O estaleiro vigués foi seleccionado "despois dun extenso proceso de licitación" pola súa capacidade para construír este novo buque "cos máis altos estándares ambientais, de sustentabilidade e de dereitos humanos", sinala a entidade ecoloxista
Greenpeace Internacional vén de asinar un contrato co estaleiro vigués Freire para iniciar a construción dun novo barco ecolóxico. O estaleiro foi seleccionado "despois dun extenso proceso de licitación" pola súa capacidade para construír este novo buque "cos máis altos estándares ambientais, de sustentabilidade e de dereitos humanos", sinala a entidade ecoloxista, que explica que a embarcación será un veleiro "deseñado para empregar a menor cantidade posíbel de combustíbeis fósiles dende o seu lanzamento e para facer a transición a enerxía 100% verde tan pronto como sexa técnica e loxisticamente posíbel".
A organización explica que o novo buque "representará a vangarda da construción naval ecoloxicamente responsable e demostrará que é posible ampliar a capacidade marítima e ao mesmo tempo reducir drasticamente a pegada de carbono".
A nova embarcación construída en Galicia "será unha plataforma única e poderosa para campañas polo medio ambiente e a paz"
"Agora máis ca nunca, ademais de esixir responsabilidades a aqueles que destrúen o medio ambiente, temos que liderar solucións innovadoras que minimicen a explotación da natureza e que constrúan un futuro verde e en paz para todas as persoas", di a entidade.
Cando comece a construción do barco, Greenpeace iniciará unha campaña de recadación de fondos para poder financiar o buque.
Os barcos supoñen un dos emblemas de Greenpeace, dende o primeiro Rainbow Warrior que comezou a súa actividade en 1978 e que foi afundido por Francia en 1985
Os barcos de Greenpeace supoñen un dos emblemas da organización, dende o xa mítico primeiro Rainbow Warrior que comezou a súa actividade en 1978 e que foi afundido polos servizos secretos franceses en 1985.
Na actualidade a entidade conta cun novo Rainbow Warrior (é xa o terceiro que leva este nome), o Witness e o Arctic Sunrise.
Na actualidade a entidade conta cun novo Rainbow Warrior (é xa o terceiro que leva este nome), o Witness e o Arctic Sunrise
"A frota permite a Greenpeace chegar a lugares que non son visíbeis para a maioría, confrontar aos saqueadores e contaminadores en alta mar e amosar a beleza oculta dun mundo polo que paga a pena loitar", destaca a organización, que subliña que a nova embarcación construída en Galicia "será unha plataforma única e poderosa para campañas polo medio ambiente e a paz".