Entre as incidencias máis destacadas estiveron os cortes ferroviarios entre A Escravitude e Padrón, no Porriño e entre Redondela e Arcade, provocados pola caída de árbores ás vías. Ademais, en Porto do Son caeu unha das paredes do pavillón polideportivo do instituto da vila
Kirk deixou de ser un furacán moito antes de chegar a Galicia, pero aínda así a súa forza está sentirse de maneira moi importante no noso territorio. A profunda borrasca (chamada xa exKirk) comezou a provocar incidencias xa na tarde deste martes, primeiro con chuvias persistentes e despois con ventos intensos sobre todo na metade occidental do país. Nas primeiras horas deste mércores moitas persoas espertaron sendo conscientes dos seus efectos: árbores caídas, cortes de luz e algúns danos en estrututras que provocaron, en consecuencia, problemas de tráfico en moitísimas zonas do país, precisamente nos momentos de maior saturación: o transporte ao traballo ou aos centros de ensino.
Entre as incidencias máis destacadas estivo o corte ferroviario entre A Escravitude e Padrón, provocado pola caída dunha árbore ás vías convencionais, o que afectou a tres tren rexionais nas paradas de Padrón, Pontecesures e Catoira. Posteriormente, o servizo ferroviario restableceuse na Escravitude, pero novos problemas apareceron no Porriño e máis entre Redondela e Arcade, tamén por mor da caída de árbores ás vías, o que tamén impediu o paso dos trens.
Os cortes de luz foron moi numerosos en boa parte de Galicia, nomeadamente as provincias da Coruña e Pontevedra. Naturgy notificou máis dun milleiro de incidencias
En Porto do Son caeu unha das paredes do pavillón polideportivo do instituto da vila, que podería ter sufrido máis danos noutras estruturas e no tellado. O sur da provincia da Coruña foi a zona con máis problemas, entre os que destaca tamén o corte de dous carrís no corredor Brión-Noia, á altura de Lousame, por mor dun desprendemento.
Tamén houbo problemas noutros centros de ensino, por exemplo en Outes, por mor dos asolagamentos. E no Grove e en Pontecesures, polos desperfectos causados pola borrasca nas instalacións. Igualmente, no CEIP Rosalía de Castro da Coruña desprendeuse unha parte do tellado que cobre as instalacións do alumnado de Infantil
Os cortes de luz foron moi numerosos en boa parte de Galicia, nomeadamente as provincias da Coruña e Pontevedra. Naturgy notificou centos de incidencias, a maioría solucionadas nun prazo breve, pero foron moitos os lugares que estiveron sen conexión eléctrica durante un tempo prolongado nas primeiras horas deste mércores. Ás oito da mañá máis de vinte mil persoas estaban sen electricidade. Neste mapa interactivo pódense consultar as incidencias notificadas por Naturgy en Galicia nas últimas horas.
As incidencias en Vigo, Pontevedra ou Santiago son múltiples tanto en tellados de edificios, andamios, sinais e árbores caídas, con cables e coches afectados.
Tamén foron frecuentes os atascos de tráfico nos accesos ás grandes cidades, especialmente A Coruña, onde á densidade habitual sumouse o corte do acceso ao Polígono de Pocomaco dende A Vedra por mor das obras de ampliación desta última vía. Tamén houbo retención importantes en Ponteareas, O Porriño e Vigo e tamén nos accesos a Santiago e na circulación interna dentro da capital de Galicia, complicada polos cortes puntuais de rúas ou a caída de árbores ou ponlas en diversos puntos.
O vento segue a soprar con forza. Nas primeiras horas deste mércores, os valores máximos rexistráranse en Vimianzo (149,3 km/h), Oia (147,6 km/h), As Neves (144,7 km/h), Lousame (131.3 km/h) e Bueu (128,9 km/h)
Aos problemas circulatorios e dificultades no transporte ferroviario uníronse a suspensión de voos, especialmente no aeroporto de Peinador e tamén no de Alvedro e en Lavacolla. En Vigo, ademais, o transporte marítimo na ría tamén foi suspendido.
O vento segue a soprar con forza. Nas primeiras horas deste mércores, os valores máximos rexistráranse en Vimianzo (149,3 km/h), Oia (147,6 km/h), As Neves (144,7 km/h), Lousame (131.3 km/h) e Bueu (128,9 km/h), puntos en moitos casos non habituais para estas intensidades, pois desta volta a borrasca trouxo ventos máis fortes na costa sur de Galicia que na do norte.
Ao longo do día de onte, en Forcarei ou Lousame caeron 120 litros por metro cadrado. Nas dez primeiras horas deste mércores Rois xa sumou outros 80 litros por metro cadrado
Choveu con intensidade en case todo o país, sobre todo na tarde do martes e ao longo da noite. Ao longo de todo o día de onte, en Forcarei ou Lousame caeron 120 litros por metro cadrado e en Entrimo, Rois ou Fornelos de Montes roldaron os 100. Nas dez primeiras horas deste mércores Rois xa sumou outros 80 litros por metro cadrado e Lousame, Friol, Avión e Forcarei superan os 60 litros por metro cadrado.
Fixo, iso si, unha temperatura moi elevada, por mor dos ventos procedentes do sur. Ás catro da madrugada, por exemplo, Ribadeo, Ourense, A Coruña, Marín ou Vigo roldaban os 23 graos.
Espérase que os peores efectos do Kirk pasen a partir do mediodía deste mércores
En moitos lugares, ademais, mantense o temor ás consecuencias das posibles inundacións provocadas polas precipitacións caídas entres martes e mércores.
En Outes, por exemplo, como se ve no vídeo anterior, as augas asulagaban as rúas nas primeiras horas desta mañá. A contorna da ría de Muros e Noia foi unha das zonas que nas últimas horas recibiu máis chuvia, con valores máximos en Lousame ou Rois.
De igual xeito, en Ferrolterra, a veciñanza de Santa María de Neda permanece na mañá deste mércroes en alerta pola posibilidade de que se repitan as inundacións que xa sufriron hai uns meses (e nos últimos anos de forma periódica) pola suba do río Basteiro.
Espérase que os peores efectos do Kirk pasen a partir do mediodía deste mércores, cando as chuvias e ventos serán moito menos intensos.