Hortos urbanos en plena reserva da biosfera: a agricultura ecolóxica consolídase ás beiras do Rato

Unha usuaria dos hortos urbanos da Deputación de Lugo, na súa parcela © Deputación de Lugo
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintinoprende2-0b45877.jpeg

O programa de hortos urbanos da Deputación de Lugo ten "a pleno rendemento" 155 parcelas que procuran fomentar o consumo de alimentos de proximidade e viran, ao tempo, en espazos de convivencia interxeracional

Houbo un tempo no que a contorna do río Rato, o irmán pequeno do Miño ao seu paso por Lugo, era unha contorna degradada, mesmo por épocas raiana coa insalubridade. A actividade agrogandeira fora esvaecendo e a integración coa cidade non acababa de chegar.

Hai xa ben de lustros que a situación é ben diferente. O paseo do Rato -recentemente unido ao do Miño pola colaboración entre o Concello de Lugo e a Confederación do Miño-Sil- é un espazo de deporte e lecer para a cidade e a súa contorna, mais tamén un lugar consolidado para a práctica da agricultura ecolóxica nos hortos urbanos promovidos pola Deputación no que tamén é parte da Reserva da Biosfera Terras do Miño. Actualmente, un total de 155 parcelas públicas "a pleno rendemento".

Entrega de parcelas a persoas usuarias dos hortos urbanos da Deputación de Lugo, a finais do pasado marzo © Deputación de Lugo

Que todas as parcelas estean a empregarse é, para a institución provincial, a mellor mostra da "boa acollida desta iniciativa gratuíta de lecer ambiental entre a veciñanza de Lugo e os concellos limítrofes". O programa ten varios "piares", explican: "Potenciar os hábitos de vida saudables, favorecer o consumo de alimentos de proximidade e fomentar o contacto coa natureza".

As persoas usuarias destes hortos dispoñen de formación en horticultura ecolóxica para aprenderen sobre o terreo, os recursos ou os materiais que poden empregar

Ao tempo, salientan, promoven "a participación cidadá, a convivencia e o aproveitamento responsable dos recursos naturais no ámbito urbano". Neste sentido, o programa de hortos urbanos tamén procurou virar en "espazo de convivencia interxeracional", onde veciñanza de diferentes idades "intercambia coñecementos e crea comunidade".

Hai apenas un mes a Deputación de Lugo formalizou as adxudicacións de medio cento destes hortos. Unha ducia, para persoas que xa estaban a cultivalos pero que lles expiraba a concesión. As outras 38 son novas persoas beneficiarias que terán ata catro anos para disporen de cadanseus 30 metros cadrados de terreo e cultivalo cos principios da agricultura ecolóxica. Para facelo dispoñen dun "servizo de formación en horticultura ecolóxica" no que aprenderen "cuestións relacionadas co terreo, os recursos, os materiais ou a maquinaria de forma gratuíta"

Usuarias dos hortos urbanos da Deputación de Lugo ás beiras do río Rato © Deputación de Lugo

Canda os seus 155 hortos, a Deputación xestiona e mantén outros trinta e dous no parque dos Paxariños, titularidade do Concello de Lugo, entre a ladeira das Fontiñas e paseo do Rato. Faino a través dun acordo que, resalta a institución, procurou afondar no "compromiso coa sostibilidade ambiental"e, ao tempo, "mellorar a eficiencia na xestión destes espazos", parte dunha "acción máis ampla" para "fomentar o coñecemento e a posta en valor do territorio, concretamente, o que ten que ver coas Reservas da Biosfera, das que a provincia de Lugo é o máximo expoñente en Galicia".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.