O furacán Kirk, formado o pasado 29 de setembro, avanza polo Océano Atlántico en dirección ás costas galegas, onde chegará na mañá do mércores, convertido xa nunha borrasca moi profunda (co nome de exKirk). Entre as últimas horas do martes e o mércores deixará fortes ventos e chuvias persistentes no noso país.
O coordinador de MeteoGalicia, Juan Taboada, explica que "é un fenómeno habitual para estas datas", que fai que algúns dos furacáns formados nas augas tropicais do Atlántico acaben chegando, debilitados, ás costas galegas
Ventos e chuvias serán moi intensos, pero non é unha situación excepcional para Galicia nesta época do ano. Cada ano son varios os furacáns formados en augas tropicais do Atlántico cuxa traxectoria acaba movéndose cara ao leste, achegándose en maior ou menor medida en Galicia aínda que, iso si, moi debilitados.
O coordinador de MeteoGalicia, Juan Taboada, explícao en conversa con Praza.gal: "é un fenómeno habitual para estas datas, pois na primeira quincena de outubro este tipo de furacáns no Atlántico soen formarse máis preto da costa de África que da costa de América, polo que moitas veces non chegan ao continente americano e no seu desprazamento cara ao norte quedan atrapados entre as dúas correntes de circulación de aire e acaban movéndose cara a Europa"
Kirk chegará a Galicia na mañá do mércores, convertido xa nunha borrasca moi profunda (co nome de exKirk)
A lista dos furacáns que nos últimos anos acabaron afectando de forma importante a Galicia inclúe o Gordon (2006), o Ophelia (2017), o Leslie (2018) ou o Danielle (2022), ademais do propio Hortensia, do que se veñen de cumprir 40 anos. Con todo, é certo que non todos chegan con forza ás nosas latitudes, debido a dous factores.
A lista dos furacáns que nos últimos anos acabaron afectando de forma importante a Galicia inclúe o Gordon (2006), o Ophelia (2017), o Leslie (2018) ou o Danielle (2022), ademais do propio Hortensia
Taboada explica que cando se forman estes ciclóns en zona tropical "recollen a súa enerxía da temperatura do mar", pois para a súa formación "requiren temperaturas superiores aos 26 graos" e posteriormente, cando se moven cara ao norte, pasan por augas máis frías "e perden parte da súa fonte de alimentación".
Porén, destaca que "hai un segundo factor, que se adoita comentar menos, que tamén é importante: estes furacáns necesitan que a estrutura vertical da atmosfera sexa bastante homoxénea, que non haxa o que chamamos cizalladura, ventos cambiantes en función da altura, que é o habitual nas latitudes medias". "Necesitan unha atmosfera moi calmada que non é habitual nas latitudes medias", engade.
A predición: ventos e chuvias intensas
Hai aviso laranxa por vento e chuvia na maior parte de Galicia, especialmente na provincia de Pontevedra e no oeste e sur da da Coruña
Kirk atópase xa ao leste das illas Azores e continúa debilitándose, pero aínda así provocará unha situación que obrigou xa a MeteoGalicia a declarar unha alerta laranxa por vento en toda Galicia entre as 9 da mañá e as 3 de tarde do mércores con refachos superiores aos 90 e 100 quilómetros por hora en toda a xeografía galega. Ademais, hai avisos laranxas por chuvias na provincia de Pontevedra e no sur e no oeste de Galicia dende o mediodía do martes ata as 18 horas do mércores, con precipitacións por riba dos 80 litros por metro cadrado. No resto de Galicia o aviso por chuvias é de nivel amarelo (máis de 40 litros por metro cadrado).
No mar a situación tamén será complicada, con ondas superiores aos 5 metros no litoral da Coruña e Pontevedra durante a maior parte do mércores.