Nove meses de cárcere para o home detido tras a vaga de lume de 2017 por queimar unha hectárea

Área afectada por un incendio en San Cristovo de Cea Dominio Público MAPAMA

No outono de 2017, días despois da vaga de incendios que arrasou nunha fin de semana case 50.000 hectáreas en Galicia e provocou tres mortes, foron postos a disposición xudicial tres persoas como presuntas responsables de focos que afectaran 5 das hectáreas queimadas. O primeiro detido, Miguel M., botou cinco semanas en prisión preventiva logo de asegurar que provocara o lume que afectou 1,20 hectáreas nos Blancos (Ourense) ao intentar asar un chourizo nunha leira da súa muller, que intentara apagalo e que el mesmo deixara os seus datos á Garda Civil. Feijóo, que naquela altura centrara a responsabilidade da catástrofe no “terrorismo incendiario” que xa quedou demostrado que non existiu, advertira que aquela área queimada non fora só causa de intentar asar uns chourizos, senón que se trataba “dalgunha cousa máis” ca unha imprudencia.

O tribunal condénao por un delito de incendio forestal por imprudencia grave e aclara que non se pode esclarecer se prendeu lume por asar un chourizo, pero que todo apunta a que queimaba maleza

O acusado saíu do cárcere tras pagar unha fianza de 2.500 euros pero enfrontábase a unha petición de penas de prisión de un a cinco anos por incendiar montes ou masas forestais e polos posibles riscos para vivendas. Neste mércores, a Audiencia Provincial de Ourense condenouno a nove meses de cárcere e a unha multa de 1.620 euros. O tribunal relata que o home prendeu lume “por causas non esclarecidas e con omisión das máis elementais normas de coidado, dadas as condicións climatolóxicas existentes e a falta dunha limpeza adecuada da leira para evitar a propagación” e tamén que os xuíces tiveron en conta a atenuante de reparación do dano logo de que el mesmo se encargase de pagar os gastos de extinción do lume. 

O tribunal, que o condenou por un delito de incendio forestal por imprudencia grave, indica na sentenza que as vivendas estaban situadas “a uns 350 metros” e que non se probou que existise “un grave perigo para a vida das persoas”. Ademais, explica que non se puido esclarecer se prendeu lume porque estaba a asar un chourizo, tal e como sostivo o condenado, pois “non se acharon evidencias físicas no lugar” ou porque se dispoñía a queimar maleza, tal e como apunta a segunda inspección ocular. Os maxistrados destacan que omitiu “as normas máis elementais de coidado” e que ese día o risco de incendio era “extremo”.

Fotografía de Miguel M., distribuída por Adega © ADEGA

Desde que fora detido, a súa familia e amigos denunciaron a desproporción das medidas adoptadas contra el, estendendo a prisión incondicional durante cinco semanas e sendo identificado como terrorista incendiario.

Ademais, unha quincena de grupos ecoloxistas, entre eles Adega, Verdegaia e MEL e tamén a ducia de entidades que conforman a Federación Ecoloxista Galega, difundiran un comunicado de apoio ao detido, militante en organizacións ambientalistas dende os anos 80. Salientaban que se tentaba converter a Miguel "nun chibo expiatorio" da catástrofe ecolóxica provocada polos incendio, nun intento de "desviar a atención criminalizando o movemento ecoloxista e así eximir das súas responsabilidades a quen ten as competencias".

A contorna do detido criticar a desproporción da prisión incondicional durante cinco meses e que fose identificado como terrorista incendiario

O propio acusado, nunha pequena entrevista en Radio Cerna, amosárase "indignado" coa súa reclusión e sinalaba que foira "a peor experiencia" da súa vida. "Aválame a miña historia: Teño estado apagando moitos lumes e levo no movemento ecoloxista da Limia dende os 18 anos, teño agora 58", subliñaba.

Sobre o sucedido aquel domingo de outubro, simplemente comentaba que fixo "borralla para prender un pequeno lume para quentar un chourizo" e que nunca imaxinou "que puidera pasar todo isto"."O outono para min sempre fora unha época de chuvia. Estaba ademais nunha zona de carballeira, que normalmente non arde tanto como pode arder unha zona de eucaliptos", comentaba, ao igual que a súa contorna, que sostivo sempre que tentou apagar o lume que se estendera por unha imprudencia, que foi na procura de axuda e que mesmo deixou os seus datos no cuartel da Garda Civil para facerse responsable do sucedido.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.