O Concello remitiu á Fiscalía o escrito de denuncia para a investigación do conflito debido a que a actitude dos traballadores afíns ao STL está a provocar “unha situación de verdadeira insalubridade e de risco para a saúde pública”
O conflito do lixo da Coruña, iniciado a finais de xuño, entra en agosto sen unha solución á vista, aínda que co alivio da contratación de Valoriza para a recollida dos residuos acumulados nas rúas e as primeiras respostas xudiciais do Goberno local, que este mércores remitiu á Fiscalía Provincial da Coruña o escrito de denuncia para a investigación do conflito debido a que a actitude dos traballadores afíns ao STL está a provocar “unha situación de verdadeira insalubridade e de risco para a saúde pública”.
O escrito enviado polo Concello á Fiscalía pide tamén que se investigue as catro persoas identificadas pola Policía nas proximidades de incendios en contedores. Dende o pasado 24 de xuño foron queimados 157 contedores, uns actos vandálicos provocaron un custo de case 400.000 euros para as arcas municipais. As queimas continúan; na noite do mércores ao xoves foron dous os contedores queimados e na do xoves ao venres foron outros sete, con consecuencias para a saúde dos veciños: unha muller e a súa filla sufriron unha intoxicación polo fume e varios coches aparcados na rúa sufriron diversos danos.
Este xoves, ademais, coñeceuse que o líder do STL, responsable do conflito, sumou unha nova imputación xudicial, desta volta en Ourense por un presunto delicto de corrupción no sector privado
Este xoves, ademais, coñeceuse que o líder do STL, responsable do conflito, sumou unha nova imputación xudicial, desta volta en Ourense por un presunto delicto de corrupción no sector privado, nunha causa que investiga se Miguel Ángel Sánchez seleccionou traballadores para os postos na concesionaria municipal de Ourense a cambio de cartos. O pasado ano catro membros do STL foron detidos tras unha investigación que os acusa de crear unha "rede criminal" que cobraba por traballar na limpeza da Coruña.
A esta presión xudicial únense as crecentes medidas disciplinarias ditadas por Prezero. Dous novos despedimentos únense aos tres xa realizados en días anteriores por motivos disciplinarios. Así mesmo, a empresa impuxo un total de 44 sancións moi graves e outras 16 leves aos empregados dende o inicio da folga. As sancións de maior gravidade levan aparellada unha suspensión de 60 días de emprego e soldo.
Á presión xudicial únense as crecentes medidas disciplinarias ditadas por Prezero. Dous novos despedimentos únense aos tres xa realizados en días anteriores por motivos disciplinarios. Así mesmo, a empresa impuxo un total de 44 sancións moi graves
En calquera caso, o conflito continúa dunha estraña maneira, cunha folga indefinida que comezou o pasado 28 de xullo sen que ningún traballador a secunde, sen que iso signifique que os empregados da concesionaria Prezero estean a recoller realmente o lixo que todos os días se acumula nas rúas. Ao igual que veu sucedendo ao longo do mes de xullo, cando non había paros convocados, baixas médicas, folgas de celo, folgas de brazos caídos e outras tácticas son empregadas como medidas de presión. A alcaldesa, Inés Rey, manifestou este xoves que "a cidade non vai ceder á chantaxe nin á extorsión" e apoiou as medidas ditadas por Prezero, coma os despedimentos.
Este venres a alcaldesa da Coruña asinou este venres o decreto de ampliación da emerxencia sanitaria a toda a cidade para que Valoriza limpe tamén os barrios
Ademais, atendendo á situación actual que se está a rexistrar nos barrios fóra do centro, que son os que máis están a sufrir o conflito a rexedora asinou este venres o decreto de ampliación da emerxencia sanitaria a toda a cidade, non só a determinados puntos. Isto suporá un reforzo do persoal de limpeza de Valoriza que está a asumir o servizo de recollida de emerxencia, e que permitirá traballar en dobre quenda. Desta forma, o equipo de traballo contará con 22 persoas máis para limpar en horario de mañá e tarde en toda a cidade mentres non se normalice a situación. A previsión do Concello é que este reforzo de persoal se poña en marcha este luns día 5.
A pesar de que ningún traballador fai folga, cada día a porcentaxe de residuos recollidos por parte da empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo fica en niveis mínimos na maior parte dos barrios
Cada día a porcentaxe de residuos recollidos por parte da empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo, Prezero fica en niveis mínimos na maior parte dos barrios, como amosa a táboa anterior. Dende que a Comisión de Seguimento da emerxencia sanitaria comezou a publicar diariamente os seus informes, tan só na Pescaría e no Ensanche a porcentaxe de lixo recollido se aproxima ao 100%. A contorna do Estadio tamén está a rexistrar nos últimos días porcentaxes superiores ao 60%.
Outros distritos, coma o dos Mallos moveuse alternativamente entre porcentaxes próximas ao 90% e outras preto do 0%, especialmente nos últimos días, o que contribúe a empeorar a situación neste barrio. E o Ventorrillo e Agra do Orzán estivo entre o 10% e o 60%. No resto da cidade os máis dos días as porcentaxes de residuos recollidos apenas chegaron ao 20%, o que fai que o lixo se acumule ao redor da maior parte dos contedores.
Dende o pasado 24 de xuño foron queimados 157 contedores, cun gran número de coches afectados polo lume e veciños e veciñas que tiveron que ser atendidas por intoxicación por fume
De feito, no escrito enviado á Fiscalía polo Concello alértase dunha “situación de auténtica anomalía" e dá conta dos datos “moi deficientes” de recollida de residuos por parte dos traballadores da concesionaria Prezero, pois entre o 6 e o 30 de xullo “a porcentaxe de recollida non chega, de media, ao 40%, habendo días nos que nalgúns barrios non se recolleu ningún residuo”.
Pola súa banda, na súa sétima xornada a pé de rúa, a empresa de emerxencia que reforza a recollida de residuos na cidade, Valoriza, recolleu un total de 70 toneladas de lixo. Desde a posta en marcha da recollida de emerxencia dos residuos acumulados nas rúas, os operarios de Valoriza xa recolleron un total de 466 toneladas de lixo. Iso si, parte do seu traballo tivérono que realizar escoltados pola Policía para evitar posibles ataques.