Galicia segue a reducir o número de ingresos hospitalarios polo coronavirus, pero rexistra 29 novos falecementos

CC-BY-NC-SA Praza Pública

As boas novas chegan polo aumento no número de altas, que supera as mil por primeira vez e polo descenso no número de hospitalizacións

Galicia suma 5.747 casos activos de coronavirus, cun incremento de 116 (+2%) nas últimas 24 horas. Porén, rexistráronse 29 novos falecementos, unha das cifras máis altas nun só día.

As boas novas chegan polo aumento no número de altas, que supera as mil por primeira vez (1.082, 85 máis ca onte) e polo descenso no número de hospitalizacións. Ademais, o número reprodutivo básico, que informa da capacidade do virus para estenderse (representa o número de persoas ás que contaxia un caso positivo), segue descendendo, situándose xa no 0,68. Cando este indicador baixa de 1, iso significa que a infección está remitindo, e na medida en que se achegue a 0 revelará que a doenza pasará a estar controlada.

As 29 novas mortes que se engaden ao rexistro elevan a 347 o número total dende o inicio da crise. Trátase do aumento máis importante nun só día

As 29 novas mortes que se engaden ao rexistro elevan a 347 o número total dende o inicio da crise. Trátase do aumento máis importante nun só día, agás o que se produciu este xoves (+70), momento en que a Xunta sumou a cifra de persoas falecidas nas residencias de maiores.

No que atinxe precisamente ás residencias, os últimos datos sitúan a cifra de casos activos en 1.124, aos que hai que sumar os 161 positivos dos centros de atención á discapacidade. Isto parece indicar que a situación da epidemia nas residencias de maiores estaría máis estabilizada no que respecta ás persoas internas (+4 no últimos día) pero non tanto no caso do persoal (+29). Tamén están a aumentar moito os casos nos CAPD, con 20 novos positivos nas últimas 24 horas.

A cifra de persoas infectadas pola Covid-19 que atopan nas UCI redúcese por sétimo día consecutivo e fica en 143, fronte ás 177 de hai unha semana

A cifra de persoas infectadas pola Covid-19 que atopan nas UCI redúcese por sétimo día consecutivo e fica en 143, fronte ás 177 de hai unha semana. Cae tamén a cantidade de enfermos e enfermas de coronavirus noutras unidades hospitalarias (716, 50 menos ca onte). O número total de persoas ingresadas nos hospitais galegos por mor desta doenza é de 859, lonxe xa das 1.107 de hai uns días.

Neste senso, este sábado o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, afirmou en entrevista concedida á Radio Galega que o descenso de pacientes hospitalizados polo coronavirus podería evitar ter que recorrer finalmente aos hospitais de campaña que se estaban a a preparar en varias cidades galegas. Vázquez Almuiña destacou que nestes momentos o 50% das camas hospitalarias están baleiras, e que mesmo nas UCI hai unha marxe de máis de 125 camas baleiras. Con todo, o conselleiro salientou que non se debe "baixar a garda".

Dos 5.747 casos activos de coronavirus en Galicia, 4.888 están nas súas casas, máis do 85%

Segue a aumentar o número de probas realizadas, chegando xa a 42.122 dende o inicio da crise. O ritmo de probas diarias foi aumentando, acadando as 2.690 este último día, a cifra diaria máis elevada ata agora. 

A maior parte dos resultados son negativos e, dos positivos, a maior parte dos casos presentan síntomas leves, permanecendo nos seus domicilios. Dos 5.747 casos activos de coronavirus en Galicia, 4.888 están nas súas casas, máis do 85%. A proporción que representan estes casos leves sobre o total non deixou de aumentar nas últimas dúas semanas, nas que pasou do 68% ao 85%. Pola contra, a porcentaxe de casos na UCI baixou do 4,7% ao 2,5% e a cantidade total de casos hospitalizados caeu do 32% ao 15%.

Áreas sanitarias

Por áreas sanitarias, 1.169 casos son da área da Coruña, 592 da de Lugo, 1.129 da de Ourense, 483 da de Pontevedra, 1.085 da área de Vigo, 963 da de Santiago, e 326 da de Ferrol. 

No último día, ao igual que vén sucedendo dende hai unha semana, Ourense foi a área que máis incrementou a súa cifra de positivos, superando xa a Vigo e achegándose aos números da Coruña, a pesar de ter moita menos poboación. De feito, a incidencia do coronavirus na provincia de Ourense é con moita diferenza a máis elevada de Galicia, con 370 casos activos por cada 100.000 habitantes, fronte a cifras que superan por pouco os 200 casos (en Vigo e na Coruña) e que baixan desa cantidade no resto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.