As empresas que reciben contratos públicos deben depositar unha fianza, pero o Goberno galego alerta de correos que se fan pasar pola administración adxudicataria facilitando un número de conta alleo
Cando unha empresa logra a adxudicación dun contrato público debe depositar unha fianza ante a administración que llo adxudica a xeito de garantía de que vai cumprir os seus compromisos. Pero tras facerse pública a identidade do adxudicatario do contrato na Plataforma de Contratación do Sector Público (PLACSP), o sistema que a Xunta pon a disposición do resto de administracións galegas, hai empresas que recibiron correos electrónicos facéndose pasar por esa plataforma de contratación pública e facilitando un número de conta dunha entidade bancaria situada no estranxeiro no que depositar a fianza.

A Xunta pide aos adxudicatarios de contratos públicos que comproben as direccións desde as que lles piden os ingresos das garantías
Tras detectarse eses “intentos de suplantación de identidade” das administracións adxudicatarias que empregan a plataforma de contratos, a Xunta alerta do proceder dos estafadores e do seu uso dunha “conta simulada que se fai pasar pola Plataforma de Contratación do Sector Público (PLACSP)”. Por iso pide que as empresas adxudicatarias “comproben os dominios (xxxxxx@dominio) desde os cales reciben os correos electrónicos e que estes corresponden cos dos poderes adxudicadores con que se licitou”.
"En caso de coñecer algunha actuación deste tipo, debe pórse en coñecemento para a súa persecución"
A Xunta tamén recomenda comprobar a autenticidade dos documentos que se reciban e evitar presentar as garantías mediante transferencia bancaria “dado que é a forma que teñen os estafadores de realizar a estafa”. E piden a quen coñeza dalgunha actuación deste tipo que se poña en coñecemento dos xestores da plataforma de contratos “para a súa persecución”.