves 17 con outros 5, entre eles o xa comentado de intensidade 3.2. Na madrugada do sábado ao domingo porduciuse o número 37 nesta serie.

No que levamos de 2018 o IXN rexistrou uns 80 terremotos en Galicia, aínda que ata agora ningún superara os 3 graos

Os tremores de terra son un fenómeno frecuente en Galicia. De feito, no que levamos de 2018 o IXN rexistrou uns 80 terremotos en Galicia, aínda que ata agora ningún superara os 3 graos.

O 21 de maio de 1997 ás 23.50 horas Triacastela sufriu un tremor de 5.1 graos, o maior dos rexistrados en Galicia dende que hai medicións precisas

Na memoria recente están os terremotos que tiveron lugar nos últimos anos do século XX entres Sarria, Becerreá e Triacastela, no denominado triángulo sísmico da montaña lucense. O 21 de maio de 1997 ás 23.50 horas Triacastela sufriu un tremor de 5.1 graos, o maior dos rexistrados en Galicia dende que hai medicións precisas. Nos dous días seguintes houbo numerosas réplicas e seis delas superaron os 4 graos de intensidade. Entre 1995 e 1996 houbera varios terremotos semellantes na zona. En xaneiro do ano 2000 Triacastela volveu sufrir un tremor por riba dos 4 graos, derradeiro rexistrado en Galicia con esta intensidade.

 

Na madrugada do sábado ao domingo rexistrouse en Ponte Caldelas o tremor número 37 desta serie © IXN

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.