Sanidade asegura que só ten un cirurxián pediátrico en Ourense porque non atopa máis

Hospital de Ourense © Xunta

As carencias da Cirurxía Pediátrica do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) son dende hai anos obxecto de denuncias públicas pola oposición parlamentaria, a Plataforma SOS Sanidade Pública e mesmo por familias afectadas. O servizo, resaltan, pasou de contar con catro especialistas no ano 2009 a dispoñer de só dous e, dende inicios deste ano, cun único profesional. O que entidades e familiares consideran unha mostra do "desmantelamento" desta área sanitaria no hospital ourensán é presentado pola Consellería de Sanidade como un problema de intendencia que está a tentar resolver pero non é quen de facelo. Así o manifestou o departamento diversas respostas parlamentarias nos últimos meses -a última, do propio conselleiro a preguntas de PSdeG e BNG- e vén de reiteralo nunha contestación por escrito á deputada socialista Noela Blanco, a quen indica que o Servizo Galego de Saúde non asigna un novo cirurxián pediátrico a Ourense porque non o atopa.

Nesa resposta, rexistrada no Parlamento o pasado día 17, o departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuíña indica que dende outubro de 2013 está en marcha "unha Área de Servizo Compartido de Cirurxía Pediátrica para a Zona Sur de Galicia". "Formada polos complexos hospitalarios de Ourense e Vigo", di, o "obxectivo" da súa creación era "reforzar esta prestación" no complexo ourensán, onde a sección de Cirurxía Pediática "rexistra unha actividade cirúrxica, programada e urxente, dunhas 200 intervencións anuais".

Esta actividade era asumida "ata o pasado mes de febreiro", admite a Consellería, polos "dous cirurxiáns pediátricos a tempo completo" cos que contaba o CHUO, que ademais eran "apoiados" polos servizos de Uroloxía e Cirurxía Xeral. Pero un deles pediu o traslado e "dende o pasado mes de marzo" no hospital de Ourense hai "un só especialista" nesta área, que "atende as consultas e indica a cirurxía" e ademais "o pasado día 21 [de maio]" puidéronse "reiniciar" as "intervencións de cirurxía pediátrica directamente no CHUO", pero "coa colaboración" do servizo de Vigo.

Familias, SOS Sanidade e oposición parlamentaria denuncian o "desmantelamento" do servizo

Sanidade admite, deste xeito, a precariedade dun servizo a cuxa resolución semella non poder dar un horizonte temporal. "Continúase realizando unha activa procura para contratar un cirurxián pediátrico máis", pero "existen moi poucos especialistas e ningún deles está dispoñible". A xerencia do Sergas na área de Ourense, afirma a Consellería mantén o "obxectivo irrenunciable" de "manter no CHUO este servizo de xeito integral, resolutivo e autónomo" e por iso "explorará todas aquelas opcións posibles". O "obxectivo" segue a ser, segundo Sanidade, "evitar o traslado dos rapaces de Ourense a outra provincia para ser intervidos", desprazamentos que na actualidade seguen a producirse.

"Continúase realizando unha procura para contratar un cirurxián máis, pero existen poucos especialistas e ningún está dispoñible", di Sanidade

A versión gobernamental contrasta coas denuncias das familias e de SOS Sanidade Pública, que tras achegar as queixas á Valedora do Pobo resolveu elevar o asunto á Fiscalía. A existencia dun único cirurxián pediátrico en Ourense, resaltan, provoca que as probas diagnósticas que son practicadas a nenos e nenas "caduquen" e que os pacientes pasen a "engrosar a lista de espera de Vigo". As consecuencias desta situación exemplificábaas o pasado abril o pai dunha nena ourensá que agardaba por unha intervención dunha hernia inguinal bilateral. "Non quero ir á sanidade privada, pero non vou deixar que a miña filla empeore", lamentaba Marcos Argiz en declaracións a Praza.gal.

O tempo de espera en cirurxía pediátrica de Ourense quintuplicouse nun ano e os nenos e nenas a agardar pasaron de 9 a 92

Mentres que o conselleiro Vázquez Almuíña insta a ter en conta a "calidade" da asistencia por riba da necesidade de desprazar os nenos e nenas dende Ourense a Vigo os indicadores máis recentes de listas de espera, correspondentes ao primeiro semestre do ano, reflicten que no pasado xuño estaban a agardar por unha intervención en cirurxía pediátrica do CHUO un total de 92 nenas e nenos -no mesmo mes do ano pasado eran só 9- que agardan unha media de 60,5 días, o que supón, practicamente, quintuplicar a espera media de doce meses antes, situada en 12,2 días. Mentres, en Vigo as nenas e nenos que figuran na lista de espera de cirurxía pediátrica son 124 -68 menos que un ano antes- cunha demora media de 43,7 días, 12 menos que no primeiro semestre de 2016.

Para SOS Sanidade e tamén para a oposición esta carencia de profesionais de atención sanitaria á infancia contrasta cos plans da Xunta en materia de sanidade, pero tamén coas súas declaracións a respecto do fomento da natalidade, especialmente no rural e no interior do país. Esa diverxencia entre intencións e realidade foi apuntada tamén no último debate parlamentario ao respecto pola deputada ourensá do BNG, Noa Presas, a quen o conselleiro deu en reprochar que "diga que está contenta de non ter fillos".

Intervención cirúrxica no CHUO © CHUO

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.