Analizamos como funciona a última gran campaña de fraude que usa a imaxe do empresario galego e apela á filantropía para enganar aos usuarios
Un estraño anuncio leva semanas aparecendo por todas partes na internet. No clásico formato de banner publicitario, unha foto de Amancio Ortega, o dono de Inditex, mira ao lector xunto a un rótulo: "Amancio Ortega salva o país" ou, noutra versión, "España é salvada por Amancio Ortega". O que hai detrás desta máscara é un intento de estafa con ramificacións internacionais, segundo un informe da consultora Alto Data Analytics para Inditex ao que tivo acceso eldiario.es.
A trama xoga coa imaxe de diferentes personalidades e empresarios en diferentes países do mundo. En España, Amancio Ortega. O anuncio trata de xerar confianza cunha foto dun famoso publicada como reclamo en diferentes medios de comunicación e outras páxinas web que transmitan credibilidade. É a sofisticación última das técnicas de desinformación utilizadas para a creación de fake news e a publicidade, só que cun obxectivo diferente: cometer unha fraude.
O mecanismo non é novo, aínda que está adaptado aos tempos. Ao facer clic sobre o anuncio, o lector aterra noutra páxina web que non é de Zara, nin de Stradivarius nin de calquera outra marca do xigante téxtil galego. O que se abre é unha web cun texto dedicado a enxalzar a figura do empresario á vez que informa dunha suposta compañía de intercambio de bitcoins, Bitcoin Revolution, que o mesmo Amancio Ortega crearía.
Os criminais agora empregan anuncios falsos para dirixir aos usuarios ás súas propias webs e, desde alí, redirixilos á estafa
Para apuntarse á suposta empresa de bitcoins do falso Amancio Ortega, primeiro o lector, agora convertido en vítima, ten que rexistrarse co seu nome, apelidos e dirección de correo electrónico. Segundo, ten que "financiar" a súa conta, é dicir, ingresar como mínimo 250 euros para dispoñer dun capital inicial co que operar. E terceiro: poñer en marcha o que os estafadores chaman "auto- trade", un teórico software que por si só realiza operacións de intercambio de divisa na internet xerando pingües beneficios para o usuario.
Pero todo é mentira: nin o "autotrade" existe, nin a empresa de Amancio Ortega é real, nin o empresario prestou a súa imaxe para ningunha campaña de publicidade. Bitcoin Revolution, ademais, só era un mirror (unha web duplicada) doutra, Bitcoin Trader, que os investigadores de Alto Data Analytics xa tiñan identificada como fraudulenta. O único certo de todo isto é que a vítima queda sen os 250 euros que ingresou inicialmente e que atrapar aos estafadores é unha tarefa difícil. Ademais operan en bitcoin, unha criptodivisa difícil de rastrexar e que se converte no único método que teñen os criminais para cobrar o engano, xa que obrigan á vítima a pagar coa cripto.
A transformación dixital chegou ao mundo do crime
Das fake news aos anuncios fake: “Os niveis de estratexia vistos en campañas de desinformación electorais trasladáronse ao fraude masivo en medios dixitais”
"Detectamos como os niveis de estratexia que vimos en campañas de desinformación electorais trasladáronse ás campañas de fraude masiva a través de medios dixitais", explica Alex Romeu, CEO de Alto Data Analytics. E é que agora, os criminais están pendentes da actualidade, saben que as criptodivisas son algo rechamante e estudan cada próximo movemento coma se realmente contasen cun plan publicitario.
Romeu sinala como os estafadores utilizan "a segmentación, o investimento publicitario en medios masivos ou en redes sociais para capturar a atención dun público obxectivo". É a evolución do timo da estampiña, das cartas nixerianas, dos que chaman preguntando se haberá alguén en casa a determinada hora para despois entrar a roubar. É a transformación dixital empapando todo canto toca, mesmo ás organizacións criminais.
Para ser máis cribles, os anuncios aparecen en medios de comunicación. Os estafadores fanse valer de Google AdWords, a plataforma que a maioría de medios utilizan para mostrar publicidade nas súas webs, saltándose os filtros (Praza.gal non emprega ese tipo de publicidade automática). Desta forma, aínda que un medio teña vetadas certas categorías de anuncios, os criminais poden coar o seu coma se fóra doutra cousa e pasar o bloqueo.
A campaña coincidiu coa fin de semana na que a filla do empresario casou na Coruña rodeada dunha alta atención mediática
El País, La Vanguardia, La Voz de Galicia ou eldiario.es viron como estes banners coábanse entre as súas páxinas ultimamente. O equipo de publicidade de eldiario.es asegura que "desde hai aproximadamente dúas semanas estes anuncios están a aparecer na web". Cando se deron conta, bloquearon a URL á que redirixía o banner, que xustamente coincidiu coa fin de semana na que Marta Ortega, a filla do empresario, casou na Coruña con Carlos Torretta rodeada dunha alta atención mediática. Tras iso, os estafadores habilitaron outra URL diferente para o mesmo anuncio que tamén foi bloqueada.
"Observamos un pico na campaña de novembro, que se produce durante a fin de semana da voda da filla do señor Ortega. Os que crean este tipo de campañas entenden cales son os resortes culturais e cal vai ser a actualidade para maximizar o seu impacto", continúa Romeu. "É algo que ocorreu nos principais grupos de medios españois, fundamentalmente porque se vehiculizaba a través de Adwords", explica o CEO de Alto Data Analytics.
"En México recorreuse á figura de Carlos Slim, en EEUU a Bill Gates e en Reino Unido a Richard Branson e ao chef e restaurador británico Jamie Oliver"
España non foi o único lugar onde golpeou a campaña. O informe da consultora asegura que "en México recorreuse á figura de Carlos Slim, en EEUU a Bill Gates e en Reino Unido a Richard Branson e ao chef e restaurador británico Jamie Oliver". Os criminais, mesmo, "buscaron outras maneiras de lexitimarse, como crear webs e vídeos de YouTube onde se centran en desmentir que se trata dunha fraude, e crean novas webs onde, por exemplo, fanse pasar por un diario sobre celebrities".
Desde eldiario.es tentaron contactar con nuevo-fuego.com e yonlyn.com, dúas das páxinas web onde aparecía a noticia falsa sobre Amancio Ortega, aínda que sen éxito. Cando o usuario entraba na segunda web o sitio simulaba ser o portal CNN Tech, a web en español dedicada á tecnoloxía da cadea estadounidense CNN.
O informe de Alto Data Analytics conclúe que "en definitiva, o auxe do Big Data e das novas tecnoloxías pode ser empregado polos estafadores para levar a cabo os seus obxectivos, pero tamén nos prové de recursos para identificar as estafas e denuncialas por vía telemática". Desde a consultora tamén advirten que, cada vez máis, os criminais "invisten máis recursos" xerando "unha tendencia de incremento" nas súas accións.