Liberado Pablo Costas, o mariñeiro de Bueu retido en Iemen dende hai 11 meses acusado de pesca ilegal

Faixa colocada no Concello de Bueu, reclamando o regreso de Pablo Costas © Concello de Bueu

No mes de setembro do pasado ano Pablo Costas, un mariñeiro de Bueu, foi detido en Iemen acusado de pesca ilegal. Tres meses antes, o barco pesqueiro no que traballaba no Océano Índico, o Cobija, de bandeira boliviana, fora sometido a unha inspección por parte de autoridades australianas, que en principio aseguraran de que todo estaba en orde. Porén, cando o verán estaba a piques de rematar, o barco foi vendido a un armador somalí, que ordenou que a embarcación se dirixise a Iemen, onde Costas recibiu unha orde de arresto cursada por Australia a través da Interpol.

Este domingo, despois de máis de once meses retido en Iemen, Pablo Costas foi liberado e, ademais, foille devolto o seu pasaporte

Despois de pasar tres meses na cadea, pensando que podería iniciar o seu regreso, Costas atopou con que se atopaba retido no país, en condicións que foron empeorando ao longo dos meses. Leváronse a cabo mobilizacións en Galicia, especialmente en Bueu, o seu concello, impulsadas principalmente polo sindicato CUT. Este domingo, despois de máis de once meses retido en Iemen, Pablo Costas foi liberado e, ademais, foille devolto o seu pasaporte.

Pablo Costas estivo case un ano retido en Iemen © Concello de Bueu

O regreso a Galicia, con todo, non será automático. Iemen sofre unha dura guerra dende hai sete anos, o que dificulta o movemento polo territorio e as saídas cara ao estranxeiro. Dende o porto de Al Mukallah, onde se atopa, deberá desprazarse a un aeroporto, situado a case 300 quilómetros de distancia. Dende aí voará, en principio, ao Cairo, para tomar un voo en dirección a Madrid.

A CUT confirma que Pablo Costas se atopa ben, pero volveu denunciar, ao igual que fixo nos últimos meses as condicións "insalubres" nas que viviu nos últimos tempos

A CUT confirma que Pablo Costas se atopa ben, pero volveu denunciar, ao igual que fixo nos últimos meses as condicións "insalubres" nas que viviu nos últimos tempos, chegando a ficar sen víveres nin atención sanitaria. Ademais, denuncia, o sindicato, neste tempo careceu de asistencia xurídica ou tradutores e, así mesmo, descoñecía os cargos que se lle imputaban ou as razóns da súa retención, máis aló dos cargos por susposta pesca ilegal, unha pena en todo caso que xa cumprira.

"A situación de Pablo Costas e o resto da tripulación do Cobija constitúe unha emerxencia sanitaria e humanitaria: levan meses secuestrados nun país en guerra", denunciaba a CUT hai unha semana

"A situación de Pablo Costas e o resto da tripulación do Cobija constitúe unha emerxencia sanitaria e humanitaria: levan meses secuestrados nun país en guerra, en condicións insalubres e sen máis alimentos que auga, azucre e té", alertaba o sindicto hai uns días.

"O abandono de Pablo Costas e a tripulación do Cobija nun país en guerra é un acto despreciábel de irresponsabilidade. Esiximos ao goberno do Estado español que, dunha vez por todas, poña interese e solución neste caso", denunciaba a CUT. Dende o Ministerio de Asuntos Exteriores destacaron este domingo que a liberación de Costas foi "posible grazas ás xestións non só do ministerio, senón do propio ministro -José Manuel Albares- persoalmente".

Concentración en Bueu, hai uns días, pedindo a liberación de Pablo Costas © Concello de Bueu

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.