O alto tribunal encarga á Audiencia Nacional a investigación da trama que supostamente importou ilegalmente tabaco de China e Estados Unidos e desvela o volume do negocio
Alcalde de Ribadumia polo PP durante 18 anos, ata a súa detención en 2001, José Ramón Nené Barral vén de ver como unha das causas xudiciais abertas contra el pasa do xulgado de Lugo no que viña sendo investigada a ser asumida pola Audiencia Nacional. Así o establece o Tribunal Supremo, nun auto adiantado por El País e ao que tivo acceso este diario, ao considerar “a grave repercusión” que poden ter para a economía estatal os presuntos delitos cometidos pola organización de contrabando de tabaco cuxo liderado se atribúe a Barral, que se relaciona “co crime organizado” de varios países e cuxo volume de negocio desvela cuantificándoo en máis de 72 millóns de euros.
Barral, socio do histórico Terito, foi rexedor de Ribadumia ata a súa detención en 2001, cando deixou a alcaldía a Rafael Louzán
Barral, socio do histórico patriarca galego do contrabando de tabaco Vicente Otero, Terito, xa asumiu en 2016 unha condena a un ano de cadea e o pago dunha multa por defraudar a facenda en 2006 e 2007 cos seus negocios acuícolas e eólicos. Daquela xa fora detido cinco anos antes por contrabando de tabaco (a súa dimisión como alcalde de Ribadumia supuxo o ascenso político do seu man dereita, Rafael Louzán), pero segundo o auto agora feito público polo Supremo para decidir sobre que xulgado é competente para investigalo, a organización que supostamente lideraba seguiu co negocio e viu como entre 2011 e 2013 lle apreixaban varios contedores con tabaco orixinario de Estados Unidos e China (neste último caso, Marlboro falsificado) nos portos de Sines, Barcelona e Valencia. Só por esas operacións “o importe total do tabaco importado ilegalmente supera os 72 millóns de euros”, sinala o Supremo.
“A actividade desenvolvida é de gran complexidade e garda relación co crime organizado desenvolvido non só en España senón noutros países”, di o auto
O tribunal, presidido por Pablo Llarena, dá a razón ao Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, dirixido por Pilar de Lara, e á Fiscalía, e considera que pola gravidade dos feitos o caso debe pasar ao Xulgado Central de Instrución número 6 da Audiencia Nacional. Na súa argumentación o Supremo sinala a “existencia de indicios claros da comisión de delitos de contrabando de tabaco, falsidade e branqueo de capitais, levados a cabo por unha organización criminal”.
O auto co que o Supremo acepta trasladar o caso de Lugo á Audiencia Nacional salienta que “a actividade desenvolvida é de gran complexidade e garda relación co crime organizado desenvolvido non só en España senón noutros países tanto europeos (Portugal e Grecia...), como americanos (Estados Unidos de América) e asiáticos (Emiratos Árabes e China)”.