Miguel M. leva máis dun mes no cárcere de Pereiro de Aguiar, acusado de iniciar un incendio dunha hectárea nunha leira da súa propiedade, en Os Blancos (Ourense), provocado por acender unha fogueira para asar uns chourizos. Dende a súa detención, poucos días despois da vaga de lumes que a mediados de outubro arrasou 49.000 hectáreas en toda Galicia, a súa familia e amigos veñen denunciando a desproporción das medidas adoptadas contra el, estendendo a prisión incondicional durante cinco semanas e sendo identificado como terrorista incendiario. Este martes sairá do cárcere, despois de pagar unha fianza de 2.500 euros, pero aínda terá que enfrontarse á acusación de ser responsable de delitos relacionados cos artigos 352 e 353 do Código Penal. O primeiro establece que quen incendien montes ou masas forestais "serán castigados con penas de prisión de un a cinco anos" e o segundo refírese a posible risco para vivendas.
Este martes sairá do cárcere, despois de pagar unha fianza de 2.500 euros, pero aínda terá que enfrontarse á acusación de delitos penados con entre 1 e 5 anos de prisión
Pouco despois da súa detención, unha quincena de grupos ecoloxistas, entre eles ADEGA, Verdegaia e MEL e tamén a ducia de entidades que conforman a Federación Ecoloxista Galega, difundiron un comunicado de apoio ao detido, militante en organizacións ambientalistas dende os anos 80. Salientaban que se tentaba converter a Miguel "nun chibo expiatorio" da catástrofe ecolóxica provocada polos incendio, nun intento de "desviar a atención criminalizando ao movemento ecoloxista e así eximir das súas responsabilidades a quen ten as competencias". Manuel García, amigo do detido, reitera estas críticas este martes en conversa con Praza Pública: "está a ser un chibo expiatorio, si. A detención de Miguel respondeu a un obxectivo político e só agora aceptaron que saíse do cárcere baixo fianza porque arrefriou o problema dos incendios". "Estes 20 días que o fiscal tivo paralizado o recurso de apelación sobraban. Foi unha decisión política mantelo na prisión, para ocultar a responsabilidade na vaga de lumes", engade.
"Estes 20 días que o fiscal tivo paralizado o recurso de apelación sobraban. Foi unha decisión política mantelo na prisión, para ocultar a responsabilidade na vaga de lumes"
A Audiencia Provincial de Ourense aceptou o recurso presentado polo avogado do acusado, que poderá saír de prisión, pero que deberá pasar polos xulgados cada 15 días. O auto xudicial salienta que non existe risco de fuga (entre outros motivos, polo seu arraigo en Vigo) nin elementos que indiquen que se poida producir unha "reiteración delitiva". A súa familia e amigos celebran a decisión, "pois polo menos agora poderá defenderse directamente, e explicar o que pasou", salientan. "Ademais, poderá estar cos seus, despois de máis dun mes no que só podía ver a súa familia unha vez á semana e por pouco tempo. Mesmo só lle deixaban dous minutos ao día para falar por teléfono", engaden.
Destacan que se ben as primeiras semanas o pasou moi mal no cárcere, nas últimas pasou a estar, sobre todo, "indignado pola inxustiza da súa situación"
Destacan que se ben as primeiras semanas o pasou moi mal no cárcere ("Está moi mal, derrotado, moi triste. Chorou moito estes días. E dálle moita vergonza o que pasou, porque sabe que por un erro seu, por unha imprudencia, queimouse a súa leira e el está aí detido", sinalaba a súa filla pouco despois do seu ingreso na prisión), nas últimas semanas pasou a estar, sobre todo, "indignado pola inxustiza da súa situación", destaca Manuel García.
Non só o movemento ecoloxista galego se pronunciou en favor da inocencia de Miguel M. ("todo indica que estamos ante un episodio de lume non intencionado" -din- que "en todo caso foi un incendio que el mesmo axudou a apagar e a limitar o seu alcance até ficar en testemuñal"), senón que tamén a Xunta de Persoal da Administración de Xustiza de Pontevedra (o acusado é funcionario en Vigo) saíu en defensa do seu compañeiro, denunciando que estaba a ser usado como "cabeza de turco" para "desviar a atención dos graves fallos do Goberno galego por una nefasta política contra os incendios e de protección dos nosos montes". As campañas na súa defensa tamén subliñaron o seu compromiso coa defensa do medio ambiente, demostrado na súa militancia ecoloxista ou nos poemarios dedicados principalmente á natureza da comarca da Limia ou da Serra do Xurés."Meterei o meu medo/ no desejo de ver/ nos picos das Gralheiras/ esse cam fero/ de orelhas guichas e pelo crecho", escribiu hai anos, por exemplo.
Alberto Núñez Feijoo volveu afirmar hai unhas semanas que Miguel M. estaba a facer "algunha cousa máis" que usar chourizos
Dende o Goberno galego incidiuse en varios momentos na responsabilidade dunha "trama organizada" (desmentida nos últimos anos polo fiscal de Medio Ambiente, Álvaro García Ortiz), pero a realidade é que as persoas detidas pola vaga de lumes non respondían en ningún caso a esa categoría e foran culpables da queima dunhas poucas hectáreas (1, neste caso). Mesmo así, Alberto Núñez Feijoo volveu afirmar hai unhas semanas que Miguel M. estaba a facer "algunha cousa máis" que asar chourizos. O presidente da Xunta insinuou -sen achegar máis argumentos- que posuía máis información sobre o único dos detidos que permanecía en prisión provisional.
O Xulgado de Xinzo de Limia que ditou o seu ingreso en prisión acúsao de "non tratar de apagar o lume en ningún momento", de "non avisar a ningún medio de extinción", de "mostrar un total desinterese pola propagación do incendio" e de "tratar en todo momento de agocharse", engadindo que mantivo unha "conduta posterior de ocultación". Este auto xustificaba a súa retención sen fianza na "posible reiteración delitiva”. Pola contra, a súa familia e amigos defenden a inocencia do acusado, sinalando que só se tratou dunha "imprudencia" e lembrando que foi el quen deu o aviso do incendio e que mesmo deixou os seus datos na Garda Civil antes de ser requirido, desmentindo completamente a versión do Xulgado. "Nunca houbo ningún motivo para mantelo en prisión, nin risco de fuga...", conclúen.