Esperar. Esa é a estratexia declarada antes de decidir os seus respectivos futuros políticos tanto do presidente do Goberno en funcións, Mariano Rajoy, como do titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para algúns sucesor natural do primeiro. Así o evidenciaron ambos os dous hoxe no congreso provincial que renovou a dirección do PP en Pontevedra, no que Rajoy foi máis directo que Feijóo á hora de explicitar ese compás de espera. “De momento ninguén ten o encargo para tentar a investidura”, dixo Rajoy sobre a formación dun novo goberno, que só contempla como unha gran coalición co apoio do PSOE e el á fronte, mentres Feijóo lanzaba mensaxes de renovación a nivel autonómico ao tempo que se amosaba satisfeito co posto de presidente da Xunta.
Feijóo pronunciou un discurso dunha ambigüidade calculada, no que insinuou tanto a súa marcha como a súa permanencia en Galicia
Feijóo pronunciou un discurso dunha ambigüidade calculada, no que insinuou tanto a súa marcha como a súa permanencia en Galicia. En castelán, e en clave estatal, volveu amosar o seu permanente apoio a Rajoy. “Estamos contigo”, repetiu varias veces o presidente galego, quen dixo reivindicar “unha política na que se busque unha grande unión e non dividir en bloques a sociedade”. Ao seu xuízo, “o primeiro español” que fai ese tipo de política é Mariano Rajoy e por iso, engadiu en referencia ao resto de partidos, “como sabemos e o saben, non queren falar de políticas senón doutra cousa”. Xa en galego, Feijóo abriu sutilmente a porta a non repetir como candidato á Xunta nas próximas eleccións autonómicas lembrando que nos comicios de 2009 nos que o PP recuperou o goberno, o partido viña dunha renovación interna e gañou igualmente. Pero a continuación soltou outra frase na que amosou a súa satisfacción co seu actual posto. “Entendo que ser presidente de España debe de ser unha honra importantísima, pero ser galego e ser presidente da Xunta de Galicia, iso merece a pena”, sentenciou. O seu futuro, din os seus, segue sen estar decidido.
Pola súa banda, a visita de Rajoy á cidade na que medrou é a primeira desde que o pasado 22 de febreiro a Corporación municipal o nomeou persoa non grata pola prórroga que o seu Goberno en funcións outorgou á factoría de ENCE para permanecer na ría de Pontevedra 60 anos máis. Pontevedra amenceu cunha carta persoal de Rajoy no Faro de Vigo na que non cita ENCE en ningún momento e na que amosa o seu orgullo de ser pontevedrés, mensaxe na que insistiu en persoa ás portas do auditorio no que se celebrou o congreso. “Esta é a miña casa e síntome moi ben”, dixo. “Aquí vou morrer dentro de moitísimos anos”, engadiu logo dende a tribuna de oradores, mentres o auditorio lle respondía cun aplauso entregado, con gritos de “presidente, presidente” e incluso “guapo”.
“Non imos propiciar de ningunha maneira que quen perdeu as eleccións sexa presidente do Goberno”, di Rajoy
Sobre as negociacións para formar goberno, Rajoy salientou que “de momento ninguén ten o encargo para tentar a investidura”. “O que si ten o PP é posición”, engadiu, e resumiuna: “Non imos propiciar de ningunha maneira que quen perdeu as eleccións sexa presidente do Goberno”, dixo. Negativa que mantén “polo noso programa”, porque “é infinitamente mellor” que o acordo PSOE-Ciudadanos, sentenciou. Segundo Rajoy, “o mellor acordo para España é que goberne o primeiro, o que gañou, co apoio do segundo”. “O goberno debe presidilo quen gañou, como sempre”, teimou, e apelou á lealdade e unidade dos seus nunha frase que podería entenderse como referida ao seu propio papel. “As nosas decisións tomámolas nós e non outros”, dixo. Sobre Galicia, o único que dixo o presidente estatal en funcións foi que “pronto” espera dar “unha moi boa noticia para os estaleiros”. Nin unha palabra dixo Rajoy sobre o futuro de Feijóo e as eleccións autonómicas.
Ese futuro de Feijóo enmárcase en dous eixos de coordenadas: por unha banda, adianto electoral ou esgotar a lexislatura ata novembro; e por outra, que Feijóo repita como candidato ou o deixe, situación esta última que á súa vez presenta varias posibilidades: que abandone a política como insinuou nunha recente entrevista ou que continúe a súa carreira en Madrid.
Hai dúas semanas o propio Feijóo asegurou que un adianto electoral en Galicia beneficiaría as mareas de esquerda xa que, ao seu xuízo, canto máis tempo pase, máis votantes daranse conta do mal que estas estarían a gobernar as cidades. Coma se xogase a unha estratexia de despiste, esa análise de Feijóo en público é xusto a contraria da que realizan dirixentes do PP en privado tanto en Galicia como en Madrid, que consideran que un adianto electoral prexudicaría especialmente ás mareas e ao PSdeG, que aínda non dispoñen de candidato para concorrer ás autonómicas.
Pero ademais desa análise en clave galega existe outra en clave estatal, en función da posible coincidencia de ambos os dous comicios. Dada a maior fortaleza dos populares en Galicia que no resto de España, o PP estatal veríase beneficiado dunha coincidencia de eleccións, á vez que se prexudicarían as expectativas do PP galego, cuxa situación empeoraría aínda máis se o cabeza de lista en Galicia non é Feijóo e en España segue séndoo Rajoy.
O PP estatal veríase beneficiado dunha coincidencia de eleccións, á vez que se prexudicarían as expectativas do PP galego
Ata o momento Feijóo é un dos dirixentes populares que máis fiel se ven amosando a Rajoy. De feito, a vitoria de 2009 en Galicia permitiu reforzar o seu liderado no partido cando máis cuestionado estaba a ser, tras a súa segunda derrota contra Zapatero nas xerais de 2008. Con todo, os movementos e declaracións de Feijóo en clave estatal revitalizáronse no último ano, tras terse repregado en Galicia nos dous anos anteriores despois da publicación por parte de El País dunhas fotos súas co entón contrabandista de tabaco e agora condenado por narcotráfico Marcial Dorado.