Novas obras no Hospital de Ourense reactivan as alertas das enfermeiras sobre o estado xeral do CHUO

Imaxe aérea do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) © Grupo Cobra

O Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) leva anos sometido a obras case continuas, que pasaron pola construción de novos edificios ou pola reforma ou ampliación dos xa existentes, co obxectivo de atender ás crecentes necesidades de atención. O complexo está composto en realidade por varios hospitais (Materno-Infantil, Cristal, o denominado Hospital 2050 de nova construción e mesmo o próximo Santa María Nai) de diferentes épocas de construción e que continuamente teñen que readaptarse ás novas estruturas creadas.

As obras obrigarán a pechar o cuarto andar do Hospital Cristal e ao traslado de 22 camas a un novo espazo situado nunha das "áreas de expansión" do Complexo

Nos vindeiros días unha nova obra volverá perturbar o normal funcionamento do CHUO, neste caso no Hospital Cristal, onde se vai levar a cabo unha actuación de longa duración co obxectivo de ampliar e mellorar as UCI e que obrigará a pechar o cuarto andar do edificio e ao traslado de 22 camas a un novo espazo situado nunha das "áreas de expansión" do Complexo, situada no primeiro andar, sinalan dende o Sergas. Nun primeiro momento realizarase unha revisión do inmoble para coñecer con exactitude o estado da estrutura e valorar as necesidades de actuación. Eses traballos determinarán a duración final das obras, aínda que dende o centro adiántase que terán unha longa extensión.

O presidente da Xunta visita as obras de ampliación do Hospital de Ourense © Xoán Crespo

"Necesitamos máis camas de críticos", subliña o Sergas, explicando que na terceira vaga da pandemia o hospital viuse obrigado a empregar a REA (sala de reanimación) como UCI COVID

A ampliación da UCI busca adaptar o hospital ás novas necesidades xeradas pola pandemia de COVID-19, "atendendo á posibilidade de que se manteña no tempo", explican dende a dirección da Área Sanitaria. "Necesitamos máis camas de críticos", subliñan, explicando por exemplo que na terceira vaga da pandemia o hospital viuse obrigado a empregar a REA (sala de reanimación) como UCI COVID.

A obra, da que neste momento se está a elaborar o proxecto, unirá este cuarto andar do Cristal coas UCI existentes nese mesmo nivel noutros edificios. Dende o Sergas destácase a complexidade das obras, que se desenvolverán nun dos edificios centrais do complexo "mantendo a actividade hospitalaria que se realiza ao seu redor".

"Hai pouco rematamos as obras dun macrohospital que ía ser a panacea e que non o é, e agora temos que seguir poñendo parches", critica unha enfermeira

A actuación tamén obrigará ao traslado de 25 traballadores e traballadoras (10 enfermeiras/os, 10 TCAEs e 5 celadores/as), segundo destacan dende a Comisión de Centro de Especializada da Área de Ourense, que este xoves criticou a realización destas obras e a forma en que foron comunicadas ao persoal directamente afectado, sen aviso previo e sen ofrecer detalles sobre a duración do peche ou sobre os obxectivos da actuación.

"Nin o propio persoal das UCI sabía que isto ía pasar e a propia supervisora da unidade sóuboo hoxe", sinala en conversa con Praza.gal unha das enfermeiras afectadas, pertencente ao colectivo de Enfermeiras Eventuais en Loita, que critica que "esta non é forma de tratar os profesionais" e fala dun "mandato ditatorial por parte da dirección" e dun "ninguneo" constante ás traballadoras e traballadores.

"Nin o propio persoal das UCI sabía que isto ía pasar. Esta non é forma de tratar os profesionais"

A enfermeira advirte, ademais, das continuas obras que está a sufrir dende hai anos o hospital, os usuarios e o persoal: "hai pouco rematamos as obras dun macrohospital que ía ser a panacea e que non o é, e agora temos que seguir poñendo parches".

Feijóo, o conselleiro de Sanidade e outros cargos, anunciando as futuras obras de ampliación do hospital de Ourense CC-BY-SA Xunta

A Comisión de Centro de Especializada denuncia a "continua mingua dos servizos, dos cadros de persoal e das condicións laborais das traballadoras"

A Comisión de Centro de Especializada denuncia así mesmo a "continua mingua dos servizos, dos cadros de persoal e das condicións laborais das traballadoras" realizada pola dirección do hospital, lembrando que o persoal leva máis dun ano de pandemia sometido a unha presión elevadísima, tendo que asumir constantes sacrificios e esforzos extraordinarios. "As traballadoras deben restrinxir datas de goce de xornadas pendentes (mesmo do ano 2020); deben restrinxir as súas peticións de xornadas ás que teñen dereito por razón de acordos, deben restrinxir os seus dereitos de conciliación a respecto das vacacións", explica.

"A recompensa sería unha xestión correcta da contratación e non tanta precariedade. Neste momento a maior parte dos contratos do persoal eventual son dun día", denuncia unha enfermeira

Sobre isto, a enfermeira afirma que o persoal asume os sacrificios que debe realizar nestes momento de emerxencia sanitaria e non espera "recompensas", pero si que se atalle o problema que supón a enorme precariedade que sofren. "A recompensa sería unha xestión correcta da contratación e non tanta precariedade. Neste momento a maior parte dos contratos do persoal eventual son dun día, continuamente, para ir aos centros de saúde a vacinar", alerta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.